Saltar ao contido

Ska punk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ska punk
Orixe musicalska, punk rock, 2 Tone, hardcore punk
Orixe culturalfinais dos 70 no Reino Unido e nos Estados Unidos
Instrumentos típicosguitarra eléctrica, baixo, teclados, trompeta, trombón, saxofón, batería
Subxéneros
ska-core

O ska punk é un xénero musical que combina ska e punk rock.[1] Apareceu a finais dos anos 70 no Reino Unido e nos Estados Unidos, e acadou o seu máximo nivel de éxito comercial neste último país a finais da década dos 90.[2] O ska-core (ás veces escrito skacore) é un subxénero do ska punk que mestura ska con hardcore punk.[3]

O ska-punk máis influenciado polo punk adoita a ter tempos máis rápidos, distorsión de guitarra, e ritmos de batería e voces de estilo punk. O máis influenciado polo ska conta cunha instrumentación máis desenvolvida e un son máis claro. Instrumentos comúns son a guitarra eléctrica, o baixo, os teclados e instrumentos de vento-metal.

O ska e o punk rock combinouse por vez primeira a través do movemento 2 Tone a finais dos anos 70 en Inglaterra,[4] que contaba como bandas como The Specials, The Selecter, The Beat e Madness. A fusión dos dous xéneros, porén, fíxose máis notoria nos anos 80, durante a "terceira onda do ska".

Fishbone, fundada en 1979 nos Ánxeles, é amplamente considerada unha pioneira do xénero ska punk. A ela seguíronlle bandas como The Mighty Mighty Bosstones, aparecida en 1983 en Boston; Mr. Bungle nacida en California en 1985; Culture Shock, fundada en 1986 en Warminster, Inglaterra; Operation Ivy, en 1987 en Berkeley (California); Voodoo Glow Skulls en 1988 en Riverside (California); Dance Hall Crashers, en 1989 en Berkeley; e Citizen Fish en 1990 en Bath (sur de Inglaterra). The Offspring e Rancid teñen tamén no seu repertorio algunhas cancións ska punk.

Unha das primeiras aparicións do termo ska-core foi no título do álbum de 1993 de The Mighty Mighty Bosstones Ska-Core, the Devil, and More.

No Doubt conseguiría popularidade entre o gran público tras o lanzamento do seu álbum de 1995 Tragic Kingdom, e Sublime faría o mesmo tras publicar en 1996 Sublime. Ámbolos dous traballos chegarían a ser discos de platino varias veces, chegando o de No Doubt á certificación de disco de diamante. The Mighty Mighty Bosstones apareceron en 1995 na película Clueless, e o seu álbum de 1997 Let's Face It sería platino.[5] Cancións de Less Than Jake foron incluídas nas bandas sonoras das películas de 1997 Scream 2 e Good Burger. Reel Big Fish tivo temas na película de 1998 BASEketball, e Save Ferris apareeu un ano máis tarde no filme 10 Things I Hate About You.

  1. Allmusic (ed.). "Allmusic - Ska Revival". Archived from the original on 09 de decembro de 2010. Consultado o 8 de marzo de 2016. 
  2. Allmusic (ed.). "Allmusic - Third Wave Ska Revival". Archived from the original on 09 de decembro de 2010. Consultado o 8 de marzo de 2016. 
  3. "United Colors of Beantown". CMJ New Music Monthly (81): 47. 2000. 
  4. Allmusic (ed.). "Allmusic - Ska Punk". Archived from the original on 09 de decembro de 2010. Consultado o 8 de marzo de 2016. 
  5. Allmusic (ed.). "The Mighty Mighty Bosstones en Allmusic". Consultado o 8 de marzo de 2016.