Georg Joachim Rheticus
Georg Joachim Rheticus (tamén Rhäticus, Rhaeticus, Rhetikus), nado en Feldkirch (Austria) o 16 de febreiro de 1514 e finado en Košice (Hungría) o 4 de decembro de 1574, de nome real Georg Joachim von Lauchen, foi un matemático, astrónomo, teólogo, cartógrafo, luthier (construtor de instrumentos musicais) e médico austríaco.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Rheticus era fillo de Georg Iserin, o médico local de Feldkirch. Educouse na escola de latín da súa vila natal para seguir posteriormente a súa formación como matemático, de 1528 a 1531 en Zürich e despois na universidade de Wittenberg, onde conseguiu en 1536 un mestrado de artes liberais. Grazas á axuda de Philipp Melanchthon, converteuse en 1537 en profesor de matemáticas e astronomía en Wittenberg. Ao ano seguinte, Melanchthon permitiulle unha longa viaxe de estudos para visitar a famosos matemáticos e astrónomos. En Nuremberga visitou o matemático e editor Johannes Schöner e o impresor Johannes Petreius, que probabelmente lle encargaron convencer a Nicolao Copérnico de que editara a súa obra mestra en Nuremberga. Petreius deulle tres libros editados por el como agasallo para que llos entregara a Copérnico. Seguidamente estudou con Petrus Apianus en Ingolstadt, con Joachim Camerarius en Tubinga e con Aquiles Pirminius Gasser na súa vila natal.
De 1539 a 1541, Rheticus estivo xunto a Copérnico en Frombork. Heinrich Zell, un alumno de Sebastian Münster, acompañou a Rheticus a Prusia e, durante a súa estadía con Copérnico, Zell puido estudar os documentos no Arcebispado de Varmia e, con eles, xunto con Copérnico, fixo un mapa detallado de Prusia.
Posteriormente Rheticus ensinaría en Wittenberg, Nuremberga e, até 1545, en Lipsia. A partir de 1548 volveu a viaxar e visitou a Gerolamo Cardano en Milán e comezou a estudar medicina en Zürich. De novo coa axuda de Melanchthon, foi admitido na facultade de teoloxía de Lipsia. Debido a un escándalo por un affaire amoroso cun dos seus condiscípulos, tivo que abandonar precipitadamente Lipsia en 1551, indo a Praga a estudar medicina. A partir de 1554 viviu en Cracovia, traballando de médico, trasládandose pouco antes da súa morte a Košice, en Hungría.
Pensamento e obra
[editar | editar a fonte]Rheticus contribuíu considerabelmente á expansión do pensamento copernicano. Foi o único discípulo de Copérnico que o puido convencer durante a súa estancia en Fronbork de que publicara a súa obra mestra. Durante esa época deu as primeiras noticias sobre a obra copernicana, publicadas na súa Narratio prima de libris revolutionum Copernici. De camiño a Nuremberga para preparar a edición, aínda publicou en Wittenberg a parte matemática, completada polas táboas de senos e cosenos calculadas por el mesmo. A corrección da galerada de De revolutionobus tivo que deixala a Andreas Osiander. Este eliminou un tratado teolóxico sobre a compatibilidade do sistema heliocéntrico coa Biblia, substituíndoo de forma anónima por un prefacio escrito por el mesmo, no que presentaba o modelo como un simple modelo de cálculo. Máis tarde, Rheticus publicou Ephemeris ex fundamentis Copernici (1550).
Outra contribución importante de Rheticus ás ciencias foron as súas táboas de funcións trigonométricas realizadas cunha exactitude de dez segundos, cuxo cálculo foi rematado polo seu discípulo Valentinus Otho, que as editou en Opus palatinum de triangulis (1596).
O asteroide 15949 Rhaeticus foi nomeado en 2001 na súa hora.
Obra
[editar | editar a fonte]- Rheticus: Narratio prima de libris revolutionum Copernici, Dantzig, 1540
- Rheticus: Tabula chorographica auff Preussen und etliche umbliegende lender, 1541 (Nicolaus Copernicus Gesamtausgabe Bd. VIII/1: Receptio Copernicana [1][Ligazón morta])
- Rheticus: Chorographia tewsch, 1541 ([2] Arquivado 26 de xuño de 2014 en Wayback Machine.)
- N. Copernicus und Rheticus: De lateribus et angulis triangulorum; Vittembergæ: excusum per Iohannem Lufft, 1542
- Rheticus: Ephemerides novae, Lipsiae: Ex officina VVolphgangi Gvnteri, anno 1550
- Rheticus: Canon doctrinae triangulorum; Lipsiae, 1551.
- Ephemerides Novae Seu Expositio Positus Diurni Siderum Et "synschematismōn" praecipuorum ad Ann. redemtoris nostri Iesu Christi Filij Dei, M. D. LI. Qui est primus annus Olympiados D. LXXXII. exquisita ratione & accurato studio elaborata. Lipsiae 1550, edición en liña da Biblioteca do Land de Saxonia e a Universitätsbibliothek Dresden
- Canon doctrinae triangvlorvm. Lipsiae 1551, edición en liña da Biblioteca do Land de Saxonia e da Universitätsbibliothek Dresden.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bruhns, Karl Christian (1881): "Rheticus, Georg Joachim", in Allgemeine Deutsche Biographie (ADB). Tomo 14, Duncker & Humblot, Leipzig, 1881, páxs. 93 e seguintes.
- Burmeister, Karl Heinz (1967): Georg Joachim Rhetikus 1514-1574. Bd. I-III. Wiesbaden: Guido Pressler Verlag.
- Deschauer, Stefan (2003): Die Arithmetik-Vorlesung des Georg Joachim Rheticus, Wittenberg 1536: eine kommentierte Edition der Handschrift X-278 (8) der Estnischen Akademischen Bibliothek. Augsburg: Rauner. ISBN 3-936905-00-2
- Günther, Siegmund: "Rheticus, Georg Joachim", in Allgemeine Deutsche Biographie (ADB). Tomo 28, Duncker & Humblot, Leipzig, 1889, páxs. 388–390.
- Hooykaas, R. (1984): G. J. Rheticus. Treatise on holy scripture and the motion of the earth / with transl., annotations, commentary and additional chapters on Ramus-Rheticus and the development of the problem before 1650. Amsterdam: North-Holland.
- Klose, Wolfgang (1999): Das Wittenberger Gelehrtenstammbuch: das Stammbuch von Abraham Ulrich (1549-1577) und David Ulrich (1580-1623). Halle: Mitteldt. Verl. ISBN 3-932776-76-3