Saltar ao contido

Operación Crossroads

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nube de cogomelo e columna de auga da explosión da proba Baker o 25 de xullo de 1946.

A operación Crossroads consistiu nun par de probas de armas nucleares realizadas polos Estados Unidos no atol Bikini a mediados de 1946. Foron as primeiras probas nucleares trala proba Trinity de xullo de 1945, e as primeiras detonacións de dispositivos nucleares tralos bombardeos de Hiroshima e Nagasaki do 6 e 9 de agosto de 1945. O propósito destas probas era investigar que efectos tiñan armas nucleares nos navíos de guerra.

Estas probas foron as primeiras dunha serie de probas realizadas nas illas Marshall, e a primeira en anunciarse publicamente con anterioridade e observadas por un público invitado, incluíndo un gran número de xornalistas. As probas foron lideradas polo vicealmirante William H. P. Blandy e non polo persoal do propio Proxecto Manhattan. Dispúxose unha frota de 95 navíos obxectivo na lagoa do atol Bikini, detonando dúas bombas Fat Man de plutonio semellantes á lanzada sobre Nagasaki.

A primeira proba recibiu a denominación Able. A bomba nomeouse Gilda pola personaxe de Rita Hayworth no filme de 1946 Gilda, e foi lanzada dende o B-29 Superfortress Dave's Dream do Grupo de Bombardeiros 509 o 1 de xullo de 1946. Detonouse a 158 m sobre a frota obxectivo e causou menos danos dos agardados xa que non acadou o obxectivo por uns 649 m. A segunda proba chamouse Baker. A bomba desta segunda proba chamouse Helen of Bikini e detonouse a 27 m baixo a auga o 25 de xullo de 1946. A auga mariña radioactiva que desprazou provocou unha significativa contaminación. Os plans incluían unha terceira proba a gran profundidade denominada Charlie para 1947, pero foi cancelada principalmente pola incapacidade da Armada de descontaminar os navíos obxectivo trala proba Baker. Charlie pasou a denominarse operación Wigwam e realizouse en 1955 na costa de California.

Os nativos do atol Bikini acordaron evacuar a illa e a maioría deles trasladouse ó atol Rongerik. Nos anos 1950 unha serie de probas termonucleares deixaron o atol Bikini inservible para a agricultura de subsistencia e a pesca por mor da contaminación radioactiva, e a data de 2015 o atol permanecía deshabitado. O químico Glenn T. Seaborg cualificou a proba Baker como "o primeiro desastre nuclear do mundo".[1]

  1. Weisgall 1994, p. ix.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.