Javier Solana
Francisco Javier Solana de Madariaga, nado en Madrid o 14 de xullo de 1942, é un político, físico e diplomático español. Foi, desde o ano 1999 ó 2009, representante da Política Exterior e de Seguridade Común da Unión Europea.
Está casado con Concepción Giménez Díaz-Oyuelos, e teñen 2 fillos.
Traxectoria
editarJavier Solana é sobriño de segundo grao [1][2] do escritor e diplomático español Salvador de Madariaga. O seu pai foi profesor de química. O seu irmán máis vello, Luis, foi enviado á cadea polas súas actividades opositoras á ditadura do xeneral Franco.
Estudou no exclusivo Colexio do Pilar de Madrid e na Universidade Complutense de Madrid onde se licenciou en 1964. Ese mesmo ano ingresou no Partido Socialista Obrero Español (PSOE) daquela ilegal en España.
Entre 1965 e 1970, permaneceu en diversas universidades dos Estados Unidos de América, cunha bolsa da Fundación Fulbright. Neste país tomou parte nas protestas contra a guerra de Vietnam e chegou a ser presidente da Asociación de Universitarios Estranxeiros.
En 1971 regresou a España e entrou como profesor asociado de Física do estado sólido na Universidade Autónoma de Madrid, onde obtivo o doutoramento en Ciencias Físicas. En 1973 obtivo a cátedra desta especialidade na Universidade Complutense de Madrid. Durante estes anos publicou máis de trinta artigos sobre a materia.
Actividade política
editarCando regresou a España en 1971 Solana uniuse á Coordinación Democrática de Madrid como representante do PSOE.
En decembro de 1976, durante o XXVII Congreso Federal do PSOE, primeiro celebrado en España desde a guerra civil, foi elixido secretario de organización e prensa da Comisión Executiva, permanecendo cinco anos no posto. Consideróuselle amigo persoal e estreito colaborador do líder do PSOE Felipe González Márquez e un dos responsables da transformación deste partido nos anos seguintes á morte de Francisco Franco. O 20 de maio de 1977 acompañou a González na súa visita ó rei Xoán Carlos I no Palacio da Zarzuela.
Foi elixido deputado polo PSOE o 15 de xuño de 1977. Tralas eleccións de 1982 nas que o PSOE gañou a maioría absoluta no parlamento, foi ministro con este partido á fronte de Cultura (1982–1988), de Educación e Ciencia (1988–1992), de Asuntos Exteriores (1992–1995) e Voceiro do Goberno (1985-1988), sempre en gobernos presididos por González.
Durante os trece anos que permaneceu coma ministro, Solana conseguiu crearse unha sona de persoa discreta e hábil diplomático. Durante os últimos anos do goberno de Felipe González logrou manterse á marxe dos escándalos de corrupción e da implicación a guerra sucia contra ETA (véxase GAL), que caracterizaron o final do goberno do PSOE.
Para finais de 1995 Solana era o único membro do primeiro goberno de González que permanecía nel. Chegou a especularse na prensa coma o posible candidato a substituír a Felipe González á fronte do PSOE. Non obstante, Solana saltou á política internacional.
OTAN
editarO 5 de decembro de 1995 Solana converteuse no novo secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), substituíndo a Willy Claes, quen se vira na obriga de dimitir por un escándalo de corrupción. O seu nomeamento foi controvertido, xa que anteriormente Solana opuxérase á Alianza Atlántica e escribira un documento denominado 50 razóns para dicir non á OTAN [3]. O PSOE manifestárase contrario á OTAN, pero unha vez no goberno a súa actitude cambiou. O 12 de marzo de 1986 en España someteuse a referendo a permanencia na OTAN, facendo o goberno e Solana campaña de forma exitosa a favor da permanencia.
Durante o seu mandado á fronte da Alianza Atlántica desenvolveuse a guerra de Kosovo, a primeira en que participou a OTAN desde a súa constitución en 1949. Esta intervención carecía da autorización da Organización das Nacións Unidas (ONU) e consistiu basicamente no bombardeo de obxectivos militares e civís da República Federal de Iugoslavia. A OTAN xustificou os ataques por motivos humanitarios a fin de evitar unha limpeza étnica en Kosovo[3], mais o deliberado ataque de obxectivos civís xerou críticas que chegaron a acusar á OTAN de violar os acordos de Xenebra.
O 6 de outubro de 1999 cesa nas súas funcións á fronte da OTAN, sendo sucedido polo británico George Robertson.
«Señor PESC»
editarSolana converteuse no primeiro «Señor PESC», o encargado da política exterior e de defensa da UE, trala súa elección para este cargo, creado en 1999. Desde este posto pasou a ser a principal faciana da diplomacia da Unión, se ben a Comisión Europea conta cunha carteira adicional de relacións exteriores.
Adicionalmente Solana foi tamén o Secretario Xeral do Consello da Unión Europea.
Recibiu, o 17 de maio de 2007, o Premio Carlomagno da cidade de Aquisgrán, que distingue a personalidades polos seus servizos á unidade e ó progreso de Europa, pola súa contribución á paz.
Notas
editar- ↑ Biografía de Javier Solana na fundación CIDOB Arquivado 05 de setembro de 2007 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Biografía de Luis Solana, irmán de Javier Solana, no seu blog Arquivado 12 de xuño de 2007 en Wayback Machine.(en castelán)
- ↑ 3,0 3,1 A rede de Solana, 21/05/2007, El País (en castelán)
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Javier Solana |
- Consello da Unión Europea Arquivado 17 de xullo de 2007 en Wayback Machine. (en inglés)
Predecesor: Soledad Becerril |
Ministro de Cultura de España 1982 - 1988 |
Sucesor: Jorge Semprún |
Predecesor: Eduardo Sotillos |
Voceiro do Goberno de España 1985 - 1988 |
Sucesor: Rosa Conde |
Predecesor: José María Maravall |
Ministro de Educación e Ciencia de España 1988 - 1992 |
Sucesor: Alfredo Pérez Rubalcaba |
Predecesor: Francisco Fernández Ordóñez |
Ministro de Asuntos Exteriores de España 1992 - 1995 |
Sucesor: Carlos Westendorp |
Predecesor: Sergio Balanzino |
Secretario Xeral da OTAN 1995 - 1999 |
Sucesor: George Robertson |
Predecesor: Jürgen Trumpf |
Alto Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade da Unión Europea 1999 - 2009 |
Sucesor: Catherine Ashton |
Predecesor: Jürgen Trumpf |
Secretario Xeral do Consello da Unión Europea 1999 - 2009 |
Sucesor: Pierre de Boissieu |
Predecesor: José Cutileiro |
Secretario Xeral da Unión Europea Occidental 1999 - 2009 |
Sucesor: ' |