Saltar ao contido

Hortensia (flor)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A hortensia (Hydrangea macrophylla (Thunb.) Ser. ) é unha especie fanerógama do xénero Hydrangea orixinaria do Xapón, moi común na xardinaxe galega dende o século XIX onde adoita amosar grandes flores azuis pola acidez dos solos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Arbusto caducifolio lígneo na base que acostuma medrar até unha altura de entre 1 e 3 m de altura. O ritidoma é acastañado e fibroso nas pólas máis antigas, liso e esverdeado nas pólas novas.

O epíteto específico macrophylla, unha designación neolatina que significa grandes (longas) follas,[1] é unha referencia ás grandes follas opostas que caracterizan a especie. As follas son simples, membranosas, ovais a elíptico-orbiculares, acuminadas, con 7 a 20 cm de longo, cos bordos serrillados.[2]

Entre o inicio do verán e finais do outono produce amplas inflorescencias, con múltiples flores en tons de cor de rosa ou azul.[2] A inflorescencia é un corimbo, xeralmente con todas as flores colocadas nun único plano, mais por veces coas flores formando unha estrutura hemisférica, ou mesmo esférica, nalgunhas formas cultivadas.

A especie produce dous tipos de flores: (1) as centrais, non ornamentais por seren desprovidas de pétalos ben desenvolvidos, son fértiles; (2) as periféricas, ornamentais, con grandes pétalos coloridos, son xeralmente descritas como "estériles".

A pesar das flores ornamentais seren xeralmente apuntadas como estériles, un estudo de varias cultivares mostrou que todas as flores eran fértiles, sendo que as flores non ornamentais son pentámeras, mentres as flores decorativas son tetrámeras. Os catro sépalos das flores decorativas teñen cores que varían do fucsia claro ao rosa púrpura e ao azul. As flores non decorativas teñen cinco pequenos sépalos esverdeados e cinco pétalos pequenos. A floración dura do inicio do verán ao inicio do inverno, persistindo até á caída das follas, mais co seu máximo no final da primavera.

A cor das flores varía entre tons de rosa, azul ou roxo (existindo diversos cultivares variegados — vexa a galería abaixo) en función da absorción radicular de aluminio, cuxa mobilización e biodispoñibilidade é dependente do pH do solo.[3] En consecuencia, é posíbel manipular a colorción das flores utilizando aditivos que alteren a dispoñibilidade de aluminio no solo, aumentando a súaa concentración por adición de sales daquel metal ou variando o pH para controlar a súa biodispoñibilidade.[4]

O froito é unha pequena cápsula subglobosa.

Cultivo e usos

[editar | editar a fonte]

A hortensia común Hydrangea macrophylla cultívase dende tempos remotos coma planta ornamental no Xapón, e dende mediados do século XIX tamén de xeito extensivo noutras áreas do mundo con climas temperados, sendo moi común na xardinaxe galega particular. Coñécense e cultívanse máis de 600 cultivares para xardíns, con flores de diferentes cores. Os xardineiros acostuman poder determinar a cor das flores engadindo determinados tipos de correctores de solo para alterar a acidez. A adición coidadosa de carbonato sódico no chan pode producir unha floración multicolor. En Galiza, pola acidez dos solos, a flor pode ser máis azul que rosada.

Nos últimos tempos estanse a usar as flores de hortensia coma substituto da marihuana nalgunhas zonas de Europa, atribúenselle efectos eufóricos e alucinóxenos[5].

Variedades populares de Hydrangea macrophylla

[editar | editar a fonte]
  • 'Beaute Vendomoise' (giant lacecap)
  • 'Blue Bonnet'
  • 'Blue Wave'
  • 'Bluebird'
  • 'Endless Summer' (floración perpetua)
  • 'Forever Pink'
  • 'Lilicana'
  • 'Nikko Blue'
  • 'Pia' (anana)
  • 'Sister Theresa'
  • 'Veitchii'

O de hortensia, que recibe o nome de ama-cha no Xapón, é unha tisana feita de follas de té e pétalos de hortensia.

  1. Harrison, Lorraine (2012). RHS Latin for gardeners. United Kingdom: Mitchell Beazley. p. 224. ISBN 9781845337315. 
  2. 2,0 2,1 RHS A-Z encyclopedia of garden plants. United Kingdom: Dorling Kindersley. 2008. p. 1136. ISBN 1405332964. 
  3. Dick Bir. "Hydrangea Flower Color". NC State University. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2013. Consultado o 18 de febreiro de 2013. 
  4. Changing the color of hydrangeas.
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2014. Consultado o 05 de febreiro de 2014. 
  6. "Hortensia (flor)". Tropicos.org. Xardín Botánico de Missouri. Consultado o 28 de xullo de 2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Reference article CONABIO, 2009. Catálogo taxonómico de especies de México. Cap. nat. México 1.
  • Durán-Espinosa, C. 1999. Hydrangeaceae. Fl. Veracruz 1–22.
  • Flora of China Editorial Committee 2001. Fl. China Vol. 8.
  • Flora of China Editorial Committee, Addendum, 200?. Fl. China ,Checklist Addendum.
  • Hokche, O., P.E. Berry & O. Huber 2008. Nuev. Cat. Fl. Vas. Venezuela 1–860.
  • McClintock, E. 1957. A monograph of the genus Hydrangea. Proc. Calif. Acad. Sci., ser. 4, 29(5): 147–256.
  • Morales, J. F. 2007. Hydrangeaceae. In: Manual de Plantas de Costa Rica. Vol. 6. B.E. Hammel, M.H. Grayum, C. Herrera & N. Zamora (eds.). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 111: 18–21.
  • Peréz, A., M. S. S., A. M. Hanan, F. Chiang & P. Tenorio 2005. Vegetación terrestre. Biodiver. Tabasco 65–110.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]