Saltar ao contido

Lagarta rabuda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nesta foto pódese apreciar o seu longo rabo.
P. manuelae.

A lagarta rabuda (Psammodromus manuelae[1]) é unha especie de lagarta da familia Lacertidae, que vive na metade occidental da Península Ibérica, incluíndo Galicia. Anteriormente estaba incluída na especie P. algirus (que agora quedou só coas poboacións norteafricanas), pero estudos recentes do seu ADN mitocondrial demostraron que é unha nova especie, á que se chamou P. manuelae.[2]

Busack e Lawson (2006) estimaron que o illamento reprodutivo entre as poboacións ancestrais de P. algirus a ambos os lados do estreito de Xibraltar ocorreu hai uns 2,98-3,23 millóns de anos e que a separación entre P. manuelae e P. jeanneae (que comprende as poboacións que ocupan a metade oriental da Península) tivo lugar hai 1,4-1,54 millóns de anos. Unha alternativa a esta hipótese formulárona Carranza et al. (2006), para os cales a separación entre os dous clados da Península Ibérica debeu ter lugar hai 3,6 millóns de anos e a separación entre o clado occidental (P. manuelae) e o norteafricano (P. algirus) hai 1,9 millóns de anos.

O seu nome manuelae fai referencia a Manuela González, esposa dun dos descritores da especie, Alfredo Salvador.[3] Algúns autores considérana sinónimo de P. algirus (Verdú Ricoy et al. 2010).[3][4]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A súa lonxitude varía entre 70 e 75 mm sen contar o rabo. O rabo é moi grande e pode chegar a ser o triplo de grande que o resto do corpo. A cor do dorso é pardo clara, pardo cobriza ou olivácea, con dúas liñas abrancazadas ou amareladas. Ten ocelos azulados a cada lado do corpo, de tamaño decrecente cara á parte posterior. Os machos adultos presentan en primavera os lados da cabeza e a gorxa de cor laranxa e amarela, e os costados con abundante coloración negra formando series verticais paralelas alternando con coloración amarela.[5] As súas escamas dorsais son grandes, bicudas, imbricadas e carenadas e as ventrais lisas. Sen colar.[6]

Teñen dimorfismo sexual, os machos son meirandes, coa cabeza e o rabo de maior tamaño que as femias.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Distribúese por todo o occidente da Península Ibérica; os límites orientais da súa zona están por delimitar con precisión, pero no oriente da península as poboacións pertencen á especie Psammodromus jeanneae (lagarta rabuda oriental). Especie común en toda a súa área, aínda que é máis escasa no extremo norte. En Galicia é pouco abondosa a non ser nalgunhas zonas cálidas do sur, e ocupa principalmente a metade sur de Galicia, pero vai desaparecendo cara ao norte. Moi termófila.[6]

Prefire o mato baixo de aciñeiras e cistáceas; habita tamén en piñeirais e carballeiras. En Galicia ocupa zonas cálidas e abrigadas de chans con mato aberto, toxeiras, piñeirais, soutos, fenteiras e silveiras e zonas de praia.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

En Galicia o apareamento prodúcese entre abril e xuño. O macho ten unha coloración especial durante o celo, como xa se comentou. Os machos emiten sons durante o apareamento (tamén cando os perseguen os depredadores); morden á femia nas costas do corpo e caluga. En Galicia poñen unha media de 6 ovos.

Alimentación e depredación

[editar | editar a fonte]

Comen principalmente insectos e algúns arácnidos que apañan no chan ou en arbustos. Os seus principais depredadores en Galicia son as cobras lagarteiras (Coronella girondica) e aves como os lagarteiros (Falco tinnunculus).

Ameázana a eliminación da cobertura arbustiva en zonas ganderas e forestais e a fragmentación do seu hábitat. Na Serra de Guadarrama, as plantacións de piñeiros en zonas antes ocupadas por carballeiras erradicaron de alí a especie. A IUCN dálle un status de "Pouco preocupante".[1]

  1. 1,0 1,1 Amori, G., Hutterer, R., Krystufek, B., Yigit, N., Mitsani, G. & Muñoz, L. J. P. 2008. Psammodromus manuelae. In: IUCN 2009. IUCN Red List of Threatened Species. Version 2009.1.<www.iucnredlist.org>. (LC) Consultado o 16 de agosto de 2015.
  2. Busack, Stephen; Salvador, A. & Lawson, Robin 2006 Two new species in the genus Psammodromus (Reptilia: Lacertidae) from the Iberian Peninsula. Annals of the Carnegle Mus. 75 (1): 1 - 10.
  3. 3,0 3,1 Reptiles database Psammodromus algirus
  4. Verdú-Ricoy, Joaquín; Carranza, Salvador; Salvador, Alfredo; Busack, Stephen D.; Díaz, José A. 2010. Phylogeography of Psammodromus algirus (Lacertidae) revisited: systematic implications. Amphibia-Reptilia 31 (4): 576-582.
  5. Busack et al. , (2006)
  6. 6,0 6,1 Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxinas 337-340. ISBN 84-7507-722-6.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]