Irina Rodnina
Irina Konstantinovna Rodnina (ruso: Ирина Константиновна Роднина), nada en Moscova o 12 de setembro de 1949 é unha patinadora artística e política rusa, única que gañou dez campionatos mundiais e tres medallas olímpicas consecutivas (1972, 1976, 1980) na disciplina de parellas. Nas eleccións lexislativas de 2007 foi elixida membro da Duma Estatal polo partido Rusia Unida do presidente Vladímir Putin.[1] Como patinadora artística, competiu inicialmente con Aleksei Ulanov e logo con Aleksandr Záitsev. Foi a primeira patinadora de parellas que gañou o título olímpico con dúas parellas diferentes.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Carreira deportiva
[editar | editar a fonte]Nos seus anos preescolares, Rodnina sufriu pneumonía once veces. Despois de decidir inscribirse nalgunha actividade, en 1954 os seus pais levárona á súa primeira pista de patinaxe, no Parque Infantil Pryamikov en Moscova.[2] Dende o sexto grao da escola secundaria, aos 13 anos, formouse na Escola de Deportes para a Infancia e a Mocidade do CSKA en Leningradsky Prospekt.[3]
Contra o 1963, Rodnina xa comezara a patinar coa súa primeira parella, Oleg Vlasov, adestrado por Sonia e Milán Valun. En 1964, Stanislav Zhuk converteuse no seu adestrador e emparellouna con Aleksei Ulanov. Gañaron catro títulos mundiais e europeos consecutivos. O primeiro título mundial foi en 1969, por diante da parella Tamara Moskvina / Alexei Mishin. Gañaron os seguintes títulos mundiais, 1970 e 1971, por diante de Lyudmila Smirnova / Andrei Suraikin. Porén, Ulanov namorouse de Smirnova e antes dos Xogos Olímpicos de 1972 a parella tomou a decisión de patinar xuntos a temporada seguinte. [4] Rodnina e Ulanov competiron neses xogos e lograron o ouro. Logo prepararon a súa última competición xuntos, o Mundial de 1972. Mentres practicaban xuntos un día antes do inicio da competición, a parella tivo un accidente nun levantamento e Rodnina acabou no hospital cunha conmoción cerebral e un hematoma intracraneal.[4] A pesar do accidente, tiveron unha importante presenza no programa curto, recibindo algúns 6.0. No programa longo, Rodnina debilitouse e mareouse, mais foi suficiente para o seu cuarto título mundial. Ulanov continuou a súa carreira con Smirnova, mentres que Rodnina pensaba na súa xubilación.
En abril de 1972, o seu adestrador Stanislav Zhuk suxeriulle que formase equipo co patinador de Leningrado Aleksandr Zaitsev, que tiña boa técnica de salto e aprendeu rapidamente os elementos. A súa música detívose durante o seu programa curto no Campionato Mundial de 1973, posiblemente debido a un traballador checo que actuou en represalia pola represión da Primavera de Praga.[5] Coñecidos por unha intensa concentración, remataron o programa en silencio,[6] obtendo unha ovación de pé e unha medalla de ouro ao finalizaren por diante de Smirnova e Ulanov, que foron derrotados de novo en 1974.
En 1974, Rodnina e Zaitsev deixaron a Zhuk, co que a súa relación se volvera tensa,[4] para adestrar con Tatiana Tarasova. Gañaron xuntos seis títulos mundiais e sete medallas de ouro de Europa, e gañaron o seu primeiro título olímpico en conxunto en 1976. Rodnina e Zaitsev non competiron durante a temporada 1978/79, porque ela estaba embarazada. Regresaron en 1980 para lograr o seu segundo título olímpico xuntos e terceiro de Rodnina, antes de retirarse da patinaxe competitiva. Con 30 anos e 159 días, converteuse na campioa olímpica de patinaxe artística de máis idade.
Ao longo da súa carreira, Rodnina competiu internacionalmente pola Unión Soviética e representou á sociedade deportiva das Forzas Armadas a nivel estatal.[7] Cos seus compañeiros gañou dez campionatos do mundo e tres medallas de ouro olímpicas consecutivas dende 1971 ata 1980, ademais de once títulos europeos, o que fai dela a patinadora en parella con máis éxito da historia.
Rodniná adestrou numerosos patinadores soviéticos de elite e deu clases na universidade de Moscova. Dende 1990 ata 2002, adestrou nos Estados Unidos e levou o equipo checo de Radka Kovaříková e René Novotný ao título mundial.
Carreira política
[editar | editar a fonte]Rodnina converteuse en membro da Cámara Pública de Rusia en 2005 e nas eleccións de 2007 foi elixida membro da Duma Estatal. O 17 de decembro de 2012, apoiou a lei Dima Yakovlev, que prohibe a adopción de orfos rusos por parte de cidadáns estadounidenses.[8]
Vida privada
[editar | editar a fonte]Graduouse no Instituto Central de Cultura Física. O seu primeiro matrimonio foi con Alexander Zaitsev, con quen tivo un fillo do mesmo nome nado en 1979. Do seu segundo matrimonio, co produtor Leonid Menkovsky, tivo unha filla, Alyona Minkovski, nada en 1986.[4]
Rodnina pasou varios anos nos Estados Unidos e logo trasladouse de novo a Rusia.[9][10]
Controversia en Twitter
[editar | editar a fonte]O 13 de setembro de 2013, Rodnina provocou controversia cando chiou unha foto retocada[11] do presidente dos Estados Unidos Barack Obama coa boca chea de comida e un plátano en primeiro plano. Dixo que foi unha práctica do seu dereito á libre expresión,[12] mais os críticos dixeron que estaba a facer un comentario racista sobre o presidente afroamericano.[11][13][14] O 10 de febreiro de 2014 Rodnina afirmou que a súa conta de Twitter fora hackeada no momento da publicación da fotografía e desculpouse pola forma en que levou o asunto.[15][16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Weir, Fred (5 de agosto de 2008). "Russia's other Olympic powerhouse – in parliament". The Christian Science Monitor (en inglés).
- ↑ Malinin, Nikolai (1 de decembro de 2006). "Ирина Роднина: "Я не дачница, я москвичка"" [I'm a Moscovite]. archi.ru (en ruso). Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2003. Consultado o 23 de abril de 2011.
- ↑ "скользящий путь". Kommersant (en ruso). 20 de decembro de 2004. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2003. Consultado o 23 de abril de 2011.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Pushkina, Oksana (3 de outubro 2004). Ирина Константиновна Роднина [Irina Konstantinovna Rodnina]. peoples.ru (en ruso). Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2003. Consultado o 23 de abril de 2011.
- ↑ Srebnitskaya, Daria (10 de setembro de 2009). "Роднина – это эпоха" [Rodnina – is an era]. Russian News (en ruso). Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2003. Consultado o 6 de maio de 2011.
- ↑ Encyclopædia Britannica: Irina Rodnina
- ↑ Khavin, Boris (1979). Все об олимпийских играх [All about Olympic Games] ((en ruso)) (2.ª ed.). Moscova: Fizkultura i sport. p. 575
- ↑ "Система анализа результатов голосований на заседаниях Государственной Думы". Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2012. Consultado o 26 de xuño de 2018.
- ↑ Lepeshkova, Svetlana (25 de febreiro de 2005). "Я больше не хочу стремиться к вершинам. Дайте наконец пожить по-человечески" [Irina Rodnina interview]. gzt.ru (en ruso). peoples.ru. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2003. Consultado o 23 de abril de 2011.
- ↑ Vandenko, Andrei (16 de decembro de 2005). "Иду на вы!" [Irina Rodnina interview]. itogi.ru (en ruso). peoples.ru. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2003. Consultado o 23 de abril de 2011.
- ↑ 11,0 11,1 Walker, Shaun. "Russian MP's Obama with banana picture sparks racism debate". The Guardian. Consultado o 22 de setembro de 2013.
- ↑ "Свобода слова есть свобода! За свои комплексы сами и отвечайте!" [Freedom of speech is freedom of speech! If you have issues it's your problem!]. Twitter. 13 de setembro de 2013.
- ↑ "Uproar over Russian MP Irina Rodnina's Obama banana pic". News.com.au. 15 de setembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 26 de setembro de 2013. Consultado o 26 de xuño de 2018.
- ↑ "Irina Rodnina, Former Russian Skater Who Lit Olympic Flame, Tweeted Racist Obama Photo". The Huffington Post. 14 de setembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 5 de novembro de 2012.
- ↑ Rosenberg, Steve (11 de febreiro de 2014). "Russian Olympic figure skater sorry for Obama banana tweet". BBC News.
- ↑ ИРИНА РОДНИНА ИЗВИНИЛАСЬ ЗА ИНЦИДЕНТ С ФОТОКОЛЛАЖЕМ СЕМЬИ БАРАКА ОБАМЫ [Irina Rodnina apology] (en Russian). Echo of Moscow.
- @. "I respect the Obama family and apologize for not clearly stating earlier that I don't support the tweeted photo or racism in any form. (1/2)" (Chío) – vía Twitter.@. "My account was hacked and I should have shown better judgement in my initial response and handling of the event. (2/2)" (Chío) – vía Twitter.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Irina Rodnina |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- A. Chaikovsky (1977). Irina Rodnina. Heroes of the Olympic Games (en ruso). Moscova: Fizkultura i sport.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Irina Rodnina on Olympic.org
- Irina Rodnina in Encyclopædia Britannica
- Pairs on Ice: Rodnina and Ulanov Arquivado 17 de decembro de 2005 en Wayback Machine.
- Pairs on Ice: Rodnina and Zaitsev Arquivado 21 de decembro de 2005 en Wayback Machine.
- Medallistas olímpicos en patinaxe artística
- Nados en Moscova
- Nados en 1949
- Medallistas olímpicos de ouro pola Unión Soviética
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1972
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1976
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1980
- Políticos de Rusia
- Patinadores artísticos nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1972
- Patinadores artísticos nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1976
- Patinadores artísticos nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1980
- Patinadores artísticos olímpicos da Unión Soviética