Saltar ao contido

Rizoderme

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En Botánica, denomínase rizoderme ou epiblema á epiderme da raíz, na cal se forman os pelos absorbentes. Ten funcións principalmente absorbentes. Moitas veces a rizoderme denomínase simplemente epiderme, pero algúns histólogos opinan que a epiderme da raíz é un tecido distinto da epiderme do talo e debe ter o seu propio nome, debido a que a súa orixe, estrutura e función son distintas.[1]

A rizoderme é uniestratificada, é dicir, está composta por unha soa capa de células, as cales son alongadas, e están dispostas moi apertadas entre si. Teñen paredes delgadas e normalmente sen cutícula.

Na rexión adxacente á caliptra as células da rizoderme son pequenas e con citoplasma denso, sen vacúolos. En raíces que conservan a súa rizoderme por moito tempo, e só a substitúen tardiamente pola periderme, as paredes celulares poden engrosarse, é dicir poden suberificarse ou lignificarse. Pero xa antes de que se destrúa a rizoderme fórmase debaixo unha exoderme protectora.

Os pelos radicais encóntranse na denominada «zona pilífera» da raíz e son parte da rizoderme. Poden orixinarse en todas as células rizodérmicas, só en certas células chamadas tricoblastos (algo máis pequenas), ou en casos máis raros poden proceder da capa subepidérmica. Son pelos tubulosos, raramente ramificados, cun vacúolo central enorme, con citoplasma pegado ás pareddes, e un núcleo poliploide situado no extremo do pelo, que se alonga. Viven poucos días, e a súa función é aumentar a superficie de absorción da raíz para a toma de auga e nutrientes en solución.[2]

Na familia das Fabaceae (leguminosas) a rizoderme participa no recoñecemento e captación das bacterias fixadoras de nitróxeno (rizobios), e nos primeiros pasos necesarios para a nodulación ou formación de nódulos na raíz fixadores de nitróxeno. Os pelos absorbentes medran dirixíndose ás bacterias fixadoras do chan e rodeándoas e encapsulándoas; despois as bacterias multiplícanse e forman un filamento de infección que entra no pelo absorbente e penetra na raíz, formando os nódulos simbióticos.

  1. Esau, K. 1976. Anatomía Vegetal. Omega. Páxina 168. ISBN 84-282-0169-2.
  2. Strassburger, E. 1994. Tratado de Botánica. 8va. edición. Omega, Barcelona, 1088 p.
  • Font Quer, P. (1982). Barcelona: Editorial Labor, S. A., ed. Diccionario de Botánica. 8ª reimpresión. 84-335-5804-8. 
  • Gola, G., Negri, G. e Cappeletti, C. 1965. Tratado de Botánica. 2da. edición. Editorial Labor S.A., Barcelona, 1110 p.