Folosa das canaveiras
Folosa das canaveiras | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Unha folosa das canaveiras nunhas canas.
| |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Acrocephalus scirpaceus (Hermann, 1804) |
A folosa das canaveiras[2] (Acrocephalus scirpaceus) é unha ave da familia dos sílvidos (Sylviidae) e do xénero das folosas ou acrocefálidos (Acrocephalus).
Descrición
[editar | editar a fonte]Son folosas de tamaño mediano. Miden de 12,5 a 14 cm de lonxitude e teñen unha envergadura de ás que vai dos 17 os 21 cm. Pesan entre 10 e 15 gramos. Os adultos teñen a parte superior do corpo castaña e a inferior branca amarelada. A testa é cha e o bico forte e aguzado. As aves dos dous sexos son semellantes. Poden vivir ata 12 anos e acadan velocidades de voo de 10 metros por segundo.
O seu canto é lento e pouco destacable, formado por estrofas curtas ás que se xuntan os típicos asubíos e a capacidade para imitar a outras aves dos acrocefálidos.
Distribución xeográfica e hábitat
[editar | editar a fonte]Crían en Europa e nas zonas temperadas do oeste de Asia. Son aves migratorias, que pasan o inverno na África subsahariana. Nas partes centrais de Europa están presentes entre abril e outubro. As datas e a dirección das migracións, que os levan a viaxaren distancias de ata 6000 km, están xeneticamente marcadas.
Viven entre os xuncos e o carrizal mesto e entre a vexetación das beiras de ríos, lagos, estanques e pantanos.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Aliméntanse agatuñando e choutando entre as plantas mestas. As súas presas principais son arañas, insectos e larvas, pequenos moluscos e invertebrados en xeral.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Maduran cando teñen un ano. A época de reprodución concéntrase entre maio e xullo. Tecen un niño de herbas e carrizos que sitúan protexido nos canavais, pendurado sobre a auga entre entre os talos de tres ou catro carrizos ou xuncos. Poñen de 3 a 4 ovos, que os dous pais se roldan para chocar entre 11 e 14 días. Os polos pasan de 10 a 14 días no niño. Crían dúas ou tres niñadas por ano. Os seus niños son parasitados habitualmente polos cucos, que poñen ovos de cores semellantes.
Situación
[editar | editar a fonte]As estimacións para Europa calculan a súa poboación nuns 3 millóns de parellas reprodutoras.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2014). "Acrocephalus scirpaceus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 28 de agosto de 2014.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada (PDF). Chioglossa. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de novembro de 2017. Consultado o 17 de decembro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Folosa das canaveiras |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Folosa das canaveiras (Teichrohrsänger) cantando en www.vogelstimmen-wehr.de
- Videos sobre a especie en Internet Bird Collection
- [https://web.archive.org/web/20070922203431/http://www.iucnredlist.org/search/details.php/52509/all Arquivado 22 de setembro de 2007 en Wayback Machine. Datos sobre a clasificación da especie na "Lista vermella de especie ameazadas" da IUCN]