Pandita Ramabai
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de abril de 1858 Mangalore (Raj Británico) |
Morte | 5 de abril de 1922 (63 anos) Kedgaon, Pune district (Raj Británico) |
Actividade | |
Ocupación | autobiógrafa, socióloga, tradutora, tradutora da Biblia, escritora |
Período de actividade | 1885 - |
Descrito pola fonte | Overlooked No More: Pandita Ramabai, Indian Scholar, Feminist and Educator (en) Pune Heritage (en) |
Pandita Ramabai Sarasvati, nada como Rama Dongre en Mangalore o 23 de abril de 1858 e finada en Pune o 5 de abril de 1922, foi unha escritora, activista polos dereitos e a educación das mulleres e unha reformadora social india. Foi a primeira muller en ser recoñecida co título de Pandita[1].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no seu dunha familia brahmana marathi, seu pai, Anant Shastri Dongre, era un estudoso do sánscrito e aprendeulles esa lingua clásica á muller, Lakshimi e os fillos contra da tradición. A familia vivía pobremente do que obtiña seu pai lendo os puranas polas aldeas e vilas e durante a Gran Fame de 1876-78 morréronlle seus pais e súa irmá. Ramá e seu irmán Srinivas continuaron a viaxar por toda a India recitando as escrituras en sánscrito[2]. A fama de Ramabai chegou a Calcuta, e os pandits convidárona a visitar Bengala e en 1878 a Universidade de Calcuta, nunha competición con outros candidatos homes, conferiulle os títulos de Pandita e Sarasvati[3] polo seu coñecemento dos versos das escrituras en sánscrito. O reformador relixioso monoteísta Keshab Chandra Sen deulle unha copia de Vedas, o texto máis sagrado de toda a literatura hinduísta, e animouna a lelos. Tras a morte de Srinivas en 1880, Ramabai casou con Bipin Behari Medhvi, un avogado bengalí, un kayastha, unha casta alta mais inferior á brahmana e polo tanto a voda considerábase inapropiada nesa época. Casaron nunha cerimonia civil o 13 de novembro de 1880, e o matrimonio tivo unha filla, Manorama.
Activismo
[editar | editar a fonte]Despois da morte de Medhvi en 1882, Ramabai, que tiña 23 anos, mudouse para Pune e fundou a organización Arya Mahila Samaj[4]co obxectivo de promover a educación das mulleres e a liberación da opresión do matrimonio infantil. Nese ano tamén publicou o seu primeiro libro, Strīdharmanīti en marathi, dedicado á educación das mulleres[5]. Cando en 1882 o goberno da India creou unha comisión para constatar o estado da educación, Ramabai declarou que a maioría dos homes se opuñan á educación e a mellora da posición das mulleres, e suxeriu que se educase a profesoras e que se creasen postos para inspectores das escolas femininas e ademais que se habían de admitir mulleres nas facultades de medicina. As súas palabras foron moi comentadas na época e deron froitos pouco despois, ao promover lady Dufferin[6], a dona do vicerrei da India, a entrada da primeira muller, Kadambini Ganguly, nunha facultade de medicina india.
En 1883 Ramabai foi a Gran Bretaña para principiar unha formación médica, pero por mor dunha progresiva xordeira non a admitiron en ningún programa médico e decidiuse a entrar nun programa de maxisterio do Cheltenham Ladies' College[7]. Durante a súa estadía no Reino Unido converteuse ao cristianismo por influencia da orde relixiosa anglocatólica Comunidade de María a Virxe[8]. En 1886 foi aos Estados Unidos para participar na graduación dun familiar Anandi Gopal Joshi, a primeira muller india médica, con Kadambini. Ramabai permaneceu durante dous anos no país, traduciu libros de texto, deu conferencias nese país e no Canadá[9] e publicou en inglés The High-Caste Hindu Woman que amosaba os apectos máis escuros da vida das mulleres hinduístas, incluíndo as nenas casadas e as nenas viúvas e en xeral buscou expoñer a opresión das mulleres na India Británica hinduísta.
En 1889 estableceu unha misión en Mukti para a mellora da vida dos nenos e das mulleres. En 1896, durante unha época de fame negra, Ramabai percorreu as aldeas de Maharashtra, cunha caravana de carros e rescatou milleiros de nenos parias, nenas viúvas ou orfas e levounas a refuxios en Mukti e Sharada Sadan. Contra 1900 había 1.500 residentes na misión de Mukti e tamén estaba implicada no establecemento dunha igrexa en Mukti e en 1905 estableceu un círculo de oración para a conversión do pobo e para iso consideraba que as escrituras debíanlle chegar na súa lingua; aprendeu grego e hebreo para traducir a Biblia dende os orixinais ao marathi e aínda que xa existía unha tradución nesa lingua, era nunha variedade culta moi influída polo sánscrito e arredada da fala popular que empregaban as mulleres, e a elas ía dirixida a súa tradución[10]que principiou en 1908[11] e que completou en 1922, pouco antes de morrer.
Coa axuda da súa filla Manorama Bai, que estudara na Universidade de Bombai e que ampliara os seus estudos nos Estados Unidos, estableceu nunha escola cristiá en Gulbarga en 1912 e era a súa sucesora natural na misión de Mukti pero morreu en 1921, o que supuxo un forte choque para Ramabai, e nove meses despois, afectada por unha bronquite[12], morreu unhas semanas antes do seu 64 aniversario. A Igrexa de Inglaterra e as outras igrexas anglicanas británicas celebran a súa festa o 30 de abril[8] mentres a Igrexa do Norte da India, unha igrexa protestante unitaria na que se integraron as dioceses anglicanas do norte da India, celebra a súa festa o 29 de setembro[13].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Women’s History Month: Pandita Ramabai". Women's History Network.
- ↑ Sita Anantha Raman (2009). Women in India: A Social and Cultural History I. ABC-CLIO. p. 140.
- ↑ Padma Anagol (2005). The Emergence of Feminism in India, 1850-1920. Ashgate. p. 235.
- ↑ Geraldine Forbes (1996). Women in Modern India IV. Cambridge University Press. p. 66.
- ↑ "स्त्रीधर्मनीति!". Lōksattā. 3 de setembro de 2017.
- ↑ Maneesha Lal (2005). "The Politics of Gender and Medicine in Colonial India: The Countess of Dufferin Fund, 1885–1888". Cahiers du Genre. Volume 38 (1): 87–126.
- ↑ "Overlooked No More: Pandita Ramabai, Indian Scholar, Feminist and Educator". New York Times. 14 de novembro de 2018.
- ↑ 8,0 8,1 Atwell, Robert (2017). Celebrating the Saints: Daily spiritual readings for the calendars of the Church of England, the Church of Ireland, the Scottish Episcopal Church & the Church in Wales. Canterbury Press. p. 153.
- ↑ Jayawardena, Kumari (1995). The White Woman's Other Burden: Western "omen and South Asia during British Colonial Rule. Routledge. p. 56.
- ↑ David Morgan. "Pandita Ramabai: an unsung pioneer of Bible translation". Wycliffe Bible Translators.
- ↑ Meera Kosambi (1995). Pandita Ramabai's Feminist and Christian Conversions: Focus on Stree Dharma-Neeti. Research Centre for Women's Studies, S.N.D.T. Women's University. p. 172.
- ↑ Padmini Sengupta (1970). Pandita Ramabai Saraswati: Her Life and Work. Asia Publishing House. p. 310.
- ↑ "The Book of Worship of the Church of North India: "Feast of Mary Ramabai (September 29)"". Sundry Thoughts.