Helena Cantacuzena, emperatriz de Trebisonda
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XV Constantinopla, Turquía |
Morte | 1463 |
Outro | |
Título | Empress of Trebizond (en) |
Cónxuxe | David de Trebisonda |
Fillos | N. Megale Komnene, Princess consort of Guria |
Pai | Demetrio I Cantacuzeno |
Irmáns | Jorge Paleólogo Cantacuzeno |
Helena Cantacuzena (en grego Έλενα Καντακουζηνή) foi a última emperatriz-consorte de Trebisonda, segunda esposa de David de Trebisonda, entre 1459 e 1461. O bizantinista Donald Nicol defende que era irmá de Xurxo Paleólogo Cantacuzeno e, por tanto, neta de Mateu Cantacuzeno e, posibelmente, filla de Demetrio I Cantacuzeno[1]. Porén, el mesmo se afastou desta opinión posteriormente[2]. Teodoro Espandunes relata que Xurxo a visitaría en Trebisonda despois de 1437[3].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O 15 de agosto de 1461, Mehmet II, sultán do Imperio Otomán, forzou o emperador David e lle entregar o trono en troco dunha pensión. David e a súa familia foron asentados en terras preto de Serres, no vale do Struma, e el pasou a recibir unha renda anual de 300.000 pezas de prata. Aínda que Helena presuntamente fose con el, Donald Nicol menciona unha fonte que afirma que David a enviou para a corte do rei xeorxiano "Mamia" ou a "Mania" de Guria antes da chegada de Mehmet II ás murallas de Trebisonda[4]. Despois de dous anos, un antigo funcionario, Xurxo Amiroutzes acusou David de conspirar contra o sultán e o antigo emperador foi executado xuntamente con todos os seus fillos, con excepción dun[5].
De acordo con Espandunes, Helena sobreviviu ao marido e fillos. O sultán tería, segundo os relatos, ordenado que os cadáveres da súa familia fosen expostos na Muralla de Constantinopla. Cando ela mesma cavou as covas para soterralos e os sepultou, foi condenada a pagar unha multa de 15 000 ducados ou ser executada. Os seus funcionarios axudaron a xuntar o diñeiro, pero Helena, vestida en pano de saco, viviu o resto dos seus días nunha cabana de palla preto dos cadáveres da súa familia asasinada[5].
Familia
[editar | editar a fonte]Non se sabe con exactitude cales dos fillos de David eran dela. Os seus cinco fillos — tres rapaces e dúas nenas — teñen sido atribuídos de forma variada a Helena ou á primeira esposa de David, María de Gotia, en distintas xenealoxías. Sexa como for, os fillos máis vellos morreron co pai o 1 de novembro de 1463; o fillo máis novo, Xurxo, que tiña tres anos, e a filla, Ana, foron perdoados. Espandunes afirma que foron enviados como presente ao sultan Uzune Haçane dos Cordeiros Brancos. Xurxo converteuse ao islam, pero acabou escapando e, despois de renegar da súa fe, volveu para o cristianismo[6]. Espandunes afirma que o nome do rei que acollería a Xurxo Cantacuzeno e lle daría unha filla en casamento era "Gurguiabei", que ten sido interpretado como un rei da Xeorxia (ou Xurxo VIII ou Constantino II), ou Guria Bey, gobernante de Guria[7]. O destino de Ana é máis incerto. O historiador Laónico Calcocondilas contradí a Espandunes e afirma que Ana, despois de ser "chamada ao leito" de Mehmet II, foi dada en casamento a Zaganos Paxá, porén, cando el soubo que Zaganos tentou forzar a súa conversión ao islam, Mehmet II separounos[8]. Unha tradición local liga a Ana a unha vila ao sur de Trebisonda chamada de "Vila da Señora" onde, en 1870, unha inscrición co nome de Ana foi encontrada na igrexa parroquial dedicada aos santos arcanxos[9].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Donald M. Nicol, The Byzantine Family of Kantakouzenos (Cantacuzenus) ca. 1100-1460: a Genealogical and Prosopographical Study (Washington, DC: Dumbarton Oaks, 1968), p. 188.
- ↑ "The Byzantine Family of Kantakouzenos: Some Addenda and Corrigenda", Dumbarton Oaks Papers, 27 (1973), pp. 312f
- ↑ Nicol, Byzantine Family, p. 177
- ↑ Nicol, Byzantine Family, p. 189
- ↑ 5,0 5,1 Steven Runciman, The Fall of Constantinople (London: Cambridge, 1969), pp. 185
- ↑ William Miller, Trebizond: The last Greek Empire of the Byzantine Era: 1204-1461, 1926 (Chicago: Argonaut, 1969), p. 109
- ↑ Nicol, Byzantine Family, p. 190 n. 43
- ↑ Chalkokondyles, 9.80; 10.13; translated by Anthony Kaldellis, The Histories (Cambridge: Dumbarton Oaks Medieval Library, 2014), vol. 2 pp. 364-367; 414f
- ↑ Miller, Trebizond, p. 110
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Thierry Ganchou, "Une Kantakouzènè, impératrice de Trébizonde: Théodôra ou Héléna?" Revue des Études byzantines, 58 (2000), pp. 215–229.