Fremont
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Epónimo | John Charles Frémont (pt) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | Estados Unidos de América | ||||
Estado federado | California | ||||
Condado | Condado de Alameda | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 230.504 (2020) (1.015,77 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 74.479 (2020) | ||||
Xeografía | |||||
Situado na entidade territorial estatística | Área da baía de São Francisco (pt) (Poboación:7.765.640) | ||||
Superficie | 226,924581 km² | ||||
Auga | 11,5868 % (1 de abril de 2010) | ||||
Altitude | 17 m | ||||
Creación | 23 de xaneiro de 1956 | ||||
Organización política | |||||
• Mayor of Fremont, California (en) | Lily Kao Mei (en) (1916–) | ||||
Membro de | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 94536–94539, 94555 | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 510 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Sitio web | ci.fremont.ca.us |
Fremont é unha cidade estadounidense duns 225.000 habitantes, situada na baía de San Francisco. Administrativamente pertence ao condado de Alameda, e este á súa vez ao estado de California. É a cuarta cidade máis poboada na área da Baía de San Francisco, e leva o nome que leva por John Frémont, o soldado, explorador e político estadounidense do século XIX.
Xeografía física
[editar | editar a fonte]Fremont atópase na ribeira leste da baía de San Francisco, a medio camiño entre Oakland e San Jose, e mar por medio de Silicon Valley. Situado directamente sobre o fondo da baía, Fremont goza do mesmo clima mediterráneo que en xeral todas as cidades nese treito da costa californiana: inverno de temperaturas moderadas con algunhas choivas, e veráns secos e calorosos, pero sen chegar a temperaturas extremas.
Fremont está limitado cara ao leste polo rego da Alameda, un río duns 70 kms que cruza boa parte do condado de Alameda. A baía de San Francisco nesa parte sur non ten demasiada profundidade e créase unha zona natural moi importante en fauna e flora.
Xeografía administrativa e demografía
[editar | editar a fonte]A cidade de Fremont conformouse o 23 de xaneiro de 1956, ao fusionárense administrativamente cinco pequenas localidades anteriores, Centerville, Niles, Irvington, Mision San Jose e Warm Springs, que agora están incorporadas á mesma paisaxe urbana. A cidade divídese ñá súa vez en once distritos, os cinco xa ementados de Centerville, Niles, Irvington, Mision San Jose e Warm Springs e mais os distritos de Fremont Central, Fremont Norte, Fremont Sur, o distrito industrial de Bayside, Baylands e Hill Area.
Boa parte da fronte da baía non pertence a Fremont, senón a Newark, cidade á súa vez completamente arrodeada por Fremont. Ademais pois da baía e de Newark, que se sitúan ao oeste de Fremont, o resto da cidade de Fremont limita, ao norte, con Hayward e Union City, ao leste coa zona rural e montañosa de Sunol e ao sur con Milpitas e San Jose. Xunto con Union City e Newark, Fremont forma unha conurbación ininterrompida.
De acordo co cálculo do 2007, a renda media por vivenda na cidade é de 93.342 dólares, e a media de ingresos por familia era de 103.846 dólares.[1] Os homes teñen unha renda media familiar de 59.274 dólares fronte aos 40.625 das mulleres. A renda per capita para a cidade estaba en 31.411 dólares. Ao redor do 3,6% das familias estaban por debaixo do limiar da pobreza, dos que o 5,9% eran menores de 18 anos e o 6,2% maiores de 65 anos.
Socialmente, a metade da poboación de Fremont é de orixe asiática, e unha cuarta parte é poboación afroamericana. Conforme o censo do 2008 da cidade os residentes de Fremont eran:
- alemáns 7.8%
- ingleses 5.4%
- afgáns 4.8%
- irlandéses 4.5%
- italianos 2.5%
- portugueses 2.4%
- escoceses 1.7%
- franceses 1.3%
- rusos 1.3%
- americanos 1.2%
- suecos 1.2%
- polacos 1.1%
- irlandoescoceses 1.0%
- neerlandeses 0.9%
- noruegeses 0.7%
- hispanos 0.5-1.5% (aprox).
|
Politicamente, Fremont, como en xeral toda a zona da baía de San Francisco, adoita apoiar o Partido Demócrata nas eleccións.
Historia
[editar | editar a fonte]A zona onde se estende Fremont na actualidade estaba poboada no século XVIII polos ohlones, unha cultura amerindia que se distribuía nunha amplo terriroio ao sur da baía de San Francisco. A primeira referencia histórica escrita a esa zona é do 9 de xuño de 1797, cando o franciscano vasco Fermín Lasuén fundou unha misión, que chamou en español. A misión estableceuna na aldea de Oroysom, entidade xa perdida por completo, e que se atoparía ao leste da actual cidade.
A misión relixiosa foi aumentando de tamaño nas primeiras décadas do século XIX, e chegou aos 1886 habitantes no ano 1831. Catro anos antes, en 1827, chegara á misión o trampeiro e explorador Jedediah Smith, que debeu ser o primeiro inglés-falante en chegar. En 1833, o goberno recentemente independizado de México, que era quen exercía o control sobre a área que hoxe ocupa California, promulgou unha lei de secularización das misións, semellante nalgúns aspectos á desamortización que se viviría na península Ibérica un par de anos despois. Os relixiosos foron pois substituídos por terratenentes que recibían a concesión gobernativa duns ranchos. No caso desta antiga Misión San José, o concesionario do Rancho Arroyo de la Alameda foi José de Jesús Vallejo, irmán do importante líder californio Mariano Vallejo. Os Vallejo construíron un muíño de fariña no canón de Niles.[3] e desenvolveron a zona ao redor do cereal, a viña e os olivedos, beneficiada ademais por distintas febres do ouro que se sucederon ao longo do século XIX. En 1846 chegou aquí o explorador John Frémont, coa idea de abrir un camiño que permitise o movemento poboacional cara á baía de San Francisco. Frémont acabaría por ser homenaxeado co nome de Fremont. Ao pouco o tratado de Guadalupe Hidalgo (1848) acabaría por ceder toda California aos Estados Unidos.
En 1868 o terremoto de Hayward, de 6,8 graos de magnitude, derrubou edificios onde hoxe se erixe Fremont: entre eles foron as construcións da misión, que se perderon para sempre. En 1909, o terremoto de San Francisco,destruíu o que quedara en pé, en especial a adega Palmdale, que na altura era a máis grande de California.
De 1912 a 1916 a zona de Niles convértese nun destino importante para rodaxes da industria do cine. Charlie Chaplin filmou varias películas na área de Fremont, entre elas O Vagabundo. Fremont, xa con ese nome a partir de 1956, foise industrializando rapidamente na década dos 50 e os 60. A primeira oficina de correos de Fremont abriu en 1956. Un boom no emprego da alta tecnoloxía nos 80 e nos serodio 90, especialmente no distrito de Warm Springs, causaron o rápido desenvolvemento da cidade, que aproveitou a súa proximidade a Silicon Valley. A central da compañía Apple estaba localizada en Fremont, onde se construíu o primeiro ordenador Mac.
Outras empresoras de semicondutores e de telecomunicacións foron instalándose na cidade. Unhas 750 empresas de alta tecnoloxía tiñan oficinas, instalacións ou sedes de produción en Fremont cara 1999[Cómpre referencia]. Eentre elas estaban 15 das 100 empresas de crecemento máis rápido da área da Baía de San Francisco e 18 das 50 compañías máis importantes da ribeira leste da baía. Ademais, na actualidade Fremont tamén acolle instalacións de varias empresas automobilísticas. Entre estas entidades empresariais máis destacadas están a Corsair Components, de hardware e periféricos, Ikanos Communications e mais Exar, de semicondutores, Lam Research, de circuítos integrados, Oplink Communications, de compoñentes ópticos, Synnex de servizos ás empresas de software, S3 Graphics, de tarxetas de vídeo, ou, noutro sector, o Fremont Bank, unha entidade financeira independente que naceu a mediados do século XIX.
Con todo, os principais empregadores pertencen ao sector público, en especial o sector educativo, e dentro do privado, o sector sanitario. En 2011 os principais empregadores da cidade eran:
# | Empregador | Sector | Persoas empregadas |
---|---|---|---|
1 | Fremont Unified School District | educación | 3000 |
2 | Washington Hospital Healthcare System | saúde | 1817 |
3 | Boston Scientific | material médico | 1200 |
4 | Western Digital | compoñentes electrónicos | 1200 |
5 | Seagate | almacenaxe de datos | 1060 |
6 | AXT | semicondutores | 972 |
7 | Lam Research | circuítos integrados | 920 |
8 | Concello de Fremont | administración | 848 |
9 | DMS | instalacións e construción | 800 |
10 | Solyndra | compoñentes para a industria solar | 800 |
Educación
[editar | editar a fonte]Fremont ten un distrito unificado escolar de seu, cunha trintena de colexios, distintos centros de ensino medio e cinco institutos de bacharelato: o American HS, o Irvington HS, o John F. Kennedy HS, o Mission San Jose HS e o Washington HS. Estes institutos comparten desde 1972 as instalacións deportivas do estadio Tak Fudenna, con capacidade para 5000 espectadores e terreos para fútbol americano, equitación e fútbol. Tamén ten a súa sede principal en Fremont o Ohlone College, un centro de formación profesional de grao superior.
En ensino superior, catro universidades ofrecen as súas ensinanzas en Fremont: a Universidade de California en Berkeley, cun campus en Fremont, a Universidade de Phoenix, cun campus de a cabalo entre Fremont e San Jose, a Universidade DeVry, de Illinois, e mais a única que é orixinalmente de Fremont, a Universidade Politécnica do Noroeste.
Irmandamentos
[editar | editar a fonte]Fremont está irmandada coas seguintes cidades[4]
- Xaipur, a metrópole capital do Raxastán indio.
- Puerto Peñasco, unha cidade turística e costeira do estado mexicano de Sonora.
- Fukaya, unha cidade do interior do Xapón, na prefeitura de Saitama.
- Horta, a vila principal da illa do Faial, nos Azores (Portugal)
- Lipá, unha cidade na illa filipina de Luzón.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ American FactFinder, United States Census Bureau. "Fremont city, California - Income in the Past 12 Months (In 2007 Inflation-Adjusted Dollars)". Factfinder.census.gov. Arquivado dende o orixinal o 12-02-2020. Consultado o 09-09-2010.
- ↑ "Demographic Profile Bay Area Census".
- ↑ "Alameda County". California Historical Landmarks. State of California Office of Historic Preservation. Consultado o 6 Maio 2011.
- ↑ City of Fremont. "Sister Cities". About Fremont. Arquivado dende o orixinal o 08-07-2014. Consultado o 05-10-2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial da Cidade de Fremont Arquivado 26 de maio de 2002 en Wayback Machine.
- FremontOnline – Sitio Web da Comuunidade