Saltar ao contido

Mukhannathun

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mukhannathun (do árabe مخنثون, efeminados, homes que semellan mulleres; en singular mukhannath) é un termo do árabe clásico para designar as persoas que agora se chamarían transxénero (bioloxicamente homes, xenericamente mulleres). En varios hadith faise referencia aos mukhannathun. Nun dos hadith o profeta Mahomé desterra a un mukhannath a unha rexión preto de Medina, pero prohibe aos seus habitantes que lle fagan dano.[1] Estes textos poderían indicar que as transexuais musulmás eran aceptadas como son dentro dos límites de Medina e A Meca. Alén destes textos relixiosos, os mukhannathun están estreitamente relacionados coa música e o lecer.[2]

Xénero e sexualidade

[editar | editar a fonte]

Os mukhannathun como grupo non se poden incluír con propiedade nunha das categorías predominantes de xénero nin de orientación sexual empregadas hoxe en occidente. Se ben non eran heterosexuais, non se pode dicir que fosen simplemente homes homosexuais.[2]

Sexualidade

[editar | editar a fonte]

En The Effeminates of Early Medina, Everett K. Rowson describe aos mukhanathun dos que se fala nos hadith e que acompañaron ao profeta Mahomé. Rowson fala dalgúns outros mukhannathun contemporáneos do profeta, en particular de Tuways e Al-Dalal, un brillante músico e cantante que viviu ata os 82 anos. Sábese que Tuways casou e tivo fillos, e que, polo que din os textos, Al-Dalal se inclinaba claramente polos homes. Dise expresamente que, a pesar de que Al-Dalal gozaba coa compaña das mulleres, todo requirimento sexual que lle fixeran era en van. Dise que Al-Dalal tivo un encontro sexual coa súa esposa a noite de vodas, tras o cal mantivo relacións sexuais co seu amante. Historias similares cóntanse sobre outros mukhannathun de Medina.[2]

De acordo co Imán Muhsin Hendricks, Mahomé tivo trato cun grupo de homes efeminados de Medina chamados mukhannathun. Porén, mentres que este grupo de mukhannathun posuía cualidades propias dos homes gais de hoxe, non se pode dicir que os mukhannathun fosen exactamente homes gais, posto que levaban a cabo prácticas que non son comúns nos gais contemporáneos.[3]

Castración

[editar | editar a fonte]

Durante a dinastía Omeya, un califa, usualmente identificado como Sulayman ibn Abd al-Malik, ordenou que todos os mukhannathun fosen castrados. Polo que parece, os mukhannathun incomodárono dun xeito ou doutro e os diferentes autores non se poñen de acordo sobre o motivo. Varias fontes mencionan a algunhas das vítimas ou a todas, ademais de al-Dalal, que sempre ou case sempre é incluído. Un certo número delas informan, ademais, de certas bromas que se farían entre eles naquela ocasión. Hamza ofrece a versión completa destes parlamentos, dos que os seguintes son unha mostra:[2]

  • Tuways: "Isto é simplemento unha circuncisión que debemos volver a sufrir".
  • al-Dalal: "Ou mellor, a Gran Circuncisión!"
  • Nasim al-Sahar: "Coa castración convértome realmente nun mukhannath!".
  • Nawmat al-Duha: "Ou mellor, convertémonos realmente en mulleres!".
  • Bard al-Puad: "Aforraremos a necesidade de levar connosco unha fonte de ouriños".
  • Zill al-Shajar: "En calquera caso, que iamos facer cunha arma sen uso?"

As dúas últimas frases implican que o que se lles ía facer aos mukhannathun era jibdb, a forma máis drástica de castración, na que o pene era truncado. Nelas ponse o acento na carencia de interese sexual dos mukhannathun nas mulleres, mentres que as dúas precedentes identifican a motivación psicolóxica esencial tras a identificación coas mulleres dos mukhannathun como xénero.[2]

  1. www.usc.edu (ed.). "Sunan Abu-Dawud, Book 41: General Behavior (Kitab Al-Adab), nº 4910". Arquivado dende o orixinal (Html) o 09/02/2007. Consultado o 29/06/2010. (en inglés)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 ROWSON, E.K. (10/91). www.williamapercy.com, ed. "The Effeminates of Early Medina" (PDF). Journal of the American Oriental Society. pp. 671–693. Arquivado dende o orixinal (Pdf) o 01/10/2008. Consultado o 29/06/2010. (en inglés)
  3. HENDRICKS, M. (07/06). ILGA, ed. "Islam and Homosexuality" (PDF). Arquivado dende o orixinal (Pdf) o 27/09/2007. Consultado o 29/06/2010. (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]