Icona (relixión)
Unha icona,[1] do grego εἰκών, (eikon, imaxe), no campo da arte pictórica relixiosa identifica unha representación sacra pintada sobre un panel de madeira.
As iconas son a representación da mensaxe cristiá descrita por palabras nos evanxeos. Trátase dunha creación bizantina do século V, pola oferta dunha representación da Virxe atribuída pola tradición a San Lucas. Trala caída de Constantinopla en 1453, foi a poboación dos Balcáns a que contribuíu a difundir e incrementar a produción desta representación sacra, sendo en Rusia o lugar onde asumiu un significado particular e de grande importancia. O simbolismo e a tradición non engloban só o aspecto pictórico, senón tamén aquel relativo á preparación espiritual e aos materiais utilizados.
O maior pintor ruso de iconas foi Andrei Rublev.
Características xerais
[editar | editar a fonte]A icona está pintada nun panel de madeira, normalmente lárice ou abeto. O debuxo facíase sobre a superficie rabotada e iniciábase a pintura aplicando o ouro, normalmente nos bordos, detalles da roupa, fondo e bengalas ou coroas. Despois pintáronse a roupa, os edificios e a paisaxe de fondo. O último paso era a aplicación de branco puro na cara e nas mans. O efecto tridimensional conseguíase mesturando ocre con branco e aplicando esta pintura máis escura nos pómulos, o nariz e a testa. Unha fina capa de verniz avermellado daba o sutil acabado final aos beizos, á cara e á punta do nariz. Empregábase un verniz castaño no pelo, nas barbas e nos detalles dos ollos.
A produción de iconas relixiosas considerábase unha arte nobre, que requiría unha gran preparación técnica e espiritual. O pintor necesitaba purificar o corpo e a alma para acadar a perfección; críase que o divino operaba pola man do pintor, polo que non era apropiado asinar a obra.
O simbolismo das cores e das letras
[editar | editar a fonte]Como na maioría das representacións sagradas, a cor da icona é de fundamental importancia para expresar a intención do pintor. O azul é a cor da transcendencia, do misterio divino. O vermello, sen dúbida a cor máis viva presente nas iconas, é a cor do ser humano e o sangue dos mártires. O verde úsase como símbolo da natureza, da fertilidade e da abundancia. O castaño simboliza o terrestre, o humilde e o pobre. O branco é a harmonía, a paz, a cor do divino que representa a luz que ten por diante. Por último, o negro é a decepción e a tristeza.
Moitas iconas levan a inscrición ICXC, forma grega abreviada de Cristo. Tamén ØON, que significa "aquel que é", aparece no halo cruciforme. A miúdo identifícase María con MP OY, nai de Deus.
Comprender o significado da icona pode ser difícil desde a perspectiva da cultura occidental. Como a pintura impresionista e a arte abstracta, son representacións de emocións, de características que o canon non pode establecer. Para un artista deste xénero, a luz é unha manifestación divina, non hai semitón. De aí a abundancia de ouro: a luz é divina.
Historia
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Despois da legalización do cristianismo polo emperador Constantino e a súa posterior adopción como relixión oficial do imperio por Teodosio I, a arte cristiá comezou a cambiar, non só en calidade e sofisticación, senón tamén na natureza, porque os cristiáns eran libres por primeira vez de expresar a súa fe sen as restricións xudías dos primeiros tempos nin as relixións pagás do imperio, que os perseguía. Comezaron a aparecer pinturas de mártires e os seus feitos, e a capacidade de imitar a vida tivo efectos duradeiros nos novos señores da fe imperial. Foi a partir dese momento a primeira representación mencionada da nai de Xesús, arredor de 460, cando a esposa de Teodosio II enviou unha imaxe "da Nai de Deus" de Xerusalén, supostamente pintado por san Lucas.[2]
As iconas máis antigas, como as conservadas no Mosteiro Ortodoxo de Santa Catarina, son de aparencia realista, en contraste coa estilización posterior.
Período iconoclasta e posterior restauración
[editar | editar a fonte]No século VIII, as autoridades do Imperio Bizantino cambiaron completamente o uso das iconas e a prohibición do emperador León III o Isauro e o seu fillo Constantino V durou moitos anos, o chamado período iconoclasta, ata que foi revogado por un consello e foi restaurado pola emperatriz Theodora. Restaurouse e estendeuse a veneración.
Non hai moitas representación da iconografía de Constantinopla, debido á destrución sistemática, xa sexa por parte dos iconoclastas, das cruzadas ou dos musulmáns que se fixeron coa cidade. Mais non hai dúbida de que foi a partir do século XII cando o culto e a produción de iconas convertéronse na regra do imperio, recibindo os mellores e máis ricos materiais e introducíndose nas prácticas eclesiásticas. O estilo volveuse duro, xerárquico e distante.
Trala caída de Constantinopla
[editar | editar a fonte]Ao final do Imperio Bizantino en 1453, fuxindo da invasión musulmá, a tradición das pinturas levouse ás rexións anteriormente influenciadas por Constantinopla: Venecia no oeste, os Balcáns e Rusia ao norte e os restos da cultura de fala grega, principalmente Creta no Mediterráneo.
En Venecia, onde se fundou unha "escola de San Lucas", un tipo de gremio de pintores de influencia bizantina, hai referencias a pedidos de pinturas no modelo bizantino e no resto de Italia, preto do inicio do renacemento, esta influencia axiña foi superada por Tiziano, Leonardo, Mantegna e outros mestres que levaron a pintura a outro nivel.
Creta especializouse en pintar paneis, facilmente transportábeis, dentro da iconografía da igrexa ortodoxa. Desenvolveron habilidades en diversos estilos, para agradar a diferentes patróns, e continuaron a traballar ata que cederon ante os turcos.
Foi certamente en Rusia cando a icona se converteu nun obxecto de sen igual importancia, venerado en igrexas, mosteiros e residencias, que adoitaban ter varias iconas nunha parede ou esquina, chamadas "krasny ugol". Hai un [[simbolismo] relixioso rico e elaborado asociado ás iconas. Nas igrexas rusas, a nave está separada do sanctus por un muro de iconas chamado ikonostas.
A fabricación e o uso das iconas entraron en Rusia por Kíiv, logo da súa conversión ao cristianismo ortodoxo en 988. Como regra xeral, estas iconas seguen estritos modelos e fórmulas consagradas polo uso, algunhas orixinadas en Constantinopla. Co paso do tempo, os rusos expandiron o vocabulario de tipos e estilos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para icona.
- ↑ James Hall, A History of Ideas and Images in Italian Art, p. 111, 1983, John Murray, Londres, ISBN 0-7195-3971-4
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Beckwith, John (1979). Early Christian and Byzantine Art. Penguin History of Art series (2nd ed.). ISBN 0-14-056033-5.
- Evans, Helen C. (2004). Byzantium: Faith and Power (1261–1557). New York: Metropolitan Museum of Art. ISBN 1-58839-113-2.
- Evans, Helen C.; Wixom, William D. (1997). The Glory of Byzantium: Art and Culture of the Middle Byzantine Era, A.D. 843–1261. Nova York: Metropolitan Museum of Art. ISBN 978-0-8109-6507-2.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Orthodox Iconography, by Elias Damianakis
- "A Discourse in Iconography"Arquivado 11 de setembro de 2011 en Wayback Machine. by John of Shanghai and San Francisco, Orthodox Life Vol. 30, No. 1 (xaneiro–febreiro de 1980), pp. 42–45 (vía Archangel Books).
- "The Iconic and Symbolic in Orthodox Iconography", at Orthodox Info
- "Icon & Worship—Icons of Karakallou Monastery, Mt.Athos" Arquivado 18 de abril de 2014 en Wayback Machine.
- Ikonograph Arquivado 15 de maio de 2011 en Wayback Machine. – contemporary Byzantine icon studio, iconography school, and Orthodox resources]
- Colección de iconas antigas
- Historia da iconografía bizantina Arquivado 24 de abril de 2021 en Wayback Machine.