Zona eróxena
Unha zona eróxena[1] ou zona eroxénica[2] (do grego ἔρως (eros), "amor", e -γενής (genes) "nacer") é aquela parte da superficie cutánea e mucosa do corpo cuxa estimulación produce unha resposta de tipo sexual de intensidade variable, que pode chegar ó orgasmo. Estas zonas do corpo non se poden definir dun modo estándar, nin tampouco a resposta que desperta a súa estimulación, pois varían moito dunha persoa a outra, especialmente entre homes e mulleres.
Condicionantes culturais
[editar | editar a fonte]A resposta sexual está restrinxida polo ámbito cultural, que sanciona ou aproba a capacidade eróxena de cada parte do corpo. Deste modo moitos homes, especialmente os de áreas nas que a homosexualidade non está socialmente aceptada, non perciben a zona anal, as nádegas ou as mamilas como zonas eróxenas. No seu Satiricón, Petronio narra o arrepío de Encolpio cando, tras pedir remedio para a súa impotencia a unha sacerdotisa, esta lle recomenda ser penetrado cun olisbos (falo de coiro) untado con aceite de oliva mentres o azoutan con ortigas. Este tabú homosexual leva a moitos homes a renunciar á capacidade eróxena da zona anal e perianal, e o temor a adoptar un rol pasivo fainos con frecuencia reticentes a deixarse acariciar, tocar ou apalpar[3].
A medicina oriental ten localizadas unha serie de zonas eróxenas no corpo que non sempre coinciden coas preferidas polos occidentais. De modo similar ás técnicas de dixitopuntura, existen mapas corporais nos que se localizan tales áreas.
Visión psicanalítica
[editar | editar a fonte]A teoría das zonas eróxenas formulada por Sigmund Freud nas súas cartas a W. Fliess en 1896 e 1897 non ten sufrido moitas variacións con respecto ó exposto nos Drei Abhandlungen zur Sexualtheorie ("Tres ensaios sobre a teoría sexual"), publicados en 1905. Segundo Freud, toda rexión do revestimento cutáneo-mucoso pode funcionar como zona eróxena. De feito, Freud estende a eroxeneidade a todos os órganos internos. As zonas eróxenas proporcionan diferentes pulsións parciais (autoerotismo) e determinan, con maior ou menor especificidade, certo tipo de fin sexual[4].
A psicanálise parte de que a eroxeneidade de certas zonas do corpo non se pode explicar como un simple mecanismo de resposta fisiolóxica. Considérase que a existencia e o predominio de certas zonas corporais na sexualidade humana son o resultado da elección de puntos de intercambio co ambiente, na orixe do desenvolvemento psicosexual. Na teoría de Freud, co paso da infancia á adolescencia as zonas eróxenas que el denominou parciais (oral, anal e uretral) ceden a súa preeminencia á zona xenital. Así o órgano mediante o cal o rapaz adolescente obtén o pracer sexual último é o pene, unha zona eróxena xa empregada durante a infancia. Pola contra, na rapaza a zona eróxena da infancia é o clítoris, pero o seu acceso á madurez sexual está marcado polo cambio da zona eróxena principal, que pasa agora a ser a vaxina[5].
Descrición
[editar | editar a fonte]En xeral pódese dicir que algunhas partes do corpo son especialmente sensibles para case todas as persoas. Estas zonas son:[6]
- Zonas do rostro coma as pálpebras ou os beizos.
- As orellas.
- O pescozo.
- Os ombreiros.
- A parte superior e a liña central do lombo.
- Os seos -especialmente as mamilas- e o espazo entre eles.
- A cintura.
- A zona do embigo e a liña alba.
- As éngoas.
- A zona pubiana e xenital.
De todos modos, en xeral existen certas diferenzas entre as zonas eróxenas dos homes e as das mulleres, que son en parte o resultado de diferenzas anatómicas.
Nas mulleres
[editar | editar a fonte]As zonas eróxenas características das mulleres son as seguintes[6]:
Nos homes
[editar | editar a fonte]As zonas eróxenas características dos homes son as seguintes[6]:
- O pene, especialmente a glande.
- Os testículos.
- O perineo.
- O ano.
- As nádegas.
- A cara interna das coxas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definición de eróxeno no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ O adxectivo eróxeno non figura no DRAG. Si figura no Gran Dicionario Xerais da Lingua, no Dicionario de Ir Indo e tamén no Superdicionario castelán-galego editado por Morgante. Neste último, ademais figura a outra posibilidade: eroxénico/a.
- ↑ SAPETTI, A. (2006). Los senderos masculinos del placer. Editorial Galerna (en castelán). ISBN 950-556-490-2.
- ↑ www.tuanalista.com (ed.). "Zona erógena" (en castelán). Consultado o 11/02/2011.
- ↑ MARCELLI, D. (2005). Psicopatología del adolescente. Elsevier España (en castelán). ISBN 84-458-1480-X.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 www.xunta.es (ed.). "As zonas eróxenas". Arquivado dende o orixinal (Html) o 24/09/2010. Consultado o 11/02/2011. Arquivado 24/09/2010, en Wayback Machine.