Patty Hearst
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Patricia Campbell Hearst 20 de febreiro de 1954 (70 anos) San Francisco, Estados Unidos de América |
Outros nomes | Tania (1974–1975) |
Educación | Crystal Springs Uplands School (en) Menlo College (en) Universidade de California, Berkeley Santa Catalina School (en) Sacred Heart Preparatory (en) |
Actividade | |
Ocupación | actriz, actriz de televisión, actriz de cinema, assaltante de bancos (pt) , socialité, guionista |
Familia | |
Fillos | Lydia Hearst |
Pais | Randolph Apperson Hearst e Catherine Wood Campbell |
Irmáns | Anne Hearst |
Cronoloxía | |
4 de febreiro de 1974-setembro de 1975 | Secuestro |
Patricia Campbell Hearst, nada en San Francisco o 20 de febreiro de 1954, é a neta do magnate estadounidense William Randolph Hearst, coñecida por ser secuestrada en 1974 polo Exército Simbionés de Liberación e aliarse ao mesmo grupo radical.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Hearst naceu en San Francisco, California,[a] terceira das cinco fillas de Randolph Apperson Hearst e Catherine Wood Campbell. Creceu principalmente en Hillsborough. Asistiu ao Crystal Springs School for Girls de Hillsborough e á Santa Catalina School de Monterey. Patty estudou no Menlo College de Atherton, California, antes de cambiarse á Universidade de California, Berkeley. A pesar da riqueza do seu avó, o pai de Hearst era só un dos numerosos herdeiros, e non tiña control nos intereses de Hearst. Os seus pais non consideraron necesario tomar medida ningunha sobre a súa seguridade persoal. No momento do seu secuestro era que alumna de segundo ano en Berkeley, que estudaba historia da arte e vivía co seu mozo, Steven Weed.[3]
Foi secuestrada o 4 de febreiro de 1974 do apartamento do seu mozo en California por un pequeno grupo de esquerda denominado Exército Simbionés de Liberación (Symbionese Liberation Army ou SLA).[4] Os pedimentos do grupo deron como resultado a doazón por parte da familia Hearst de comida por un valor de seis millóns de dólares para os pobres, despois do cal non houbo novas de Patricia.
Pouco despois, o 5 de abril de 1974, foi fotografada cun rifle de asalto durante o atraco a unha das sucursais do banco Hibernia. Máis tarde sóubose que cambiara o seu nome polo de Tania, en memoria da guerrilleira arxentina Tamara Bunke que combateu canda o Che Guevara en Bolivia, e que se comprometera coas ideas do Exército Simbionés de Liberación.[5] Ditouse unha orde xudicial de captura e en setembro de 1975 foi arrestada no apartamento doutro dos militantes.
No seu xuízo, comezado o 20 de marzo de 1976, Hearst declarou que fora encerrada nun armario e sometida a abusos físicos e sexuais, o que causou a súa decisión de comprometerse co grupo, un caso extremo da síndrome de Estocolmo, en que os reféns acaban compadecéndose dos captores. A defensa non tivo éxito e Hearst foi acusada de roubo a banco. A súa sentenza foi reducida despois de vinte e dous meses polo presidente Jimmy Carter. Hearst foi posta en liberdade o 1 de febreiro de 1979. Máis tarde foi indultada polo presidente Bill Clinton o último día do seu mandato.[6][7]
Dous meses despois da súa liberación de prisión, Hearst casou con Bernard Lee Shaw (1945–2013),[8] policía que formou parte da súa seguridade mentres estaba baixo fianza. Faleceu en 2013 e tiveron dúas fillas, Gillian e Lydia Hearst-Shaw.[9][10] Hearst involucrouse nunha fundación que axuda os nenos vítimas da sida e colabora con outras obras de caridade e actividades para a recollida de fondos.[11]
Hearst publicou o libro de memorias Every Secret Thing en 1981, e provocou que as autoridades considerasen en acusala de novos cargos.[12] Foi entrevistada en 2009 na NBC e dixo que o fiscal suxerira que tivera relacións consentidas con William "Willie" Wolfe, o que ela considerou indignante e ofensivo para as vítimas de violacións.[13]
Hearst produciu un especial para Travel Channel titulado Secrets of San Simeon with Patricia Hearst, en que filmou vistas do interior da mansión do seu avó (Hearst Castle), ofrecendo acceso sen precedentes á propiedade.[14] Apareceu tamén en filmes do director John Waters, que a contratou para Cry-Baby, Serial Mom, Pecker, A Dirty Shame e Cecil B. DeMented. Colaborou con Cordelia Frances Biddle na novela Murder at San Simeon (Scribner, 1996), baseada na morte de Thomas H. Ince no iate do seu avó.[11] Tamén apareceu no episodio "Lord of the Pi's" da terceira tempada de Veronica Mars. A súa personaxe era a herdeira dunha familia ficticia, vagamente baseada na súa vida.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O California Birth Index[1] corrobora o lugar de nacemento como o condado de San Francisco; o lugar de nacemento é citado como San Francisco en Women in World History (2000), entre outras publicacións.[2]
- Referencias
- ↑ "The Birth of Patricia Campbell Hearts". The California Birth Index. California Vital Statistics. Consultado o 19 de abril de 2018.
- ↑ Commire, Anne; Klezmer, Deborah (2000). Women in World History 7. Yorkin Publications. p. 137. ISBN 978-0-787-64066-8.
- ↑ "Patty Hearst Profile". CNN. Consultado o 5 de xullo de 2014.
- ↑ "Patty Hearst Kidnapping". FBI.gov. Consultado o 15 de abril de 2014.
- ↑ "Timeline: Guerrilla: The Taking of Patty Hearst". American Experience. 8 de agosto de 2006.
- ↑ Dell, Kristina; Myers, Rebecca. "The 10 Most Notorious Presidential Pardons – Patty Hearst". Time.com. Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2011. Consultado o 16 de setembro de 2011.
- ↑ Office of Public Affairs (20 de xaneiro de 2001). "President Clinton's Pardons, January 2001". United States Department of Justice. Consultado o 24 de novembro de 2008.
- ↑ Slotnik, Daniel E. (19 de decembro de 2013). "Bernard Shaw, Husband and Bodyguard of Patty Hearst, Dies at 68". The New York Times. Consultado o 19 de xuño de 2017.
- ↑ Patty Hearst's husband Bernard Shaw dies at 68. Fox News (18 de decembro de 2013). Consultado o 15 de abril de 2014.
- ↑ Garcia, Jennifer; Shira, Dahvi (18 de decembro de 2013). "Patty Hearst’s Husband Bernard Shaw Dies at 68". Time Inc. People Magazine. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ 11,0 11,1 Gross, Jane (10 de setembro de 1988). "Full Circle: The New Life of Patty Hearst". New York Times.
- ↑ Twomey, Steve (27 de decembro de 1981). "Patty Hearst Case Prosecutors are taking another look, The Day". Knight-Ridder Newspapers.
- ↑ NBC, Transcript: Kidnapped Heiress: The Patty Hearst Story
- ↑ Gritten, David (4 de marzo de 2001). "Welcome to Her Latest Life". Los Angeles Times. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2016. Consultado o 4 de febreiro de 2019.
"Secrets of San Simeon" tackles this issue head-on, in a ... Patricia Hearst was also encouraged to make the TV special because...
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Patty Hearst |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Toobin, Jeffrey (2016). American Heiress: The Wild Saga of the Kidnapping, Crimes and Trial of Patty Hearst. Knopf Doubleday. ISBN 9780385536714.
- Graebner, William (2008). Patty's Got a Gun: Patricia Hearst in 1970s America. University of Chicago Press. ISBN 9780226305226.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Patricia Hearst y el síndrome de EstocolmoArquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine.