Fiz de Nola
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século III Nola, Italia |
Morte | 14 de xaneiro de 313 (Gregoriano) Nola, Italia |
Lugar de sepultura | necrópole de Cimitile |
Bispo | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote |
Período de tempo | Imperio Romano |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 14 de xaneiro |
Fiz de Nola, ou Fins de Nola, foi un presbítero do século III da Campania (Italia), considerado como santo pola Igrexa Católica.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dun militar sirio chamado Hermias, a súa fe cristiá levouno a repartir os seus bens entre pobres e marxinados e optar pola vocación sacerdotal. Entre os anos 249 a 251 sufriu a persecución de Decio durante a que foi encarcerado e torturado. Conseguiu liscar da cadea e vivir como un fuxido nos Apeninos onde coidou do seu bispo Máximo, só e doente, refuxiado nesas montañas.
Tras esta primeira persecución o pobo cristiá de Nola quixo proclamalo bispo, pero el refugou tal ministerio, por considerarse indigno do mesmo. El combinou o seu servizo sacerdotal de atención espiritual e axuda ao necesitado co traballo de labrego.
No ano 253 o emperador Valeriano ordenou unha nova persecución. Algúns afirman que sufriu o martirio entrementres outras versións sosteñen que logrou sobrevivir ata unha avanzada idade no ano 260. Con todo, figurou ao longo dos séculos no martiriolóxio romano.
Lenda
[editar | editar a fonte]De Fiz cóntanse anécdotas de carácter lendario. A súa primeira fuxida da cadea atribuíuse a intervención dun anxo. A súa harmonía coa natureza como fuxido nos Apeninos manifestouse en relatos que contan que as arañas tecían mestas arañeiras nas entradas dos seus refuxios para facer crer aos soldados que o perseguían que ninguén entrara alí recentemente. Como labrego, sufriu intentos de espolio por parte de bandidos que de súpeto padeceron unha forza que os obrigou a traballar nos seus labores, cando Fiz viu tal cousa agradeceulles a angueira e perdooulles a tentativa de roubo.
Significación
[editar | editar a fonte]A súa sepultura foi moi venerada e obxecto de peregrinacións. Algunhas reliquias están en Roma e en Benevento. A súa festa celébrase o 14 de xaneiro. Hoxe en día figura no calendario romano como un confesor. Invócase contra as enfermidades dos ollos, contra o perxurio e a maledicencia contra o próximo e é protector dos animais, especialmente os animais domésticos dos labregos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fiz de Nola |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martyrologium Romanum, Libreria Editrice Vaticana 2001 ISBN 88-209-7210-7
- The Penguin Dictionary of Saints." 3rd edition, Nova York: Penguin Books, 1993, ISBN 0-14-051312-4.