Saltar ao contido

Lope de Mendoza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLope de Mendoza
Biografía
Nacemento1363 Editar o valor en Wikidata
Sevilla, España Editar o valor en Wikidata
Morte3 de febreiro de 1445 Editar o valor en Wikidata (81/82 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Arcebispo de Santiago de Compostela
1399 –
Bispo de Mondoñedo
16 de xuño de 1393 –
← Francisco (en) Traducir
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónSacerdote católico de rito romano, sacerdote católico Editar o valor en Wikidata

Lope de Mendoza, nado en Sevilla contra 1363 e finado en Santiago de Compostela o 3 de febreiro de 1445, foi un fidalgo e eclesiástico castelán, que foi bispo de Mondoñedo (13931399) e arcebispo de Santiago de Compostela (13991445).

Traxectoria eclesiástica

[editar | editar a fonte]
Tímpano da portada da igrexa de San Martiño de Noia co escudo de Castela e León entre outros dous iguais do arcebispo Lope de Mendoza, que a mandou construír.

Lope de Mendoza naceu en Sevilla contra o ano 1363. Como fillo segundoxénito, non vinculeiro, elixiu a carreira eclesiástica, graduándose en leis.

En 1393 foi erixido bispo de Mondoñedo. Pola súa sabedoría e bo goberno, pasou, en setembro de 1399 a ser administrador do arcebispado de Santiago, e despois, polo menos desde marzo de 1400, xa arcebispo efectivo, até a súa morte, que aconteceu o 3 de febreiro de 1445.

A interinidade debeuse á fuxida a Portugal do derrotado anterior arcebispo Xoán García Manrique. Nos primeiros anos do seu mandato aumentou o intervencionismo rexio na política de Galicia. De feito, Henrique III de Castela nomeouno para intentar diminuír o poder acumulado no reino de Galicia por Pedro Enríquez de Castela, conde de Lemos e de Trastámara. Neste contexto reestruturaríase o Adiantamento e crearíase o posto de Corrixidor.

Lope de Medoza intentou evitar a pobreza e relaxación do clero e o caos en que se encontraba o patrimonio da Igrexa polos manexos dos nobres. Suxiriu que os nobres morasen nas súas casas e non na Corte para diminuír o seu poder, e ditou en 1406 as famosas Ordenanzas de Muros, vila que desde 1298 pertencía á mitra compostelá por doazón do rei Fernando IV, así como constitucións para os gremios de acibecheiros, prateiros e cambiadores de Santiago.

Participou na campaña de conquista de Antequera en 1410 e nas Cortes de Madrid de 1419, que declararon maior de idade o rei Xoán II de Castela.[1]

Conflitos políticos

[editar | editar a fonte]

Tras as Cortes de Madrid o rei Xoán II apoiouse máis en Álvaro de Luna recruándose o conflito contra o partido dos Infantes de Aragón e o Condestábel Ruy López Dávalos, que exerceran o poder efectivo durante a rexencia. O conflito na Corte tamén se manifiestou en Galicia, onde o partido do rei e de Álvaro de Luna estaba representado polo ambicioso Fadrique de Trastámara, señor de Lemos e fillo do mencionado Pedro Enríquez, mentres que o arcebispo Lope de Mendoza sempre militou no partido oposto, que era o dos Infantes de Aragón, quizais por fidelidade ao defunto rei Henrique III e ao seu irmán Fernando de Antequera. Xa en 1418, Fadrique intentou minar o poderío do arcebispo instigando unha rebelión na cidade de Santiago co beneplácito do rei e de Álvaro de Luna. Tras os episodios de novembro de 1420 (fuxida de Talavera) non lle quedou outro remedio ao arcebispo que someterse a todo o que Fadrique exixira como membro da facción vitoriosa. En 1423 Fadrique alcanzou a cima do seu poder ao ser nomeado duque de Arjona e membro do Consello Real, apoiando decididamente a Álvaro de Luna. Lope de Mendoza, que casara en Madrigal de las Altas Torres ao rei Xoán II con Isabel de Portugal (con que tivo á súa filla Isabel a Católica), e que intervira nos acordos de paz entre Castela, Aragón e Navarra, non volvería poder visitar a Corte até 1425.[1]

Lope de Mendoza tivo que quitarlle o cotizado oficio de pertegueiro maior ao seu sobriño Xoán e darllo ao seu rival, que aumentou a súa ousadía e ambición, acorde co seu carácter violento. Porén, en 1425 chegouse a unha certa "amizade de conveniencia" debido, por unha parte, ás sucesivas cesións do arcebispo, pero tamén á ambición de Fadrique, que intentou formar unha facción contra Álvaro de Luna, uníndose aos seus anteriores inimigos, os Infantes de Aragón, cos que estivera sempre aliado Lope de Mendoza. En 1426 a ambición de Fadrique fixo que se destacara no bando oposto ao de Luna, pero este logrou retomar o poder en 1428 expulsando de Castela aos Infantes de Aragón e encarcerando a Fadrique (que morreu en prisión en 1430), quedando Lope de Mendoza en Santiago illado e en desgraza.[1]

Nun momento en que os Infantes de Aragón volveran gañar o favor real, estes, aos que tanto apoiara Lope de Mendoza, cando este intentara acceder en 1442 ao arcebispado de Toledo, preferiron apoiar o candidato oposto, Gutierre Álvarez de Toledo. Finalmente, Lope intentou volver á súa Sevilla natal permutando o arcebispado con García Enríquez Osorio, arcebispo de Sevilla, en 1444, o que impediu Álvaro de Luna, pois non conviña que dous membros da inimiga familia Osorio (García e o seu irmán Pedro) ocupasen postos importantes á vez en Galicia. Lope de Mendoza morrería en Santiago o 3 de febreiro de 1445.[1]

Capela da Comuñón da Catedral de Santiago.

A orixe sevillana de Lope Mendoza explica que o castelán se introducise nos documentos do arcebispado. «Dos trescentos vinte e seis instrumentos recollidos nun mazo de documentación do Concello de Santiago que vai entre 1416 e 1422, atopamos trescentos oito escritos en galego e dezaoito en castelán. Destes dezaoito, nove proceden da oficina arcebispal de Lope de Mendoza, sete da Chancelería Real, e dous do Adiantado Maior do Reino de Galicia».[2]

Baixo o mandato de Lope de Mendoza erixíronse a Colexiata de Santa María da Coruña, a Igrexa de San Martiño de Noia, a Colexiata de Santa María do Campo de Muros, e continuáronse as obras da Catedral de Santiago, co novo ciborio gótico, e a capela que Lope de Mendoza mandara construír onde agora se encontra a Capela da Comuñón, tamén chamada do Sagrado Corazón, da Nosa Señora do Perdón, e dos Mendoza.

Lope de Mendoza estaba sepultado nesta capela, pero a súa tumba desapareceu (o "tombo vermello" do arcebispo Lope, sustentado por doce leóns e con figuras de arcebispos e apóstolos). Gravou as súas armas aos pés da imaxe de alabastro da Virxe do Perdón, na peana, que se encontra á dereita da porta da capela, e na porta exterior desta, e alí poden verse.[1][3]

Na súa tumba está escrito:

A la memoria del Rmo. Sr. Arzbispo D. Lope de Mendoza, fundador de esta capilla, fallecido el 3 de febrero de 1445 y a la del M. Ie. Sr. Deán D. Policarpo de Mendoza Bienhechor insigne de esta S.A.M. Iglesia fallecido el 17 de marzo de 1794. R.I.P. SPES AUTEM NON CONFUNDIT

.

Predecesor:
Francisco I
Bispo de Mondoñedo
1393 - 1399
Sucesor:
Álvaro de Isorna
Predecesor:
Xoán III
Arcebispo de Santiago
1399 – 1445
Sucesor:
Álvaro de Isorna
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Los inicios de la familia Mendoza Arquivado 09 de marzo de 2016 en Wayback Machine..
  2. Monteagudo, H. (1999). Historia social da lingua galega. Galaxia. 
  3. Navascués Palacio, Pedro (1997). Catedrales de España. Madrid: Espasa Calpe. ISBN 84-239-7645-9.