Saltar ao contido

Ponte da Cigarrosa

Ponte da Cigarrosa
Localización
Coordenadas42°23′17″N 7°06′43″O / 42.388055555556, -7.1119444444444
RíoRío Sil
ConcelloPetín-A Rúa
ProvinciaOurense
Características
Construciónséculo XVI
MaterialPedra
Vista da ponte.

A ponte da Cigarrosa é unha construción do século XVI que cruza o río Sil entre as parroquias de Petín e A Rúa de Valdeorras. Ten cinco arcos de diferente tamaño e forma, con catro piares tamén desiguais.

Miliario xunto á ponte.

Ten a súa orixe nunha construción anterior romana feita durante os reinados de Tito e Domiciano como parte da Vía Nova do itinerario de Antonino entre Braga e Astorga. Foi reconstruída en 1577 por Juan de Náveda[1] e reformada un século despois. Da época romana consérvanse no segundo piar cinco fileiras de bloques e os alicerces do cuarto piar, se ben adoitan estar cubertas pola auga. A ponte recibe o seu nome da mansión de Forum Cigurrorum, pois a zona estaba habitada pola tribo dos guigurros. A carón da ponte atopáronse unha lápida e uns mosaicos de época romana, conservados no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense[2][3]. En 2022 atopouse un miliario.[4].

Os cinco arcos teñen luz variable. Os catro piares teñen tallamares triangulares augas arriba, e dous tallamares augas abaixo. Catro dos arcos son apuntados, mentres que o arco segundo, que é o de maior luz, é de medio punto. O quinto arco está moi reformado, xa que foi recuberto de formigón respectando a primitiva forma apuntada ao construír o encoro de San Martiño a mediados do século XX. Pola contra, o terceiro arco ten moi pouca luz comparado cos demais arcos. Os tallamares son triangulares-apiramidados, mais debido ás sucesivas restauracións que sufriu a ponte amosan unha acusada desigualdade, non só no trazado senón tamén da fábrica construtiva.

A mediados do século XIX configurouse a estrada de segunda orde Ponferrada-Ourense, que discorría pola ponte. En 1904 levouse a cabo unha reparación dirixida por Manuel Díez Sanjurjo. A partir de 1941, tras a aprobación do Plan Peña, a estrada pasou a nomearse N-120, e xa en 1987 pasou a formar parte da OU-533, se ben por entón se construíu outra ponte paralela augas abaixo, polo que é de uso peonil.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]