Franco CFA
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2016.) |
O franco CFA (franco da Comunidade Financeira de África; en francés franc de la Communauté Financière d’Afrique) é a moeda común de 14 países africanos, case todos eles antigas colonias francesas (coa excepción de Guinea Ecuatorial, antiga colonia española, e Guinea-Bissau, antiga colonia portuguesa).
País | Moeda |
---|---|
Benín | Franco CFA de África Occidental |
Burkina Faso | |
Costa do Marfil | |
Guinea-Bissau | |
Malí | |
Níxer | |
Senegal | |
Togo |
País | Moeda |
---|---|
Camerún | Franco CFA de África Central |
Chad | |
Gabón | |
Guinea Ecuatorial | |
República Centroafricana | |
República do Congo |
Historia
[editar | editar a fonte]As Illas Comores, no océano Índico están asociadas ao franco CFA, dentro da zona franco (franco comorano).
O franco CFA foi creado ao mesmo tempo que o franco CFP, o 26 de decembro de 1945, cando Francia ratificou os acordos de Bretton Woods. Naquel momento as súas siglas significaban franco das Colonias Francesas de África.
Sen cambiar de siglas, o nome evolucionou a franco da Comunidade Francesa de África en 1958, e hoxe significa franco da Comunidade Financeira de África, dentro da UEMOA, e franco da Cooperación Financeira en África Central, dentro da CEMAC. A existencia de dúas apelacións distintas evidencian a división da zona do franco en dúas: desde 1993, senllos institutos de emisión (o BCEAO, Banco Central dos Estados de África do Oeste, e o BEAC, Banco dos Estados de África Central) non intercambian xa as súas respectivas moedas.
Os acordos que vinculan os dous bancos centrais africanos coas autoridades francesas son idénticos e están baseados nas seguintes cláusulas:
- Un tipo de cambio fixo fronte ao franco francés.
- Plena convertibilidade das súas moedas en francos franceses garantida polo Tesouro francés.
- Fondo común de reservas de moeda estranxeira no que participan todos os países da CFA (polo menos o 65 % das posicións en reservas depositadas no Tesouro francés, onde se lles concede unha garantía de tipos de cambio).
- Como contrapartida á convertibilidade, dáse participación ás autoridades francesas na definición da política monetaria na zona CFA.
O franco CFA tiña unha paridade fixa con respecto ao franco francés, agás escasos momentos puntuais: a desvalorización do franco francés o 17 de outubro de 1948 (o franco CFA pasa de 1,70 FF a 2 FF ), a chegada do novo franco o 27 de decembro de 1958 (a paridade nominal pasa de 2 FF a 0,02 novos FF, é dicir que non hai ningunha desvalorización), e o 12 de xaneiro de 1994 a desvalorización repentina do franco CFA do 50 % (pasa de 0,02 FF a 0,01 FF), imposta por Francia e apoiada polas institucións financeiras internacionais (FMI e Banco Mundial). Esta desvalorización non resolveu os problemas económicos da rexión.
Desde o 1 de xaneiro de 1999, o franco CFA está fixado ao euro (un euro vale 655,957 francos CFA). O Tesouro francés (non a Unión Europea) segue garantindo a convertibilidade do franco CFA.