Pereion
O pereion é un tagma ou rexión do corpo dos crustáceos, que está formado polo conxunto de toracómeros (segmentos do tórax) libres, non fusionados coa cabeza.[1][2]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Pereion é un termo do latín científico tirado do grego antigo περαιων pereiôn, "que atravesa", derivado de περαιόω pereióō "atravesar", "facer pasar".
Estrutura
[editar | editar a fonte]Os metámeros ou segmentos que integran o pereion reciben o nome de pereionitos ou pereiómeros, e os seus apéndices denomínanse pereiópodos, isto é, "patas do pereion".[3]
Os termos pereion e tórax son similares, pero poden non ser equivalentes en todos os casos porque os primeiros segmentos torácicos teñen tendencia a fusionarse coa cabeza, formando o cefalotórax; así, o termo pereion resérvase para o conxunto de segmentos libres.
Por exemplo, os malacostráceos teñen un tórax formado por 8 segmentos ou toracómeros, dos cales 0, 1, 2 ou 3 fusiónanse coa cabeza e os seus apéndices respectivos transfórmanse en maxilípedos (patas con funcións tróficas). Así, a pesar de que todos os malacostráceos teñen 8 segmentos torácicos, o seu pereion pode ter 8, 7, 6 ou 5 segmentos ou pereionitos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. McGraw-Hill-Interamericana, Madrid. ISBN 0-87893-097-3.
- ↑ Crustacea Glossary Arquivado 14 de decembro de 2014 en Wayback Machine. Natural History Museum of Los Angeles County. (en inglés).
- ↑ De pereio- e -podo do grego πούς, ποδός poús, podós "pé".