Mizocitose
A mizocitose (do grego myzein, μυζεῖν, que significa "chuchar" e citos, κύτος, que significa "recipiente, vaso", e aquí "célula") é un método de alimentación que se dá nalgúns microorganismos heterótrofos. Tamén se chama "vampirismo celular", xa que consiste en que unha célula predadora perfora a superficie doutra célula (a presa) por medio dun tubo alimenticio, e zuga o contido celular e dixíreo. Pódese absorber a porción soluble do citoplasma ou ás veces orgánulos, que tipicamente pasan ao interior dun vacúolo da célula predadora. Cando a célula predadora engloba e incorpora unha célula completa, fálase de fagocitose.
A mizocitose atópase, por exemplo, nos Myzozoa e tamén nalgunhas especies de Ciliophora (ambos do grupo dos alveolados). Tamén nos Aconoidasida, outros alveolados, que presentan unha estrutura especializada chamada conoide.