Mesofilo
- Non confundir con mesófilo
Mesofilo[1] é un termo botánico que designa o tecido parenquimático que se encontra entre as dúas epidermes da folla (face e revés).[2]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Mesofilo provén do grego antigo φύλλον, phllýon, "folla", co prefixo meso- (no medio). Literalmente, "no medio da folla".[3]
Estrutura do mesofilo
[editar | editar a fonte]O mesofilo, constituído por tecidos vasculares que forman as veas das follas e un tejido parenquimático especializado para realizar a fotosíntese denominado clorénquima,[4] encóntrase entre ambas as caras da folla. Está constituído por un parénquima en valado, situado na epiderme superior (face da folla) e formado por células alongadas, e o parénquima esponxoso na inferior, con células irregulares entre as que se encontran grandes espazos intercelulares.[5]
O mesofilo pode ser homoxéneo, cando está formado por un só tipo de células de clorénquima. Neste caso, as células poden ser máis ou menos arredondadas, como sucede en plantas herbáceas como o liño ou a leituga, ou estar constituído por células alongadas, como sucede na remolacha. As especies de eucaliptos con follas péndulas tamén presentan este tipo de mesofilo.[6]
Cando o clorénquima da folla se diferencia en parénquima en valado e parénquima esponxoso, o mesofilo dise heteroxéneo. Segundo a situación dos dous tipos de clorénquima distínguense tres tipos de estrutura do mesofilo.
- O mesofilo dorsiventral ou bifacial, propio das magnoliópsidas, é o tipo de estrutura no que o clorénquima en valado está cara á face da folla e o clorénquima esponxoso cara ao revés, como é o caso da vide e os alfaneiros. Esta organización encóntrase usualmente nas follas que se orientan horizontalmente. O número de capas de clorénquima en valado é variábel: hai unha soa no caso do tabaco e da batata, dúas no loureiro rosa e na alfalfa, e tres no caso da pereira. O número de capas do clorénquima en valado pode incluso variar dunha folla a outra do mesmo individuo. Así, no caso do arce, unha árbore de copa ampla, as follas periféricas teñen máis capas de clorénquima que as que se encontran no interior da copa. Así mesmo, as follas que están máis expostas ao sol son máis grosas que as que están na sombra, e presentan un maior desenvolvemento do clorénquima en valado e un maior número de cloroplastos.
- O mesofilo isobilateral ou equifacial, cunha capa de parénquima incoloro entre as capas de clorénquima, é aquela estrutura na que o clorénquima en valado se encontra sobre as dúas caras do limbo foliar e o parénquima esponxoso queda en medio delas. Esta organización é característica das plantas con follas ergueitas ou péndulas, tales como o caravel.
- O mesofilo céntrico, radial ou unifacial, pode presentar esclerénquima e un tecido de transfusión cuxa función é a de permitir o paso da auga cara aos tecidos condutores; é un tipo de estrutura que se encontra en especies con follas moi estreitas, case cilíndricas. Neste tipo de organización do mesofilo o parénquima en valado orientado cara á face forma unha capa case continua coa do revés como, por exemplo, no xénero Salsola. Esta estrutura é frecuente en plantas xerofíticas e suculentas, cuxo mesofilo contén células pequenas, e o clorénquima en valado está máis desenvolvido que o esponxoso e, frecuentemente, está reforzado por esclerénquima.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definición de Mesofilo no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ mesofilo en Digalego.
- ↑ Font Quer 1993, p. 703.
- ↑ clorénquima en Digalego.
- ↑ Fahn, A. (1985). Anatomía Vegetal. Madrid: Ediciones Pirámide. ISBN 978-84-3680-291-7.
- ↑ 6,0 6,1 González, A. M. & Arbo, M. M. "Organización del cuerpo de la planta. Tema 21: Anatomía foliar 21.2. Hojas de dicotiledóneas, 2) Sistema fundamental o mesófilo". Morfología de Plantas Vasculares. Argentina: Universidad Nacional del Nordeste. Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2020. Consultado o 30 de outubro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Font Quer, P. (1993): Diccionario e botánica. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-3350-078-3.