Saltar ao contido

Xuízo do Prestige

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manifestación de Nunca Máis en Expocoruña, o día no que comezou o xuízo.

O xuízo pola catástrofe do Prestige deu comezo o martes 16 de outubro de 2012, case dez anos despois do afundimento, no recinto de Expocoruña, actuando como presidente do tribunal o xuíz Juan Luís Pía. Está considerado como a maior causa por delito ambiental nunca instruída en España.[1] A instrución ocupa 266.650 folios[2] en douscentos tomos, están citados 133 testemuñas e faranse un total de 98 probas periciais. Están persoadas no xuízo 2.128 persoas físicas e xurídicas,[3] incluído o Estado francés e oito concellos franceses, e actuarán 51 avogados e 28 procuradores, letrados da Xunta e da Deputación provincial da Coruña, ademais da Fiscalía e a Avogacía do Estado. Acreditáronse 200 periodistas de máis de 40 medios de comunicación.

As declaracións dos acusados e das testemuñas comezou o 13 de novembro de 2012, e a lectura da sentenza tivo lugar xusto un ano despois[4].

Instrución do xuízo

[editar | editar a fonte]

O Estado español presentou o 16 de maio de 2003 unha demanda contra a clasificadora do barco, a American Bureau of Shipping (ABS), ante os tribunais estadounidenses -a sede da empresa está nos Estados Unidos, á que se lle esixía unha indemnización de 1.000 millóns de euros. A empresa foi a que asinou o certificado de navegabilidade do buque nunhas condicións neglixentes e imprudentes, e as revisións nin sequera se fixeran de acordo coas normas internas de ABS.

En 2010, a demanda foi desestimada en primeira instancia e, tralo recurso, rexeitada polo Tribunal de Apelación do Segundo Circuíto de Nova York, en agosto de 2012.[5][6] A decisión dos xuíces baseouse en que a presunta neglixencia e imprudencia da empresa nas sucesivas revisións técnicas do petroleiro non se acreditaron suficientemente como a causa definitiva do accidente.

"Na nosa opinión, España fracasou á hora de achegar evidencias suficientes para suscitar unha disputa xenuina de material fáctico e demostrar que os demandados incumpriron o seu deber de forma imprudente, de xeito que as súas accións constituíron unha causa directa do accidente".

Este proceso nos tribunais americanos costoulle a España máis de 30 millóns de euros.

A Fiscalía presentou o informe pericial definitivo, que eleva a 4.442 millóns de euros a indemnización esixible, correspondentes ós danos directos e indirectos da marea negra e inclúe os danos a intereses privados e o impacto medioambiental sobre intereses públicos de carácter máis difuso.[8][9][10] No informe provisional, a indemnización estaba valorada en 2.233,76 millóns de euros (1.974,54 correspondentes ós gastos do estado e o resto a outras administracións e a particulares).[11] Aínda con esta duplicación do valor dos danos causados, o avogado do Estado manifestou a súa discrepancia porque di que, nalgúns casos, só acepta o 20% dos gastos dalgúns ministerios.[12]

Acusación

[editar | editar a fonte]

Están acusados o capitán do barco, Apostolos Mangouras; o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos; e o primeiro oficial, Ireneo Maloto (este en busca e captura); así como o entón director xeral de Mariña Mercante, José Luis López Sors (único alto cargo imputado). O ministerio público tamén presentou como responsables civís subsidiarios as empresas Mare Shipping, propietaria do barco, e Universe Marine, como armador.

Mangouras está acusado de desobediencia ás autoridades e ignorar as advertencias meteorolóxicas, co que "Comprometeu a seguridade do buque, puxo en perigo a tripulación durante o colapso, obstruíu as operacións de salvamento marítimo e provocou o derramo de fuel", segundo as conclusións do fiscal, que engade que ocultou á inspección feita ó barco en 2001 a información das múltiples deficiencias do barco que el coñecía. O fiscal, Álvaro García Ortiz, solicita para el unha pena de 12 anos de cadea e 43.200 millóns de euros, como indemnización, da que respondería -en caso de ser declarado culpable- á aseguradora británica The London P&I. Actúa como avogado de Mangouras o letrado vasco José María Ruíz Soroa, experto en dereito marítimo.

López Sors foi definitivamente imputado pola Audiencia provincial, que considerou que había "indicios racionales de criminalidad" na orde de impoñer o rumbo ó noroeste a un petroleiro nese estado e perdendo fuel. Esa orde nesas condicións meteorolóxicas foi "un error clamoroso", dentro dunha xestion absolutamente desacertada da situación, engadía.[13] Inicialmente houbo outros dous altos cargos imputados, Arsenio Fernández de Mesa (daquela Delegado do Goberno en Galicia) e Ángel del Real (capitán marítimo da Coruña), pero foron exculpados pola Audiencia Provincial en febreiro de 2003.

Os danos ambientais fan referencia ós máis de 1.600 quilómetros de costa española (desde a foz do Miño ata a fronteira francesa), afectados pola marea negra, así como ós causados na costa francesa, xa que o Estado español asume a representación de Francia como acusación no proceso.[14]

Imaxe dun momento do xuízo do Prestige, desde a sala de prensa (16 de outubro de 2012).

Na apertura do xuízo, os días 16 e 17 de outubro, os avogados defensores solicitaron a suspensión porque, entre outras razóns, non foi citada ó mesmo a operadora do Prestige, Universe Maritime (considerada responsable civil subsidiario). A súa solicitude foi rexeitada.

Fronte ó edificio onde se celebraba concentrouse unha manifestación de Nunca Máis na que participaron destacados dirixentes do BNG e de Esquerda Unida.

O 13 de novembro, coincidindo co décimo aniversario do accidente, comeza realmente o xuízo coa declaración do principal imputado, o capitán Mangouras. A convocatoria da folga xeral do 14N provocou a suspensión provisional, por ausencia de boa parte dos avogados, pero reanudouse sen problemas o día seguinte.

Mangouras recoñeceu que viu corrosión nas paredes dos tanques de lastre de estribor, onde se produciu a primeira greta, pero que el non estaba capacitado para valorar a súa transcendencia: "Non son técnico e non sei interpretalo"; non obstante, o 30 de outubro, 13 días antes do accidente, asinara un informe no que certificaba que non había defectos e que o buque estaba en boas condicións. Tamén negou que houbese resistencia ningunha ás autoridades nin ós equipos de rescate: "Nós contribuímos con todo o que puidemos".

Neste primeiro día de xuízo, varios activistas de Greenpeace penduraron da fachada de Expocoruña unha gran pancarta co lema Onde están os responsables? sobre as fotografías de Fernández de Mesa, Álvarez Cascos (daquela ministro de Fomento, departamento responsable de salvamento marítimo), Arias Cañete (ministro de Agricultura), Jaume Matas (ministro de Medio Ambiente) e Mariano Rajoy (vicepresidente de Goberno e responsable do gabinete de crise).

  1. "El fiscal culpa sólo a Mangouras de la marea negra y le pide 12 años de cárcel", artigo en El País, 10 de xuño de 2010 (en castelán).
  2. 230.215 folios, segundo outras fontes: "Juicio del Prestige: Claves de la mayor marea negra de España", en Huffington Post, 15 de outubro de 2012 (en castelán).
  3. Só uns 1.500 dos case 20.000 afectados contabilizados nun primeiro momento, manteñen a súa reclamación neste xuízo. O resto renunciou a novas reclamacións tras recibir as subvencións adiantadas polo Estado.
  4. "Chega a sentenza 'eivada' do Prestige", artigo de Miguel Pardo en Praza Pública, 13 de novembro de 2013.
  5. "España di adeus a recuperar o gasto do «Prestige» en EE.UU.", artigo de Pablo González en La Voz de Galicia, 31 de agosto de 2012.
  6. "Un caso complexo e larguísimo que custou xa máis de 30 millóns de euros", artigo en La Voz de Galicia, 31 de agosto de 2012.
  7. "España di adeus a recuperar o gasto do «Prestige» en EE.UU.", artigo de Pablo González en La Voz de Galicia; extracto do auto xudicial.
  8. "A defensa de Mangouras centra a súa estratexia en lograr unha suspensión do xuízo", artigo de Pablo González en La Voz de Galicia, 16 de outubro de 2012.
  9. "La fiscalía eleva a 4.442 millones la reclamación de daños económicos", artigo de S. Vizoso e Paola Obelleiro en El País, 16 de outubro de 2012 (en castelán).
  10. "El Estado estudia perseguir a la ausente armadora del 'Prestige'", artigo de Paola Obelleiro en El País, 17 de outubro de 2012 .
  11. La Voz de Galicia, 12 de outubro de 2012.
  12. La Voz de Galicia, 17 de outubro de 2012.
  13. [1] El País, 10 de xuño de 2012.
  14. El País, 16.10.2012 [2].