Joly Braga Santos
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2014.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de maio de 1924 Lisboa, Portugal |
Morte | 18 de xullo de 1988 (64 anos) Lisboa, Portugal |
Causa da morte | ictus |
Actividade | |
Ocupación | compositor, director de orquestra, crítico musical, profesor de música |
Xénero artístico | Ópera, sinfonía e música cinematográfica (pt) |
Profesores | Luís de Freitas Branco, Virgilio Mortari e Hermann Scherchen (pt) |
Influencias | |
Instrumento | Violín |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios | |
| |
Joly Braga Santos, nado en Lisboa o 14 de maio de 1924 e finado na mesma cidade o 18 de xullo de 1988, foi un compositor de música erudita e mestre portugués, condecorado coa Ordem de Sant'Iago da Espada en 1977.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A música, que xa escoitaba aos dous anos de idade, é a primeira forma artística de que se lembra. Agradáballe que lle ofrecesen instrumentos musicais e o seu pai, ao decatarse da súa predilección pola música, levábao aos concertos e á opera. A Joly gustábanlle especialmente as óperas con coro.
Aos cinco anos comezou a tocar nun violín para nenos. O seu apego ao instrumento parecía levalo a unha carreira de violinista profesional. En verdade, chegou a estudar violín e composición no Conservatorio de Lisboa, onde foi alumno de Luís de Freitas Branco. Outra persoa que contribuíu moito na súa formación foi o mestre Pedro de Freitas Branco, dando a coñecer a obra de Braga Santos en todo o mundo. O propio compositor lembra: «El axudoume dunha forma inmensa e abriu o camiño á formación que máis tarde eu viría ter.»
Durante a súa xuventude, o contexto de guerra mundial de entón impediu un contacto máis próximo do compositor coa cultura musical europea. Joly Braga Santos procurou así inspiración na tradición portuguesa, especialmente na obra do seu mestre Luís de Freitas Branco. O antigo folclore portugués e o polifonismo renacentista está ben presente no seu primeiro período, durante o cal compón as súas primeiras catro sinfonías. O talento de Joly demóstrase polo feito de que as referidas obras foron compostas entre os 22 e os 27 anos e inmediatamente executadas pola Orquestra Sinfónica da Emisora Nacional. Antes de cumprir os 20 anos, o compositor traspuxo para música textos de Antero de Quental, Fernando Pessoa e Luís de Camões, que volverían a ser fonte de inspiración da súa 6ª Sinfonía. Con todo xa na 4ª sinfonía usara un poema de Vasconcellos Sobral no seu epílogo, tema ese que chegou a ser proposto para Himno Mundial da Xuventude.
O contacto con Europa acontece coa súa viaxe a Italia, país onde foi bolseiro para estudar musicoloxía, composición musical e dirección de orquestra. Estudou con Virgílio Mortari, Gioachino Pasqualini, Alceo Galliera e Hermann Scherchen, cuxo Curso Internacional de Rexencia frecuentou con Luigi Nono, Bruno Maderna e Fernando Corrêa de Oliveira.
No seu regreso a Portugal, Joly tornouse unha figura recoñecida na dirección de orquestra e durante un longo período de tempo deixou de lado a composición. El refírese a esa fase como un período "sabático", antes de volver en 1965 a súa maior creación: a Quinta Sinfonía. Esta obra foi o seu último traballo puramente orquestral, pois a Sexta Sinfonía foi composta para coro e soprano.
Neste momento, o compositor portugués estaba xa bastante familiarizado coa mudanza de estilo musical resultante do período de posguerra, apoiando aqueles que compuñan nun idioma máis agresivo e moderno. Braga Santos tamén proxectou a súa carreira nese sentido, sen perder nunca a calidade melódica que fai a súa música tan brillante, misturándoa apenas cun pouco daquela aspereza que aparecía entón na música mundial. Neste período compuxo a ópera Trilogia das Barcas, baseada en Gil Vicente e estreada en 1970 no Festival da Gulbenkian, constituíndo unha das grandes obras de sempre do repertorio lírico portugués.
A música de Joly Braga Santos pode ser vista principalmente como unha fusión de varios estilos europeos, particularmente da Europa Occidental. Mais el mesmo dixo: «Desde sempre entendín que tiña que crear o meu propio estilo e a miña música debía ser o resultado desa creación». A melodía era para el a razón de ser da música.
Alén da vasta obra musical, Braga Santos pertenceu aínda ao Gabinete de Estudos Musicais da Emisora Nacional, foi Director da Orquestra Sinfónica do Porto, Mestre Asistente e de Captación da Orquestra Sinfónica da RDP, profesor de Composición do Conservatorio Nacional de Lisboa, crítico e articulista, entre outros do Diário de Notícias e fundou aínda a Juventude Musical Portuguesa.
O musicólogo João de Freitas Branco, autor da obra de referencia da historia da música portuguesa, salientou a xenerosidade cultural do maior sinfonista portugués. «El é o inverso do artista que se dirixe só a minorías privilexiadas. El quería que moitas persoas viñesen a gozar da súa arte». Comunicar para el era esencial, contribuíndo niso o seu espírito aberto.
Elixido pola UNESCO como un dos 10 mellores compositores da música contemporánea de entón, Joly Braga Santos di de si mesmo, parafraseando a Stravinsky, «Non me considero compositor, mais si inventor de música».
Pai dunha familia moi unida, adoraba as súas fillas, a quen chamaba as súas «marabillas pequeniñas».
Morreu en Lisboa, no ano 1988.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía musical (en inglés).