Saltar ao contido

Noiteboa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Noiteboa (1904-05), pintura de Carl Larsson.

A Noiteboa é a celebración cristiá do nacemento de Xesús. Celébrase a noite do día 24 de decembro, a véspera do día de Nadal (o día 25 de decembro) onde se mesturan antigas tradicións pagás indoeuropeas do solsticio de inverno.

Os costumes varían duns países a outros, pero é bastante común reunirse para cear toda a familia, e facer agasallos sobre todo, nos países protestantes.

O costume actual en Galiza é unha cea familiar onde se comen mariscos, peixe (principalmente bacallau e pescada) e unha carne no forno (año, capón ou pavo), despois remátase con sobremesas, tradicionalmente figos secos, castañas e noces, hoxe doces importados: turróns, mazapáns, panettones e tortas varias coma o tronco de Nadal. Cántanse panxoliñas acompañadas dunha pandeireta e vieiras. Tradicionalmente acendíase o tizón de Nadal e viña o Apalpador. Hoxe repártense agasallos baixo a árbore de Nadal seguindo as tradicións centroeuropeas de Papá Noel, que en parte substitúe a tradición de Reis que, á súa vez, substituíu o Apalpador propio. Aínda que non é unha noite de troula, algúns mozos si saen hoxe en día.

No eido relixioso, nas igrexas celébrase ás 12 da noite a misa do galo, que debe o nome ao costume de levar un galo, costume documentado xa na Idade Media. Parece estar relacionado co canto do galo que anuncia o día, simbolizando que nesa noite chega a luz que vence o príncipe das tebras, é dicir, o demo. Dentro da celebración festiva desta data, inclúense bromas entre os fieis que asisten á misa, como cose-las saias de dúas mulleres que senten xuntas ou botar tinta na pía da auga bendita.

A Noiteboa tradicional galega

[editar | editar a fonte]

Na noite do 24 de decembro celébrase o nacemento. Por tal motivo serve para reforzar a unión da familia, normalmente na casa paterna. Nesta unidade familiar inclúense as ánimas dos familiares falecidos, que se cre que veñen participar na cea. Así, na cea de Noiteboa era costume servir un prato máis na mesa para que os familiares mortos puidesen compartir coa familia esta celebración, ou ben deixábase a mesa sen recoller para que comesen as ánimas dos ausentes, para os que tamén se deixaba a lareira acesa. En Verín deixábaselles cera e leite; Risco sinalaba que en Xinzo de Limia debía quedar na casa o cabeza de familia para recibi-las ánimas. Deste xeito, os membros da familia no alén podían gozar de calor e comida na casa á que pertencían. Risco tamén relaciona este acto de reservar un sitio e cubertos na mesa como símbolo da pousada que se lle dá á Virxe, pousada que se lle negara en Belén.

Ata tempos recentes era día de abstinencia[1], polo que non se servían carnes. Isto explica o costume galego de cear bacallau con coliflor nesta ocasión; noutros lugares ceábase, ollomol ou polbo, verza ou grelos. Entre as sobremesas máis típicas pódense cita-la sopa de améndoas (en Verín) ou a compota de pera en viño tinto (Lugo).

Taboada Chivite di que nalgures tamén se lle daba ás vacas unha sobrecea na Noiteboa, coma se o gando tamén fose da familia e tivese dereito a celebra-la festa. Outros costumes que cita son botar unha présa de sal no pozo ou deixar en auga unhas flores de malva que se recolleran na noite de San Xoán, coa crenza de que, aínda estando loxicamente murchas, aparecerán á mañá seguinte frescas e fragrantes, como acabadas de cortar [2].

Hai sitios, como Verín, onde ao remata-la cea de Noiteboa, os rapaces saen a apedra-las árbores froiteiras para que o ano entrante desen ben de froita. Adoitábase facer sobre todo coas árbores aneiras, que só dan froito cada dous anos. Era costume representar previamente unha falsa disputa entre o dono da árbore, que teimaba en cortala, e outra persoa que a defendía, porfiando en que despois de apedrala daría froito en abundancia [2].

Tizón de Nadal

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Tizón de Nadal.

Na Noiteboa limpábase coidadosamente o lar e acendíase un gran tronco, denominado tizón de Nadal ou cepo de Nadal. O acto de varre-lo lar antes de prende-lo lume simbolizaba destruí-lo vello para dar paso ó novo. O tizón debía permanecer aceso na lareira ata Aninovo; en troques, por terras de Becerreá debía durar todo o ano, dándolle lume tódolos días aínda que fose por pouco tempo. Logo deixábase apagar pero conservábase durante o resto do ano para acendelo de novo durante as treboadas ou cando se ventaba unha desgraza na casa, como elemento protector do fogar. Xoán Xosé Pérez Labaca escribiu sobre un costume dos celtas que consistía en acender unha candea o día do solsticio de inverno, que tiña que arder durante medio día seguido para traer boa sorte na casa. O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, relacionado coa árbore de Nadal. En Cataluña vén ser o que chaman 'tió', no que baten os nenos da casa para que lles bote doces, que os pais lle meten dentro. A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos mais vellos|Vicente Risco: "Etnografía: cultura espritual", en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Editorial Nós, Buenos Aires 1962 (Reed. Akal, Madrid 1979); vol. I, 255-777.}} Ademais de ser protector e de certo carácter sagrado, as cinsas do tizón de Nadal parecían ser boas para cura-las febres. O culto ao lume está ben presente na cultura popular galega, coma na doutras latitudes. Poida ser que este tizón de Nadal sexa unha reliquia dese culto pagán que terminou sendo prohibido, sen éxito, polas Sinodais de Mondoñedo no século XVI por consideralo rito gentílico (Eladio Rodríguez, citando a Murguía).

As tempas

[editar | editar a fonte]

Na Comarca do Condado adóitase saír á eira cun cirio aceso para saber de onde vén o vento, ás 12 da noite en punto. O lugar desde o que sopre o vento indicará como vai vir o tempo e as colleitas no ano próximo. Así, o vento do sur indica ano húmido, o nordés avisa que vai ser ano seco, o vento do leste indica un ano de fame e o vento do oeste indica unha anada abondosa.

O Apalpador

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Apalpador.

O equivalente galego do Papá Noel, semellante a outros xigantes ou carboeiros ibéricos e europeos. Personaxe mitolóxico que, baixo diferentes denominacións: Apalpador, Apalpa-Barrigas ou Pandigueiro, é coñecido en diversas comarcas do País. Indica a tradición que se trata dun carboeiro que vive nos montes e nas devesas durante todo o ano e que baixa durante a noite do apalpadoiro, pola Noiteboa ou o día 31 de decembro segundo a zona, para apalpar as barrigas dos meniños e comprobar que comeran ben durante o ano. Se as atopa cheas, murmura "así estexas todo o ano". Se non as atopa cheas non di nada, pero deixa en ambos casos unha presada de castañas. Esta tradición comezou a ser recuperada e celebrada por toda a Galiza.

  1. Na relixión católica celebrábanse as vixilias a véspera das grandes festividades, que consistían en que os cregos se reunían para rezar e cantar, mentres que os fieis observaban. Durante ese día debía gardarse abstinencia [1] Arquivado 07 de xullo de 2012 en Wayback Machine..
  2. Esta crenza recóllea en Oímbra, pero as anteriores non as localiza.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]