Saltar ao contido

Languedoc

Modelo:Xeografía políticaLanguedoc
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°40′00″N 3°10′00″L / 43.666666666667, 3.1666666666667
Datos históricos
Creación1271 Editar o valor en Wikidata
Disolución1790 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata

O Languedoc (Lengadòc en occitano) é un conxunto de rexións do sur de Francia que se distingue pola súa fala - o occitano - opoñéndose así ao norte de Francia, outrora coñecido como o "país da lingua de Oïl" - oc e oïl eran a forma respectiva de si no sur e no norte, respectivamente.

Baixo o Antigo réxime o Languedoc non presentou xamais unha unidade política (principado), pero acabou por constituír unha unidade fiscal: os estados xerais do Languedoc reuníanse frecuentemente para repartiren as bases dos impostos.

Malia o dito anteriormente, o Languedoc foi unha provincia de Francia, mais cómpre ter en conta que as provincias nunca tiveron unha existencia "política", se non "de facto". Dito isto, esta antiga provincia tería abarcado territorios das actuais rexións de Languedoc-Rosellón e Mediodía-Pireneos no sur de Francia, sendo a súa capital Tolosa, hoxe na rexión do Mediodía-Pireneos.

Límites do Languedoc

[editar | editar a fonte]

Tendo en conta que as provincias francesas non tiñan carácter político, se non que era froito da tradición e dos costumes, onde a xente vía unha unidade, o territorio non tiña uns límites estritos. Hoxe en día, cando a xente se refire ás antigas provincias de Francia, refírense aos gouvernements tal e como existían en 1789. Os gouvernements eran rexións militares establecidas na metade do século XVI e cuxos territorios coincidían cos das provincias tradicionais. Porén, nalgúns casos, pequenas provincias foron integradas xunto con outras máis grandes nun só gouvernement, así que os gouvernements non eran exactamente o mesmo que as provincias tradicionais.

Tendo todo isto en conta, pódese falar dos límites do Languedoc, que varían segundo o que consideremos. Historicamente, a rexión foi creada a partir da división da provincia romana da Gallia Narbonensis; a parte occidental, chamada Septimania, pasou a estar baixo control do Reino visigodo no 462, cando a Septimania foi cedida a Teodorico II dos visigodos.

No século IX os condes de Tolosa estaban nunha posición totalmente independente dos reis de Francia. O condado de Tolosa xurdiu entón como o que máis tarde se coñecería co nome de Languedoc, pero este tamén inclúe a provincia de Quercy (hoxe departamento de Lot e parte norte do departamento de Tarn e Garona) e a [[provincia de Rouergue (hoxe Aveyron), ambos os dous no noroeste do Languedoc. Ás veces mesmo incluíu a provincia de Agenais (hoxe metade leste do departamento de Lot e Garona) no oeste do Languedoc, a provincia de Gévaudan (hoxe Lozère), a provincia de Velay (hoxe a parte centro-oriental do Alto Loira), a parte sur da provincia de Viverais (hoxe parte sur do Ardèche), e mesmo toda a metade norte da Provenza. Despois da completa conquista o territorio foi desmantelado, a parte central é o que hoxe coñecemos como Languedoc.

O gouvernement do Languedoc que foi creado na metade do século XVI emerxeu como o Languedoc propiamente dito, pero tamén incluía as tres pequenas provincias de Gévaudan, Velay e Vivarais (na súa totalidade), estas tres provincias estaban no nordés do Languedoc. Algunha xente considera que a rexión que rodea Albi era unha provincia tradicional, chamada Albigeois (hoxe Tarn), pero xeralmente é considerado como parte do Languedoc propiamente dito. As provincias de Quercy e Rouergue, malia os seus antigos vínculos con Tolosa, non foron incorporadas no gouvernement do Languedoc, se non que foron incluídas no gouvernement de Guienne con capital no distante Bordeos. Probablemente isto foi feito conscientemente para evitar un renacemento do independentismo inspirado no condado de Tolosa, potencialmente perigoso para a unidade de Francia. No resto deste artigo, o termo Languedoc fará referencia ao gouvernement do Languedoc, tal e como se describe aquí, que é ao que se refire a maioría da xente cando fala da provincia do Languedoc, aínda que actualmente o termo refírese a un territorio moito máis amplo ca este.

Superficie e localización do Languedoc

[editar | editar a fonte]

A provincia do Languedoc cobre unha superficie aproximada de 42.000 Km² na parte centro-meridional de Francia, entre o río Ródano (linda coa Provenza) e o río Garona (linda coa Gascoña, estendéndose ao norte até Cévennes e o Macizo central (linda coa Auverña).

Antigas estruturas administrativas e a cuestión da capital do Languedoc

[editar | editar a fonte]
Saint-Sernin Basilica en Tolosa, amosando a arquitectura típica do Alto Languedoc de ladrillo rosa.

Os gobernadores do Languedoc residían en Pézenas, na costa mediterránea, lonxe de Tolosa pero preto de Montpellier. Co tempo incrementaron o seu poder grazas aos asuntos militares, e comezaron unha administración e execución do poder "de facto", como nos outros gouvernements de Francia, pero especialmente acusado no Languedoc, onde o duque de Montmorency, gobernador do Languedoc, se rebelou abertamente contra o rei, sendo derrotado e decapitado en Tolosa en 1632 por orde do cardeal Richelieu. Os reis de Francia comezaron a ter medo do poder dos gobernadores, xa que desde o rei Lois XIV de Francia (o rei sol) tiveron que residir en Versalles e impedíuselles entrar no territorio dos seus gouvernements. Así, os gouvernements convertéronse en estruturas baleiras, pero seguiron tendo un sentido de antigas provincias, e así os nomes e límites perduraron entre a xente até hoxe.

Por cuestións administrativas, o Languedoc foi dividido en dúas généralités, a de Tolosa e a de Montpellier, formando entre as dúas o gouvernement do Languedoc. Á cabeza dunha généralité estaba un intendente, pero no caso do Languedoc, sempre falando tecnicamente, era o intendente da généralité de Tolosa e o da généralité de Montpellier. A généralité de Tolosa é tamén coñecida como a do Alto Languedoc, mentres que a de Montpellier, ao nivel do mar, é coñecida como Baixo Languedoc. Os intendentes do Languedoc residía en Montpellier, e tiña un subdelegado en Tolosa. Montpellier foi escollida para diminuír o poder de Tolosa, cuxo parlamento era moi influente, e que simbolizaba o vello espírito de independencia do condado de Tolosa. Os intendentes substituíron os gobernadores como administradores do Languedoc, pero nomeaban e distituían como se fosen o rei, non eran unha ameaza para o poder central en Versalles. Alá polo 1789 foi o elemento principal da administración local do rei.

Por problemas xudiciais e lexislativos, o Languedoc dependía do importante parlamento de Tolosa, fundado a mediados do século XV, sendo o primeiro parlamento creado fóra de París polos reis de Francia para ser o equivalente do parlamento de París no afastado sur. A xurisdición do parlamento de Tolosa incluía o propio do territorio do gouvernement do Languedoc, pero tamén o da provincia de Rouergue, a maior parte da de Quercy, e parte da Gascoña. O parlamento de Tolosa era a corte suprema de xustiza para esta basta área de Francia, a corte cuxas decisións non podía ser apeladas nin sequera en París. O parlamento podía mesmo bloquear leis vidas de París.

Finalmente, por cousa das taxas, o Languedoc era gobernado polos Estados do Languedoc, cuxa xurisdición incluía só o propio Languedoc (e Albigeois), pero non Gévaudan, Velay e Vivarais, que obtivo os seus propios Estados provinciais en 1789. O Languedoc propiamente dito era unha das moitas provincias de Francia que tiñan o privilexio de decidiren sobre taxas. Os reis de Francia suprimiron os estados provinciais noutras moitas provincias de Francia. Isto foi un favor especial dos reis para se aseguraren que unha rexión separatista lonxe de Versalles seguise fiel ao estado central. Os Estados do Languedoc tiveron sede en moitas cidades, e por certo tempo establecéronse en Pézenas, pero no século XVIII trasladáronse a Montpellier, onde estiveron un ano, ata 1789.

Por razóns relixiosas, o Languedoc estaba tamén dividido en certo número de provincias eclesiásticas, que tiñan grande importancia daquela.

Resultado deste intricado maremagnum de administracións e xurisdicións tan típicas en Francia antes da Revolución francesa, é difícil dicir cal era a capital do Languedoc. Tolosa e Montpellier, ambas as dúas reclaman ser a capital do Languedoc. Como un problema de facto, no século XVIII a monarquía favoreceu claramente a Montpellier, unha cidade moito máis pequena que Tolosa, e con menos historia que a antiga metrópole de Tolosa, da que os reis de Francia antes tiñan medo. Porén, moita xente considera que Tolosa é a capital real da provincia do Languedoc, debido ao seu vello status como centro do condado de Tolosa, e ao gran poder do seu parlamento. Nos mapas (tanto antigos como modernos) amosando as provincias de Francia en 1789 (de feito os gouvernements como xa se explicou antes), Tolosa é sempre marcada como a capital do Languedoc.

Divisións administrativas modernas

[editar | editar a fonte]

A provincia do Languedoc foi dividida en 4 rexións:

  • 55% do antigo territorio queda na rexión do Languedoc-Rosellón, capital Montpellier, concretamente os departamentos de Gard, Hérault, Aude e Lozère, que supoñen o 85% do territorio da rexión. O 15% restante é o Rosellón, unha provincia que nunca formou parte do Languedoc histórico.
  • 24 % do seu antigo territorio queda na rexión do Mediodía-Pireneos, capital Tolosa, concretamente os departamentos do Tarn, así como o norte de Alto Garona e o sur do Tarn e Garona, que supón o 22% do territorio da rexión. O 78% restante está formado por Quercy e Rouergue (dos que se falou antes), así como a provincia do condado de Foix (que era un vasalo do condado de Tolosa na Idade Media), moitas pequenas provincias nos Pireneos, e unha ampla parte da Gascoña.
  • 13% queda na rexión do Ródano-Alpes, integrado polo departamento de Ardèche, que supón o 13% do territorio da rexión
  • 8% queda na rexión de Auverña, concretamente o centro e leste do departamento do Alto Loira, que supón o 13% do territorio da moderna rexión.

Poboación e cidades

[editar | editar a fonte]

No territorio tradicional da provincia do Languedoc vivía aproximadamente 3 650 000 persoas (segundo o censo de 1999), o 52% na rexión do Languedoc-Rosellón, o 35% na do Mediodía-Pireneos, o 8% na do Ródano-Alpes e o 5% restante na de Auverña.

O territorio da antiga provincia amosa un forte contraste entre algunhas zonas densamente poboadas (planicies costeiras e área metropolitana de Tolosa no interior) onde a densidade está entre os 150-300 hab./km² (chairas costeiras / chaira de Tolosa), e o montañoso interior onde a densidade é estremadamente baixa, a área de Cévennes no sur de Lozère ten unha das máis baixas densidade de Europa cuns 7,4 habitantes por qulómetro cadrado.

As cinco áreas metropolitanas máis grandes no territorio da antiga provincia do Languedoc son (seguindo o censo de 1999): Tolosa (964.797 habitantes), Montpellier (459.916 hab.), Nîmes (221.455 hab.), Béziers (124.967 hab.) e Alès (89.390 hab.).

A área da antiga provincia do Languedoc é actualmente a que vive un crecemento máis rápido en Francia, e certamente é un dos máis rápidos de Europa, cun incremento de xente vida do norte de Francia e do norte de Europa sita no cinto de sol do continente, onde está situado o Languedoc. O crecemento é particularmente forte nas áreas metropolitanas de Tolosa e Montpellier, que viven o crecemento máis rápido de Europa neste momento. Porén, o interior do Languedoc segue a perder habitantes, o que incrementa a diferenza de densidade antes mencionada.

A poboación da costa do Languedoc así como a da rexión de Tolosa máis ben nova, educada, e abondosa, mentres que a do interior tende a ser máis vella, con significante pobreza, e cunha porcentaxe máis baixa de graduados tanto en institutos como en escolas especializadas.

A costa mediterránea do Languedoc foi colonizada polos gregos, fenicios e romanos, e invadida polos alamáns, os vándalos, os visigodos e os sarracenos. O Languedoc era coñecido na Idade Media como o condado de Tolosa, un condado independente que era en teoría parte do reino de Francia. No século XII, o Languedoc foi o centro do movemento relixioso cátaro. A Igrexa católica declarounos heréticos, e a cruzada albixense acabou con eles. Como consecuencia, o condado de Tolosa volveu á coroa de Francia en 1271, e formou parte do estado desde entón. Despois o nome dado á zona foi Languedoc, que significa literalmente "lingua de oc", da palabra "si" no occitano local ("oc", oposto a "oïl", máis tarde "oui", no norte de Francia). Os reis de Francia fixeron do Languedoc unha das provincias do reino, e estableceron o parlamento do Languedoc en Tolosa. Este parlamento e a provincia foron abolidos no tempo da Revolución francesa, igual que todos os outros parlamentos e provincias de Francia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]