Saltar ao contido

Mulleres nas Matemáticas do século XXI

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nas primeiras décadas do século XXI a matemática está a vivir un momento de auxe, iniciado nas últimas décadas do século XX, con aplicacións a tódolos campos, tanto das ciencias clásicas e a tecnoloxía, como a ámbitos máis novos como a arte, as ciencias sociais ou da vida. As matemáticas son unha das elaboracións humanas intelectualmente máis perfectas, atractivo que seguirá motivando ás novas xeracións neste século XXI e tamén nos sucesivos, e quen se dedique a elas deberá desenvolver as matemáticas adecuadas aos problemas cada vez máis complexos formulados por outras ciencias. A Matemática continuará a ser no século XXI o idioma da Ciencia e aumentará a súa participación na comprensión do mundo, non sendo previsible a onde pode chegar o coñecemento matemático e as súas aplicacións. Probablemente a razón entre os coñecementos matemáticos dentro de cen anos e os actuais superará a proporción entre a potencia dos actuais ordenadores e os ordenadores de mediados do século XX.[1]

Introdución

[editar | editar a fonte]

Situación xeral

[editar | editar a fonte]

Nun informe do National Research Council das National Academies dos Estados Unidos sobre as matemáticas no século XXI -informe que se recolle no libro The Mathematical Sciences in the 21st Century (2012)[2] que foi realizado por un comité para as matemáticas en 2025- indícase que as ciencias matemáticas estanse a converter nunha compoñente esencial en moitas áreas de investigación como: bioloxía, medicina, ciencias sociais, negocios, deseño avanzado, clima, finanzas, materiais avanzados, e moitas máis. Este traballo involucra a integración das matemáticas, a estatística e a computación nun sentido amplo, así como a interacción destas áreas con outras de potencial aplicación. As ciencias matemáticas teñen a oportunidade de consolidar o seu papel como base da investigación e a tecnoloxía do século XXI á vez que manteñen a forza do seu núcleo, elemento vital para o ecosistema das ciencias matemáticas, esencial para o seu futuro. Isto é cualitativamente diferente da visión predominante o pasado século, dando lugar a un modelo diferente: o dunha disciplina con moito máis alcance e impacto potencial. Neste contexto a distinción entre matemáticas puras e aplicadas parece cada vez máis artificial; en particular, é difícil hoxe en día atopar unha área das matemáticas que non teña aplicacións relevantes. Ademais, as fronteiras entre as ciencias matemáticas e outras materias tamén se están a erosionar. As investigacións en ciencias naturais, ciencias sociais, ciencias da vida e a enxeñaría móvense tanto no seu campo como no das matemáticas. A disciplina estase a expandir e as fronteiras entre subcampos matemáticos estanse a desvanecer, quedando cada vez máis unificada. As matemáticas teñen evolucionado considerablemente durante as últimas décadas, esténdense hoxe moito máis alá dos intereses que emanan das institucións tradicionais neste campo (departamentos académicos, entidades financiadoras, sociedades profesionais e revistas de investigación máis importantes). O valor das matemáticas para a ciencia en xeral crecería se aumentara o número de especialistas en matemáticas con coñecementos nun rango amplo da disciplina, máis alá da súa propia área de traballo, que comunicaran ben con colegas doutras disciplinas, que comprenderan o papel das matemáticas na ciencia en xeral, así como na enxeñaría, medicina, defensa ou negocios, e cunha ampla experiencia en computación.[3]

As mulleres nas CTEM

[editar | editar a fonte]

Pero unha das sombras que aparecen nesta panorámica positiva da situación da ciencia matemática neste século XXI, que ademais comparte co resto de materias STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), e a baixa participación das mulleres nestes campos do saber. Dende hai tempo son moitos os organismos internacionais que están a chamar a atención sobre este tema, e que foi un dos motivos para que hai uns anos (en 2015) a ONU declarase o 11 de febreiro (11F) como o Día internacional da Muller e a Nena na ciencia. Existen diversas razóns polas que as rapazas poden non sentirse atraídas cara ás carreiras STEM. En xeral, a contorna social, familiar e educativa non incentiva igual a rapaces e rapazas a elixir carreiras científicas e técnicas. As rapazas mostran maior ansiedade ante as matemáticas e ciencias que os rapaces, incluso cun rendemento bo nestas materias, o que parece ter relación con: o persoal docente avalía mellor ás rapazas en materias non científicas, as familias teñen menos expectativas de que súas fillas teñan profesións relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía en comparación con seus fillos, e a sociedade presenta a tecnoloxía como un ámbito marcadamente masculino. A isto engádese a ausencia de roles científicos femininos, a baixa presenza de mulleres nos textos e a invisibilización de moitos dos seus logros. Toda a contorna social parece ter influencia no baixo interese das rapazas polas carreiras técnicas. Ademais, tanto nos libros de texto como nos medios de comunicación, nas poucas ocasións nas que se fala das científicas, é frecuente presentalas como persoas raras, completamente dedicadas a seu traballo e con pouca vida persoal; ou ben facendo fincapé en que o aspecto físico e a intelixencia non poden ir unidos. O que unido a que a realidade vivida pola maioría das científicas no pasado foi bastante complicada, fai que moitas adolescentes vexan na ciencia un camiño demasiado arduo, difícil de conciliar coa vida persoal e os seus intereses.

Os estudos suxiren que a segregación temática dentro das ciencias podería estar influída por un maior interese en ámbitos de utilidade social. A utilidade social das especialidades técnicas tales como a física ou a enxeñaría é pouco coñecida, ao contrario da das áreas biosanitarias, o que explicaría que as rapazas que se decantan polas ciencias o fagan maioritariamente por aquelas ramas que teñen máis que ver cunha causa social ou dos coidados. Un caso especialmente significativo é o da informática. Ata os anos 80 do século XX a presenza da muller nos estudos de computación nos Estados Unidos foi aumentando e hai exemplos notables de programadoras cun labor de grande impacto. A partir de mediados dos anos 80 esta progresión revértese. Ese momento coincide coa popularización dos ordenadores persoais. Estes ordenadores, incluíndo os videoxogos, enfocáronse en maior medida cara a un mercado masculino.[4]

As mulleres matemáticas nos inicios deste século

[editar | editar a fonte]

Con todo, neste século continúa a haber relevantes figuras femininas que destacan en case tódolos campos e que ademais estanse a implicar en tarefas de xestión profesional, entrando a formar parte das elites de decisión da ciencia e a investigación. Entre elas pódense destacar ás españolas Peregrina Quintela Estévez (1960) catedrática de Matemática Aplicada da USC, especialista en Matemática industrial, onde dende hai anos desempeña cargos de xestión en diversos organismos nacionais e internacionais deste campo: Preside a Rede Española Matemática Industria (math-in), coordinou a creación do nodo CESGA do Proyecto Consolider Ingenio MATHEMATICA (i-MATH), dirixe o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati), é membro do European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), e forma parte do seu Executive Board. No 2016 foi distinguida co Premio María Wonenburguer, sendo a primeira matemática en recibir esta distinción. Forma parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias dende 2019.[5] Marta Macho Stadler (1962) é especialista en Teoría Xeométrica de Foliacións e Xeometría non conmutativa. É responsable das seccións de Literatura e

Marta Macho Stadler
Marta Macho Stadler

Matemáticas e de Teatro e Matemáticas no portal DivulgaMAT da RSME, e dende a súa creación en 2014, é impulsora, editora e coautora do espazo dixital "Mujeres con ciencia". Formou parte da Comisión de Mulleres da RSME, é membro da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), e é membro do Consello de Cooperación da Universidade do País Vasco. En 2015 recibiu o Premio igUAldad da Universidade de Alacant e unha das Medallas da Real Sociedade Matemática Española, na súa primeira edición. En 2016 concedéuselle o Premio Emakunde á igualdade do Goberno Vasco. En 2019 recibiu o nomeamento de Ilustre de Bilbao "polo seu labor como divulgadora científica e por visibilizar o papel das mulleres na ciencia".[6] Mercedes Siles Molina (1966) é catedrática de Álxebra da Universidade de Málaga. Leva realizado contribucións singulares en ámbitos moi diversos. No das matemáticas, o seu traballo máis citado é un libro publicado por Springer (Leavitt path algebras), único no seu campo. No cultural, creou as exposicións El Sabor de las Matemáticas e Universos Paralelos Dialogando, polas que foi invitada ao MoMath (Nova York); puxo en marcha en España o PiDay, creou o programa SteMatEsElla, patrocinado por Accenture, para potenciar o talento das mozas en disciplinas STEM. Colaborou co Comité Español de Matemáticas (CEMat) para a incorporación de España ao Centro Internacional de Matemáticas Puras e Aplicadas(CIMPA), é Responsable Científica do CIMPA, membro do seu “Equipo África” e do seu equipo directivo. É Secretaria da Comisión de Desenvolvemento e Cooperación do CEMat, e presidiu o Comité de Cooperación para o desenvolvemento da RSME, da que foi responsable de Proxectos Culturais, así como Vicepresidenta Primeira. Preside o Comité Español de Matemáticas. Dende maio de 2019 é presidenta do CEMat. É membro da Sociedade de Honor Sigma Xi. Dende febreiro de 2020 é directora da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA).[7] Ana Justel Eusebio (1967) é licenciada en Matemáticas e doutora en Economía. Leva participado en máis de sete campañas na Antártida como membro dos proxectos Limnopolar e Microairpolar -proxectos interdisciplinarios cuxo obxectivo principal é investigar a sensibilidade dos ecosistemas acuáticos antárticos non mariños e a capacidade de dispersión dos microorganismos nas zonas polares e a súa influencia ante o cambio climático-. Foi directora da Oficina de Análise e Prospectiva da Universidade ata 2017. Talent Woman concedeulle, en 2019, o I Premio Margarita Salas pola súa traxectoria científica.[8]

Clara Isabel Grima Ruíz
Clara Grima

Clara Isabel Grima Ruiz (1971) é especialista en Teoría de grafos. En 2018, xunto a un equipo multidisciplinar de divulgación científica, describiron unha nova forma xeométrica denominada escutoide; o obxecto descubriuse "mirando non aos ollos senón ás glándulas salivares da mosca da froita", e tendo en conta os diagramas de Voronoi,[9] segundo explica a propia Grima​. Dende 2010 é coautora do blog Mati y sus mateaventuras, galardoado co Premio Bitácoras ao mellor blog de Educación 2011, o Premio 20Blogs ao mellor blog de fala hispana 2012 e o Premio Prisma á mellor web de divulgación científica de 2013. En Televisión colaborou na primeira e segunda tempadas de Órbita Laika de La 2. En 2016 estreou a obra de teatro Científicas: pasado, presente y futuro, onde interpreta a Rosalind Franklin. Como divulgadora foi galardoada co Premio COSCE á Difusión da Ciencia 2017. Dende 2018 forma parte do Xurado dos Premios Princesa de Asturias.[10] A estadounidense Trachette Jackson (1972) é coñecida polos seus traballos en oncoloxía matemática, campo no que utiliza diferentes aproximacións, incluídos modelos matemáticos discretos e continuos, simulacións numéricas e experimentos, para estudar os crecementos tumorais en diversas fases, a súa evolución e os seus tratamentos.[11] A matemática española Ingeborg M. M. van Leeuwen (1973) cando se licenciou, en 1996 na Universidade de Granada, tiña claro que quería aplicar as matemáticas á bioloxía. No Departamento de Bioloxía Teórica da Vrije Universiteit en Ámsterdam traballou en desenvolver novos modelos matemáticos para predicir a incidencia de tumores e a mortaldade en función do tempo e a dose subministrada. Posteriormente, na Universidade de Nottingham, traballou nun proxecto internacional denominado Bioloxía Integradora que pretendía desenvolver ferramentas para permitir e facilitar a simulación de sistemas biolóxicos complexos.[12] Sonia Martínez Díaz (1974) é profesora do Departamento de Enxeñaría Mecánica Aeroespacial na Universidade de California-San Diego, USA. A súa área de traballo céntrase na teoría de sistemas, control non lineal, e modelaxe xeométrica de sistemas mecánicos e físicos. Polo seu traballo sobre o control de sistemas mecánicos con control limitado, recibiu o premio ao mellor artigo da 2002 IEEE Conference on Decision and Control. No 2006 recibiu un CAREER Award para xoves investigadores da National Science Foundation na área de Sistemas de Control.[13]

Danica McKellar, en 2007
Danica McKellar
Maryam Mirzakhani. March for Science Poster
Maryam Mirzakhani

A estadounidense Danica McKellar (1975) é actriz dende nena, cando logrou fama polo seu papel na serie “Aqueles marabillosos anos”, pero ademais graduouse en matemáticas na Universidade de California. Dende ese momento compaxina a súa profesión de actriz con actividades de divulgación encamiñadas sobre todo a atraer a rapazas aos estudos de matemáticas. Dende hai unha década publica libros de matemáticas para adolescente, con formato de revista, que están a ter moito éxito nos EEUU.[14] A irano-estadounidense Maryam Mirzakhani (1977-2017) desenvolveu a súa vida profesional nos EEUU e abandonou o seu anonimato investigador en agosto de 2014 cando lle foi concedida unha das Medallas Fields -polos seus avances sobresaíntes nas superficies de Riemann e espazos de moduli- ao ser a primeira muller que conseguiu tal galardón en todos os seus anos de historia. O premio recoñeceu as contribucións sofisticadas e altamente orixinais de Mirzakhani aos campos dos sistemas dinámicos e xeometría, sobre todo na comprensión da simetría das superficies curvas, como as esferas e obxectos hiperbólicos.[15] Comezando a súa carreira profesional na segunda década do século XXI, pero xa cunha importante proxección internacional, pódese destacar por exemplo a Jezabel Curbelo Hernández (1987). O seu campo de investigación son os problemas de convección complexos, onde a complexidade xorde da non-linearidade, a xeometría, as condicións de contorno e as propiedades reolóxicas que permiten encontrar ecuacións para modelar o comportamento dos materiais. No ano 2015 recibiu o premio Donald L. Turcotte Award, da American Geophysical Union (AGU), que se outorga anualmente a xoves investigadores en recoñecemento ás contribucións da súa tese de doutoramento no campo da xeofísica non lineal. Ese mesmo ano recibiu un Premio Vicent Caselles RSME-FBBVA “polo estudo analítico e numérico de modelos matemáticos da xeofísica”.[16] En 2021 recibiu o premio L’OréalUNESCO “For Women in Science” en recoñecemento ás contribucións no campo da xeofísica non lineal.[17] A cordobesa María Cumplido Cabello (1992), é investigadora no campo da teoría xeométrica de grupos, e conseguiu xeneralizar resultados de carácter xeométrico e topolóxico sobre grupos de trenzas ao contexto alxébrico dos grupos de Artin‐Tits de tipo esférico. Isto permitiulle resolver un problema matemático que levaba 20 anos sen solución: unha propiedade moi básica que é equivalente a que a intersección de curvas é unha curva, e que non estaba demostrada. Este campo de investigación é potencialmente aplicable en criptografía e sistemas de seguridade informática. En 2018 obtivo o segundo premio da Fundación Rennes á mellor tese en Matemáticas e Ciencias e Tecnoloxías da información e comunicación, e en 2020 foi galardoada co Premio de Investigación Matemática Vicent Caselles da RSME.[18]

Personalidades desta época

[editar | editar a fonte]

Nadas no período 1960-1965

[editar | editar a fonte]
  • Rosa Maria Miró i Roig (1960) matemática española.[19] Especialista en xeometría alxébrica, análise complexa, álxebra conmutativa e física matemática, é unha autoridade en fibrados sobre variedades alxébricas e os seus traballos sobre a  teoría de Liaison, de Gorenstein, son referentes no seu campo. Coautora de varios libros,é membro de diferentes comités editoriais e académicos.[20] En 2007 recibiu o Premio Ferran Sunyer i Balaguer da IEC polo traballo "Lectures on Determinantal Ideals",[21]
  • Peregrina Quintela Estévez (1960) matemática española. Catedrática de Matemática Aplicada da USC, a súa área de investigación é a Matemática industrial. Dende a súa fundación, en 2011, preside a Rede Española de Matemática Industrial (math-in) que agrupa ao redor de 40 grupos de investigación dunhas 20 universidades e centros de investigación españois. Coordinou (2007-2012) a creación do nodo CESGA do Proyecto Consolider Ingenio MATHEMATICA (i-MATH). Dirixe dende o seu inicio (2013) o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati). É membro dende a súa fundación do European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), e a partir de 2015 forma parte do Executive Board.[22] No 2016 foi distinguida co Premio María Wonenburguer, sendo a primeira matemática en recibir esta distinción.[23] Forma parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias dende 2019.[24] [25]
  • María Jesús Carro Rossell (1961) matemática española.[26] A súa área de investigación é a Análise Matemática, máis concretamente a Análise Real, a Análise Funcional e a Análise harmónica (Análise de Fourier). En 2003 recibiu a Distinción da Generalitat de Catalunya para a Promoción da Investigación Universitaria.[27] En 2011 foi presidenta do Comité C3 para a celebración do centenario da Real Sociedade Matemática Española.[28] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[29]
  • Anna Sciomachen (1961) matemática italiana.[30] Profesora na Universita’ degli Studi di Genova, é especialista en Investigación Operativa, aplicando a súa investigación ao mundo da economía. Dende 2012 é presidenta da Associazione Italiana di Ricerca Operativa (AIRO) e da Federazione Italiana di Matematica Applicata (FIMA). Tamén dedica parte do seu tempo á divulgación científica.[31]
  • Claudia Sagastizábal 1961) matemática arxentina.[32] A súa especialidade é a optimización matemática, abarcando tanto o punto de vista teórico da análise variacional como os aspectos numéricos e algorítmicos. É coautora (xunto a Joseph-Frédéric Bonnans, Jean Charles Gilbert e Claude Lemarechal) do libro Numerical Optimization: Theoretical and Practical Aspects (Springer, 2002).[33]
Marta Macho Stadler
Marta Macho Stadler
  • Marta Macho Stadler (1962) matemática española.[34] Profesora de Xeometría e Topoloxía na Facultade de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade do País Vasco, está especializada en Teoría Xeométrica de Foliacións e Xeometría non conmutativa. Ten desenvolvido a súa actividade universitaria, e humanística, entre a divulgación, a academia, a igualdade, a visibilidade, as ciencias, os buratos espaciais, o compromiso e a creatividade.[35] É responsable das seccións de Literatura e Matemáticas e de Teatro e Matemáticas no portal DivulgaMAT da RSME e dende a súa creación, en 2014, é impulsora, editora e coautora do espazo dixital "Mujeres con ciencia". Formou parte da Comisión de Mujeres y matemáticas da Real Sociedad Matemática Española (2004-2009), forma parte da Comisión para a Igualdade, da Facultade de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade do País Vasco, é membro da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e dende 2015 é membro do Consello de Cooperación da Universidade do País Vasco.[36] En 2015 recibiu o Premio igUAldad da Universidade de Alicante e se lle concedeu unha das Medallas da Real Sociedade Matemática Española na súa primeira edición. En 2016 se lle concedeu o Premio Emakunde á igualdade do Goberno Vasco. En 2019 recibiu o nomeamento de Ilustre de Bilbao "pola súa labor como divulgadora científica e por visibilizar o papel das mulleres na ciencia".[37]
Ulrike Luise Tillmann, en 2018
Ulrike Luise Tillmann
Tan Lei, en 2008
Tan Lei
Sijue Wu, en 2006
Sijue Wu

Nadas no período 1966-1970

[editar | editar a fonte]
  • Mercedes Siles Molina (1966 ) matemática española. Especialista en álxebras de Jordan (exemplo de álxebras non asociativas) básicas para axiomatizar os fundamentos da mecánica cuántica, é Catedrática de Álxebra da Universidade de Málaga. A súa área de traballo prioritario é a álxebra non conmutativa; en concreto, as álxebras non asociativas e a teoría de aneis.[50] Foi vicepresidenta da Real Sociedade Matemática Española (RSME) no período 2015-2019, e preside o Comité Español de Matemáticas (CEMat) dende maio de 2019.[51] Foi nomeada Directora da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) en febreiro de 2020.[52]
  • Svetlana Yakovlevna Jitomirskaya, en 2015
    Svetlana Y. Jitomirskaya
    Svetlana Yakovlevna Jitomirskaya (1966) matemática soviético-estadounidense nada en Ucrania.[53] especialista en sistemas dinámicos e física matemática. En 2005 obtivo o Premio Ruth Satter en matemáticas polo seu traballo pioneiro en localización cuasiperiódica non perturbativa.[54]
  • Ana Justel Eusebio (1967) matemática española.[55] Licenciada en Matemáticas e doutora en Economía, é Profesora titular de Estatística no Departamento de Matemáticas da Facultade de Ciencias da Universidade Autónoma de Madrid.[56] A súa labor de investigación céntrase na estatística matemática e a estatística aplicada. Membro do proxecto Limnopolar - proxecto de investigación interdisciplinario cuxo obxectivo principal é investigar a sensibilidade dos ecosistemas acuáticos antárticos non mariños ante o cambio climático- co que leva participado, ata 2018, en sete campañas na Antártida.[57] Foi directora da Oficina de Análise e Prospectiva da Universidade ata o ano 2017. Talent Woman, en 2019, concedeulle o I Premio Margarita Salas -que recoñece o talento e liderado feminino no ámbito da ciencia, a tecnoloxía, a xestión empresarial, as artes e a creatividade- pola súa traxectoria científica.[58] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[29]
  • Anabel Mediavilla Garay (1969) matemática española. Licenciada en Matemáticas, rama de Computación, na Universidade Complutense de Madrid. Nos seus inicios traballou no deseño, codificación e probas do EFA DECU (EuroFighter Digital Engine Control Unit), a revisión e verificación do EFA HUD (EuroFighter Head Up Display) e a garantía de calidade de varios proxectos de EFA (EuroFighter). Posteriormente incorporouse a Telefónica I+D (Telecomunicacións) onde desenvolveu diversos proxectos, como SGT (Sistema de Xestión de Tráfico), GMV (Espazo) e DEIMOS (a empresa española que colabora na creación do Sistema Galileo, o GPS europeo). En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[29] Dende 2008 é responsable da sección do GNSS dentro do Segmento de Terra.
  • Carmen Domínguez García (Karmenka) explorando o interior dun glaciar.
    Carmen Domínguez (Karmenka)
    María del Carmen (Karmenka) Domínguez Álvarez (1969) matemática española. Licenciada e doutora en matemáticas é experta en glacioloxía e exploradora polar. Foi cofundadora -xunto co xeólogo Adolfo Eraso (1934)- do proxecto Glackma, que desenvolveu un método para o estudo do cambio climático. Pasa varios meses ao ano medindo o efecto do calentamento global sobre os glaciares da Antártida, Patagonia, Svalbard, Islandia, Escandinavia e Siberia.[59] En 2010 transformaron Glackma nunha asociación de divulgación científica e aberta á inscrición de socios, que foi declarada de utilidade pública.[60]
  • Dorleta García Rodríguez (1970) matemática española. Licenciada en Matemática poa UPV/EHU, traballa en AZTI, Centro Tecnolóxico de investigación mariña e alimentaria.[61] A súa investigación está orientada cara á avaliación de stock, modelaxe bioeconómica de sistemas de pesca, avaliación da estratexia de xestión, e análise estatístico de datos. En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[29]


Nadas no período 1971-1975

[editar | editar a fonte]
  • Clara Isabel Grima Ruíz, en 2013
    Clara Grima
    Clara Isabel Grima Ruiz (1971) matemática española.[62] Profesora de Matemática Aplicada na Universidade de Sevilla. Especialista en Teoría de grafos -con investigación principalmente en Xeometría Computacional- é membro do grupo de investigación en Matemática Discreta e coautora, xunto a Alberto Márquez, do libro Computational Geometry on Surfaces (Springer, 2001). En 2018, xunto con un equipo multidisciplinar de divulgación científica, describen unha nova forma xeométrica denominada escutoide,[63] publicada na revista Nature Communications. Dende 2010 é coautora do blog Mati y sus mateaventuras,[64] galardoado co Premio Bitácoras ao mellor blog de Educación 2011, o premio 20Blogs ao mellor blog de habla hispana 2012 e o premio Prisma á mellor web de divulgación científica de 2013. Como divulgadora foi galardoada co Premio COSCE á Difusión da Ciencia 2017.[65] Forma parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias dende 2018.[66] [24] [25]
  • Trachette Jackson (1972) matemática estadounidense.[67] É coñecida polos seus traballos en oncoloxía. Utiliza diferentes modelos de aproximación, incluídos modelos matemáticos discretos e continuos, simulacións numéricas e experimentos, para estudar os crecementos tumorais e os seus tratamentos. En particular, o seu laboratorio está interesado nas vías moleculares asociadas a anxioxéneses intratumorais, as interaccións célula-tecido asociadas a anxioxéneses producidas por tumores, e a heteroxeneidade tumoral e as células nai do cancro.[68]
  • María Teresa Martínez Bravo (1972) matemática española.[69] Licenciada e doutora en Matemáticas pola Universidade Autónoma de Madrid, ante a falta de oportunidades profesionais na universidade, decantouse por explorar as matemáticas financeiras que apareceran tanxencialmente na súa investigación -sobre todo durante unha estadía en Edimburgo- dado que son unha aplicación importante do Cálculo Estocástico, por exemplo. No ano 2005, entrou a traballar no equipo de Analistas Cuantitativos "quants" de Front Office no Banco de Santander. No seu traballo, que basicamente consiste en programar en C++ -linguaxe utilizado nas librerías de valoración coas que traballan- pódense involucrar áreas tan diversas das matemáticas como Cálculo Estocástico e Cálculo Numérico avanzado, Resolución de EDP’s, Análise de Fourier, ou Cálculo de Malliavin.[70] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[29]
  • Ingeborg M.M. van Leeuwen (1973) matemática española.[71] O seu día a día son os modelos matemáticos do cancro. Cando se licenciou en Matemáticas (1996, na Universidade de Granada) tiña claro que quería aplicar as matemáticas á bioloxía. No Departamento de Bioloxía Teórica da Vrije Universiteit, en Ámsterdam, o seu traballo consistía en desenvolver novos modelos matemáticos para predicir a incidencia de tumores e a mortalidade en función do tempo e a dose subministrada. Outra parte importante do seu traballo era comprobar a calidade das predicións a partir de datos experimentais, mediante técnicas de estimación de parámetros. Posteriormente, na Universidade de Nottingham, traballou nun proxecto internacional chamado Bioloxía Integrativa que desenvolve ferramentas para facilitar a simulación de sistemas biolóxicos complexos.[72] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[29]
  • Sonia Martínez Díaz (1974) matemática española. Licenciada en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Zaragoza, en 1997, e doutorada pola Universidade Carlos III de Madrid, en 2002, é profesora do Departamento de Enxeñaría Mecánica Aeroespacial na Universidade de California-San Diego, USA. A súa área de traballo céntrase na teoría de sistemas, control non linear, e modelaxe xeométrica de sistemas mecánicos e físicos.[73] Polo seu traballo sobre o control de sistemas mecánicos con control limitado recibiu o premio ao mellor artigo da 2002 IEEE Conference on Decision and Control. En 2006 recibiu un CAREER Award para novos investigadores da National Science Foundation na área de Sistemas de Control.[74] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[29]
Danica McKellar, en 2018
Danica McKellar
  • Danica McKellar (1975) matemática e actriz estadounidense.[75] De nena, traballou na serie de televisión "Eses marabillosos anos".[76] Despois estudou matemáticas na UCLA, sendo coautora xunto a L. Chayes e B. Winn do artigo Percolation and Gibbs states multiplicity for ferromagnetic Ashkin-Teller models on Z2, co que grazas a L. Chayes, o seu número de Erdős é 4.[77] Divulgadora da ciencia, ten escrito varios libros de matemáticas[78] para animar a adolescentes a estudar carreiras de ciencias.[79]

Nadas no período 1976-2000

[editar | editar a fonte]
Maryam Mirzakhani en Seul en 2014
Maryam Mirzakhani
  • Maryam Mirzakhani (1977-2017) matemática iraniana.[80] Graduada en matemáticas en 1999 na Universidade de Tecnoloxía de Sharif (Irán), en 2004 doutorouse na Universidade de Harvard (EE. UU.)[81] As súas áreas de investigación abarcan os espazos de Teichmüller, a xeometría hiperbólica, a teoría ergódica e a xeometría simpléctica.[82] En 2014 foi galardoada coa Medalla Fields, sendo a primeira muller en recibir este premio.[83] O comité da Unión Matemática Internacional destacou "as súas importantes aportacións no estudo dos espacios de moduli das superficies de Riemann".[84]
  • María Pe Pereira (1981) é unha matemática española. Investigadora e profesora universitaria, foi a primeira muller en recibir o Premio José Luis Rubio de Francia en 2012 que recoñece a súa traxectoria investigadora. A súa tese “On Nash Problem for Quotient Surface Singularities”, dirixida por Javier Fernández de Bobadilla, converteuse nun traballo referente no campo das singularidades polas súas novedosas aportacións que deron lugar, en particular, á resolución do problema de arcos proposto en 1968 por John F.Nash.[85]
  • Jezabel Curbelo Hernández (1987). O seu campo de investigación son os problemas de convección complexos, onde a complexidade xorde da non-linearidade, a xeometría, as condicións de contorno e as propiedades reolóxicas que permitan encontrar ecuacións constitutivas para modelar o comportamento dos materiais. No ano 2015 recibiu o premio Donald L. Turcotte Award, da American Geophysical Union (AGU), que se outorga anualmente a xoves investigadores en recoñecemento ás contribucións da súa tese doutoral no campo da xeofísica non linear. Ese mesmo ano recibiu un premio Vicent Caselles RSME-FBBVA “polo estudo analítico e numérico de modelos matemáticos da xeofísica”.[86] En 2021 recibiu o premio L’OréalUNESCO “For Women in Science” en recoñecemento ás contribucións no campo da xeofísica non lineal.[17]
  • María Ángeles García-Ferrero (1991) matemática leonesa,[87] foi Premio Rubio de Francia 2019, ano no que tamén gañou un dos Premios Vicent Caselles RSME-FBBVA. O xurado deste premio destacou o seu traballo no campo das ecuacións en derivadas parciais e, en concreto, a súa teoría de aproximación global para a ecuación do calor e a súa aplicación ao estudo de puntos quentes e superficies isotermas, desenvolvida cos investigadores do ICMAT Alberto Enciso e Daniel Peralta no artigo “Approximation theorems for parabolic equations and movement of local hot spots”, publicado na prestixiosa revista Duke Mathematical Journal.[88]
  • María Cumplido Cabello (1992), matemática cordobesa, é investigadora no campo da teoría xeométrica de grupos.[89] Conseguiu xeneralizar resultados de carácter xeométrico e topolóxico sobre grupos de trenzas ao contexto alxébrico dos grupos de Artin‐Tits de tipo esférico. O que lle permitiu resolver un problema matemático que levaba 20 anos sen solución: unha propiedade moi básica que é equivalente a que a intersección de curvas é unha curva, e que non estaba demostrada. Este campo de investigación é potencialmente aplicable en criptografía e sistemas de seguridade informática. En 2018 María obtivo o segundo premio da Fundación Rennes  á mellor tese en Matemáticas e Ciencias e Tecnoloxías da información e comunicación. En 2020 foi galardoada co Premio de Investigación Matemática Vicent Caselles da RSME.[90]
  1. "ALGUNOS DESCUBRIMIENTOS MATEMÁTICOS DEL SIGLO XX" (PDF). RAC. Consultado o 01-02-2021. 
  2. Council, National Research (2012-06-27). Fueling Innovation and Discovery: The Mathematical Sciences in the 21st Century (en inglés). ISBN 978-0-309-25473-1. 
  3. "Las matemáticas del siglo XXI". Investigación y Ciencia (en castelán). Consultado o 2021-02-01. 
  4. "Diferencias en el interés". 11 de Febrero (en castelán). 2016-12-28. Consultado o 2021-02-01. 
  5. Rey, Manuel (2020-02-10). "Peregrina Quintela: "Para acabar coa fenda de xénero hai que ter conciliación real"". GCiencia. Consultado o 2021-02-01. 
  6. admin (2018-12-03). "Biografía de Marta Macho matemática española". Mujeres Notables (en castelán). Consultado o 2021-02-01. 
  7. "Mercedes Siles Molina". AMIT (en castelán). 2016-06-21. Consultado o 2021-02-01. 
  8. RSME (2019-12-13). "Mujeres y matemáticas: Entrevista a Ana Justel Eusebio". Real Sociedad Matemática Española (en castelán). Consultado o 2021-02-01. 
  9. VILARINO FREIRE, MANUEL. "Voronoi no Courel" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de maio de 2021. Consultado o 16 de marzo de 2021. 
  10. Sevilla, Diario de (2020-04-18). ""Las redes sociales son pura matemática"". Diario de Sevilla (en castelán). Consultado o 2021-02-01. 
  11. "Trachette Jackson, matemática Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-07-24. Consultado o 2021-02-01. 
  12. ".: MATEMATICALIA :. - Internacional". www.matematicalia.net. Consultado o 2021-02-01. 
  13. "Sonia Martinez Diaz: Learning Through Teaching". laprensa-sandiego.org. Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-02-01. 
  14. "Danica McKellar, matemática y actriz Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-01-03. Consultado o 2021-02-01. 
  15. "Maryam Mirzakhani: “Dibujar garabatos ayuda a mantenerse conectada al problema” Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-02-03. Consultado o 2021-02-01. 
  16. "Jezabel Curbelo Hernández (UAM-ICMAT) y Rafael Granero Belinchón (UC) reciben el Premio SeMA Antonio Valle para jóvenes investigadores en el ámbito de la matemática aplicada". ICMAT (en inglés). Consultado o 2021-02-01. 
  17. 17,0 17,1 "La investigadora de la UPC Jezabel Curbelo, premio L'Oréal-UNESCO 'For Women in Science'". UPC Universitat Politècnica de Catalunya (en castelán). Consultado o 2021-02-12. 
  18. "María Cumplido: entrevista con la joven matemática cordobesa". Nobbot (en castelán). 2020-08-13. Consultado o 2021-02-01. 
  19. "Real Sociedad Matemática Española - Cuatro nuevos miembros en la Comisión Científica de la RSME". web.archive.org. 2015-04-02. Archived from the original on 02 de abril de 2015. Consultado o 2021-02-10. 
  20. "Rosa Maria Miró i Roig, matemática | Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 
  21. "L'Institut d'Estudis Catalans lliura els Premis Sant Jordi 2007" (PDF). Archived from the original on 02 de abril de 2015. Consultado o 02 de febreiro de 2021. 
  22. "Quintela, Peregrina". Fundación Gadea Ciencia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2021. Consultado o 2021-01-28. 
  23. "Peregrina Quintela". igualdade.xunta.gal (en castelán). Consultado o 2021-01-28. 
  24. 24,0 24,1 IT, Desarrollado con webControl CMS por Intermark. "Reunión del jurado del Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica y Técnica 2019 - Prensa". Fundación Princesa de Asturias (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-01-28. 
  25. 25,0 25,1 IT, Desarrollado con webControl CMS por Intermark. "Reunión del jurado del Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica y Técnica 2020 - Prensa". Fundación Princesa de Asturias (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-01-28. 
  26. "Carro, Mª Jesús". Fundación Gadea Ciencia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2021. Consultado o 02 de febreiro de 2021. 
  27. "Govern.cat - Generalitat de Catalunya". Govern.cat. 
  28. "Real Sociedad Matemática Española - María Jesús Carro, nueva presidenta del Comité C³". web.archive.org. Archived from the original on 22 de xuño de 2018. Consultado o 02 de febreiro de 2021. 
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 29,5 29,6 29,7 "Mujeres y Matemáticas. 13 retratos" (PDF). mym.rsme.es. 
  30. "STRATEGOS" (PDF). 
  31. "Anna Sciomachen, matemática | Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 
  32. "Kirk Fellowship Interview: Professor Claudia Sagastizabal on renewable energy, the "science of betterment" and punting in circles | Isaac Newton Institute for Mathematical Sciences". www.newton.ac.uk. Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2021. Consultado o 02 de febreiro de 2021. 
  33. "Claudia Sagastizábal, matemática | Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 
  34. "Marta Macho, una matemática en la frontera de las humanidades -". pikara magazine (en castelán). 
  35. "Marta Macho Stadler, matemática | #MujeresDivulgadoras". Social Media en Investigación (en castelán). 
  36. "Marta Macho Stadler". AMIT (en castelán). 
  37. "Biografía de Marta Macho matemática española". Mujeres Notables (en castelán). 
  38. "Tillmann, Ulrike". clever-geek.github.io. [Ligazón morta]
  39. "Ulrike Luise Tillmann, matemática | Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 
  40. "Lei Tan: Mathematician (1963-2016) (1963-2016) - Biography and Life". PeoplePill (en inglés). 
  41. "Reference Guides: Guide to: Mathematics - Selected Resources: Home". carrollton.libguides.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2021. Consultado o 02 de febreiro de 2021. 
  42. "Tan Lei, matemática | Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 
  43. "Elena Mendoza nueva vicepresidenta de desarrollo de negocio de Avanade Spain". prnoticias.com (en castelán). 
  44. "Elena Mendoza se convierte en la nueva directora general de Lenovo". CIO (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2021. Consultado o 02 de febreiro de 2021. 
  45. "Elena Mendoza nueva vicepresidenta de desarrollo de negocio de Avanade Spain". prnoticias.com (en castelán). 
  46. "Sijue Wu: American mathematician - Biography and Life". PeoplePill (en inglés). 
  47. "Sijue Wu, matemática | Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 
  48. "Karen E. Smith Interview" (PDF). 
  49. "Karen Ellen Smith, matemática | Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 
  50. "Mercedes Siles Molina". AMIT (en castelán). 2016-06-21. Consultado o 2021-03-16. 
  51. "La vicepresidenta de la RSME, Mercedes Siles Molina, nueva presidenta del CEMat". RSME. 
  52. "Mercedes Siles Molina - Aneca". www.aneca.es. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2020. Consultado o 2021-03-16. 
  53. "4 Giugno 1966: Buon compleanno Svetlana! - Rudi Matematici - Blog - Le Scienze". rudimatematici-lescienze.blogautore.espresso.repubblica.it. Consultado o 2021-03-16. 
  54. "Svetlana Yakovlevna Jitomirskaya, matemática Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-06-04. Consultado o 2021-03-16. 
  55. RSME (2019-12-13). "Mujeres y matemáticas: Entrevista a Ana Justel Eusebio". Real Sociedad Matemática Española (en castelán). Consultado o 2021-03-16. 
  56. "Las matemáticas son actualmente una herramienta fundamental para el avance en el conocimiento científico". Matematicalia. 
  57. "Ana Justel". Archived from the original on 06 de agosto de 2020. Consultado o 02 de febreiro de 2021. 
  58. "La profesora de estadísticas y vecina de Soto, Ana Justel recibe el premio Margarita Salas por su trayectoria científica" (en castelán). 
  59. "'Diario Polar': las memorias de dos científicos al límite de la aventura Natura elmundo.es". www.elmundo.es. Consultado o 2021-01-29. 
  60. "GLACKMA, Declarada de Utilidad Pública GLACKMA". web.archive.org. 2017-03-05. Archived from the original on 05 de marzo de 2017. Consultado o 2021-01-29. 
  61. "Dorleta García Rodríguez. Matematicas" (en castelán). 
  62. "Clara Grima: «El futuro está hecho de matemáticas»" (en castelán). 
  63. ""Soy doctora en matemáticas y no sé dividir con tres cifras ni sé calcular a mano una raíz cuadrada"". BBC News Mundo (en castelán). Consultado o 2021-03-16. 
  64. Grima, Clara. "Clara Grima, autor en Mati y sus mateaventuras". Mati y sus mateaventuras (en castelán). Consultado o 2021-03-16. 
  65. Grima, Clara. "Clara Grima, autor en Mati y sus mateaventuras". Mati y sus mateaventuras (en castelán). Consultado o 2021-03-16. 
  66. IT, Desarrollado con webControl CMS por Intermark. "Reunión del jurado del Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica y Técnica 2018 - Prensa". Fundación Princesa de Asturias (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-01-28. 
  67. "Trachette Jackson's Biography". The HistoryMakers (en inglés). Consultado o 2021-03-16. 
  68. "Trachette Jackson, matemática Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-07-24. Consultado o 2021-03-16. 
  69. "La hoja volante" (PDF). 
  70. Yumpu.com. "CURRICULUM VITAE NOMBRE Teresa Martínez Bravo ...". yumpu.com (en castelán). Consultado o 2021-03-16. 
  71. ".: MATEMATICALIA :. - Internacional". www.matematicalia.net. Consultado o 2021-03-16. 
  72. "Vive rápido, muere joven.Matemáticas en Biología del Envejecimiento". 
  73. "Control geométrico de sistemas mecánicos". 
  74. "Matemáticas, Control y Robótica" (PDF). 
  75. "Interview with math whiz, author, and actress Danica McKellar – Aetiology". web.archive.org. 2015-10-16. Archived from the original on 16 de outubro de 2015. Consultado o 2021-03-16. 
  76. "Danica McKellar: Matemáticas y actuación, mezcla sorprendente con grandes resultados Guioteca.com". Guioteca.com Matemáticas (en spanish). 2017-02-14. Consultado o 2021-03-16. 
  77. "El teorema de Danica McKellar". Gaussianos (en castelán). 2007-01-24. Consultado o 2021-03-16. 
  78. "Danica McKellar: Las matemáticas también son sexys". La Ciencia de la Mula Francis (en castelán). 2014-01-15. Consultado o 2021-03-16. 
  79. "Danica McKellar, matemática y actriz Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-01-03. Consultado o 2021-03-16. 
  80. "Maryam Mirzakhani - Biography". Maths History (en inglés). Consultado o 2021-03-16. 
  81. "Posts etiquetados con ‘Maryam Mirzakhani’". Matemáticas y sus fronteras. 
  82. "Maryam Mirzakhani, matemática Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-05-12. Consultado o 2021-03-16. 
  83. Prego, Carlos (2018-07-14). "Un año sin Maryam Mirzakhani, la matemática que quería ser escritora". Hipertextual (en castelán). Consultado o 2021-03-16. 
  84. López, Nerea Diez (2017-07-26). "Mujeres y Matemáticas: Maryam Mirzakhani, una luz que nunca se apagará". Real Sociedad Matemática Española (en castelán). Consultado o 2021-03-16. 
  85. "María Pe Pereira, Premio José Luis Rubio de Francia 2012". mym.rsme.es. Consultado o 01-02-2021. 
  86. "Jezabel Curbelo Hernández (UAM-ICMAT) y Rafael Granero Belinchón (UC) reciben el Premio SeMA Antonio Valle para jóvenes investigadores en el ámbito de la matemática aplicada". ICMAT (en inglés). Consultado o 2021-02-01. 
  87. López, Nerea Diez (2020-07-03). "La investigadora María Ángeles García Ferrero, Premio José Luis Rubio de Francia 2019 de la RSME". Real Sociedad Matemática Española (en castelán). Consultado o 2021-02-01. 
  88. "María Ángeles García Ferrero, escogida mejor matemático joven nacional 2019". ICMAT (en inglés). Consultado o 2021-02-01. 
  89. "María Cumplido, la cordobesa resuelve un problema matemático de hace 20 años". La Vanguardia (en castelán). 2020-07-16. Consultado o 2021-02-01. 
  90. "María Cumplido: entrevista con la joven matemática cordobesa". Nobbot (en castelán). 2020-08-13. Consultado o 2021-02-01. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]