Saltar ao contido

Reino de Ndongo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaReino de Ndongo

Localización
Editar o valor en Wikidata

Reino de Ndongo é o nome co que se coñece un estado precolonial africano situado no norte da actual Angola, habitado polos mbundu, un pobo bantú.[1]

O núcleo orixinal do reino estaba nas terras altas ao leste de Luanda, entre os ríos Cuanza e Lucala.[1]

Orixe do reino

[editar | editar a fonte]

Os rexistros máis antigos acerca deste reino datan do século XVI. Foi un dos estados vasalos do reino do Congo que existían na rexión, sendo dentre eles o de Ndongo o máis poderoso, liderado por un rei cuxo título era N'gola.

Pouco se sabe acerca do reino a principios do século XVI. "Angola" (adaptación ao portugués de N'gola) encontrábase entre os moitos títulos do rei do Congo en 1535. Suponse pois que Ndongo sería daquela un dos estados subordinados ao reino do Congo.

Na tradición oral, recollida a finais do século XVI, particularmente polo xesuíta Baltasar Barreira, descríbese ao fundador do reino, Ngola Kiluanje, tamén coñecido como Ngola Inene, como chegado do Congo. Segundo outra tradición oral, o reino foi fundado polo rei Ngola Nzinga, que liderou a emigración do pobo mbundu desde o río Níxer, alcanzando o leste da actual Angola, habitada polo pobo teowkwe, e instalándose en Malange; Ngola Kiluanje sería o cuarto rei de Ndongo, alcanzando o cargo tras a morte do seu tío, o rei Ngola Kimbanda.

Intento de independencia

[editar | editar a fonte]

En 1518 o rei de Ndongo enviou unha embaixada ao reino de Portugal solicitando misioneiros e, indirectamente, solicitando o recoñecemento da súa independencia con respecto ao reino do Congo. Unha misión portuguesa chegou a Ndongo en 1520, pero disputas locais e poida que tamén a presión do Congo forzaron os misioneiros a abandonar.

Guerra de 1556

[editar | editar a fonte]

Cerca de 1556, o rei de Ndongo enviou outra misión a Portugal solicitando axuda militar, e ofrecéndose para ser cristianizado. En 1901, E. G. Ravenstein afirmou que esta misión foi o resultado da guerra entre o Congo e Ndongo, na cal Ndongo resultou vencedor, afirmando así a súa independencia. O mesmo afirmou Jan Vansina en 1966.

Unha segunda misión portuguesa, liderada por Paulo Dias de Novais, neto do navegante e explorador Bartolomeu Dias, desembarcou na foz do río Cuanza en 1560, xunto con varios padres xesuítas, entre eles Francisco de Gouveia. A misión de Dias de Novais foi un novo fracaso, polo que regresou a Portugal en 1564.

Conflitos coa inicial colonia portuguesa de Angola

[editar | editar a fonte]
Dona Ana de Sousa, ou Nzinga Mbande Cakombe, raíña de Ndongo e Matamba.

En 1571 a coroa portuguesa deu a Dias de Novais licenza para establecer unha colonia en Angola, autorizándoo a facer conquistas na rexión, instalar colonos e construír postos militares. Paulo Dias de Novais chegou a Luanda en 1575, situada entón en territorio do reino do Congo.

A chegada dos colonos portugueses alterou a situación política da rexión, cos portugueses intentando intervir na administración do reino de Ndongo, o que levou á guerra entre Ndongo e Portugal en 1579. O veciño reino de Matamba desempeñou un pequeno papel nos inicios da guerra, pero a ameaza dunha vitoria portuguesa incentivou o gobernante de Matamba (probabelmente un rei chamado Kambolo Matamba) a intervir, enviando un exército para axudar o reino de Ndongo contra os portugueses, e xogando un papel determinante na derrota destes portugueses na batalla de Lukala en 1590.

Incapaz de conquistar territorios por si mesmo, Dias de Novais fixo alianzas temporais con ambos os reinos, o do Congo e o de Ndongo, servindo as súas tropas como un exército mercenario.

Entre 1640 e 1648 a cidade costeira portuguesa de Luanda foi ocupada polos Países Baixos, que a rebautizaron como Fort Aardenburgh, prestando a famosa raíña Nzinga apoio militar aos neerlandeses.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Amaral, Ilídio do (1966): O Reino do Congo, os Mbundu (ou Ambundos) o Reino dos "Ngola" (ou de Angola) e a presença Portuguesa de finais do século XV a meados do século XVI. Lisboa: Ministério da Ciência e da Tecnologia. Instituto de Investigação Tropical. ISBN 97-2672-859-2.
  • Heywood, Linda & John Thornton (2007): Central Africans, Atlantic Creoles, and the Foundation of America, 1580-1660. Cambridge, UK: Cambridge University Press. ISBN 978-0521779227

Outros artigos

[editar | editar a fonte]