Sun Wukong
Sun Wukong (en chinés: 孙悟空) ou o Rei Mono, é unha figura mitolóxica e personaxe deus mono da novela chinesa Viaxe ó Oeste, obra clásica da literatura chinesa. Este personaxe áchase entre un deus embusteiro, un superheroe e unha alegoría. As orixes do Rei Macaco anteceden o romance chinés, e remóntanse ao Deus Macaco, Hanuman, da épica hindú ao Ramayana e á dinastía Song.[1]
Os personaxes chamados Son Goku son achados en abondosas series de anime e manga xaponesas baseadas neste mito, e tamén bandas deseñadas europeas e videoxogos [2][3]. Un deles, posibelmente o máis coñecido, está no universo de Dragon Ball e outro na serie Gensomaden Saiyuki. No anime de Doraemon e no de Shin Chan tamén aparece a historia.
Saiyuki (película)
[editar | editar a fonte]Unha das películas sobranceiras de anime máis temperáns foi adaptada de Boku no Son Gokū (ぼくの孫悟空 O meu Son Gokū), un manga de 1953 creado por Osamu Tezuka (de Astro Boy e Black Jack), Saiyuki foi unha das primeiras estreas da Toei Animation (que se estabeleceran xusto tres anos antes, en 1957, coma parte de Toei Productions). Daquela, a Toei Animation adaptouse para crear películas de longa duración, como pasou con Saiyuki, que foi estreada orixinalmente no Xapón en 1960 baixo o mesmo título cá novela da cal véu: Saiyuki.
Gensomaden Saiyuki
[editar | editar a fonte]En Gensomaden Saiyuki, Son Goku, coma o lendario Sun Wukong, é un demo herético que foi encarcerado nunha cova durante quiñentos anos coma castigo polos seus crimes contra o Ceo. Acabou sendo liberado por Genjo Sanzo e vixiado no mosteiro administrado por Sanzo. Cando Sanzo foi enviado polos deuses para viaxar ó oeste para parar unha onda de enerxía negativa que fai que os demos do mundo perdan o control e que ataquen os humanos con quen viviran pacificamente, Son Goku acompáñao, xunto co demo Cho Hakkai e co medio demo Sha Gojyo.
Son Goku é un loitador experto co nyoi-bō. Aínda que é un demo, mantense en forma humana cun limitador de poder de ouro que leva coma unha coroa pequena. Cando a quita ou perde, perde o control e non é quen de distingui-los amigos dos inimigos, feito do máis perigoso xa que a súa forza só é rivalizada polos máis grandes deuses e demos. O concepto da coroa limitadora de poder está inspirada na lenda orixinal chinesa. A diferenza doutras lendas onde o título Seiten Taisei foi autoconcedido para indica-la súa iluminación, outros deron o título de Goku para indicar que o seu poder era case igual ó dos deuses.
No anime e no manga, Goku vese coma un monstro no canto dun demo e, alén diso, non pode morrer, tanto tén o brutal que se lle bata ou canto tempo leve sen comer. Ademais é un pozo sen fondo para a comida, posibelmente como resultado de non comer durante todo o seu encarceramento, e é extremadamente agarimoso. Naceu das enerxías caóticas da terra, xurdindo dunha rocha no cumio dunha montaña. Así, non tén ningún pai e Genjo Sanzo actúa coma un garda na súa vida anterior e actual. Goku está moi apegado a Sanzo e se algunha vez Sanzo é mancado, Goku ocúpase del, e as súas habilidades de loita aumentan enormemente.
Foi dobrado por Soichiro Hoshi, un bo amigo de Akira Ishida, quen dobrou Hakkai.
Gokudo-kun Man'yūki
[editar | editar a fonte]O anime Gokudo-kun Manyuki trata do Rei Mono Gokudo, que é un mercenario, diferente á maioría dos protagonistas xa que se acha máis preto dun bandido ca dun heroe. Non vacila en se aproveitar das necesidades das persoas ou en vende-los seus amigos para se salvar el.
Dragon Ball
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Son Goku.
En Dragon Ball, Son Goku é un Saiyan que foi enviado para Terra sendo un bebé. El e a serie manga están libremente baseados nos monos e en Viaxe ó Oeste [4]. Goku é moi forte comparado cos humanos e cos seus amigos, e tén un rabo de mono. Tamén tén un apetito practicamente infinito, e é moi inxenuo sobre moitas cousas ata que Bulma llas ensina doutro xeito. Nas últimas partes de Dragon Ball (coñecidas tamén coma Dragon Ball Z na adaptación de anime) Goku e a serie vanse afastando das súas orixes en Viaxe ó Oeste e achéganse máis á ficción científica, cun argumento orientado a viaxes polo espazo exterior, personaxes androides/cyborg etc.
Diferenzas entre o anime e Sun Wukong
[editar | editar a fonte]Hai algunhas diferenzas importantes entre o Son Goku presentado na serie Dragon Ball e Sun Wukong.
Respecto á aparencia, Son Goku é un guerreiro novo da raza Saiyan enviado para a Terra sendo un bebé. Usa un uniforme de algodón e tén o pelo con puntas en tódalas direccións. Sun Wukong vístese luxosamente, leva unha coroa, e vese máis mono ca humano.
Respecto á personalidade, Son Goku é inocente, puro de corazón e é incribelmente inxenuo e crédulo. Canto a Sun Wukong, el é un chisco embusteiro e coñécese por ter causado unha certa cantidade de problemas no ceo.
Política
[editar | editar a fonte]Mao Zedong usou o Sun Wukong como un modelo de conduta e nos seus discursos falaba do bo exemplo do Rei Macaco, citando o "seu destemor e traballo realizado co obxectivo de extirpar a pobreza da China".[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "P. Sun Wukong". Vbtutor. Consultado o 21-1-2022.
- ↑ "O rei macaco de Milo Manara". Notas BDfilas.
- ↑ "Monkey Hero". Dota2.
- ↑ "Conheça o romance chinês que inspirou Dragon Ball". UOL.com.br.
- ↑ "The Cultural Revolution". Chinaposters.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sun Wukong |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sun Wukong Character Profile Detalles sobre Sun Wukong, con listas e explicacións sobre os seus varios nomes, arma, habilidades, poderes e personalidade.
- História de Sun Wukong com manhua Arquivado 04 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
- Sun Wukong's entry at Godchecker
- 'Journey to the West'
- History of Monkey King with links to performances of "Journey to the West" by New York City's Official Storyteller Arquivado 05 de outubro de 2016 en Wayback Machine.
- Texto anotado de Rei Macaco, pasando o mouse sobre calquera palabra chinesa aparecen explicacións e definicións para seu uso.
- PopMatters.com Artigo no "Heavy Metal Monkey King"