Excalibur (filme)
Excalibur | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Excalibur |
Director | John Boorman |
Produtor | John Boorman |
Guión |
|
Baseado en | Le Morte d'Arthur de Thomas Malory |
Intérpretes | |
Música | Trevor Jones |
Fotografía | Alex Thomson |
Montaxe | John Merritt |
Estudio | Orion Pictures |
Distribuidora | Warner Bros. |
Estrea | 10 de abril de 1981 |
Duración | 140 minutos[1] |
Orixe | Estados Unidos[2][3] |
Xénero | Fantasía |
Orzamento | $11 000 000[4] |
Recadación | $35 000 000[5] |
Na rede | |
Excalibur é un filme estadounidense de 1981 dirixido, producido e coescrito por John Boorman. Conta a lenda do Rei Artur e os cabaleiros da Táboa Redonda e baséase no romance artúrico do século XV Le Morte d'Arthur, de Thomas Malory. Está protagonizado por Nigel Terry no papel de Artur, Nicol Williamson como Merlín, Nicholas Clay como Lancelot, Cherie Lunghi como Xenevra, Helen Mirren como Morgana, Liam Neeson como Galván, Gabriel Byrne como Uther Pendragon, Corin Redgrave como Gorlois, Duque de Cornwall, Patrick Stewart como Leodegrance e Paul Geoffrey como Perceval. O filme leva por título o nome da lendaria espada Excalibur, presente na Materia de Bretaña. A banda sonora do filme conta con música de Richard Wagner e Carl Orff, ademais da banda sonora orixinal de Trevor Jones.
Excalibur foi rodada completamente en Irlanda e cun grupo de actores maioritariamente irlandeses. Salienta pola súa importancia na industria cinematográfica de Irlanda e por axudar a lanzar a carreira dun bo número de actores británicos e irlandeses, como Liam Neeson, Patrick Stewart, Gabriel Byrne e Ciarán Hinds.[4]
Os críticos Roger Ebert e Vincent Canby criticaron o argumento e as personaxes do filme,[6][7] malia que moitos outros[8] louvaron o seu estilo visual. Excalibur estreouse como número un nos Estados Unidos, recadando $34 967 437 sobre un orzamento de $11 millóns.[5] A fotografía de Alex Thomson valeulle un nomeamento[9] na 54ª edición dos Oscar.
Sinopse
[editar | editar a fonte]Merlín promete a Uther Pendragon a espada máxica, Excalibur (Escalibor), se se compromete a instaurar a paz unificando (“unha Terra, un Rei”) os feudos britanos. No entanto, e na mesma cerimonia en que se celebraba a pacificación, Uther namórase de Igraine, esposa do Duque de Cornwall. Os conflitos desátanse de novo. Uther convence a Merlín para que, valéndose da súa maxia, lle dea a aparencia do Duque mentres este abandona o castelo para ir á guerra. Merlín prouncia o conxuro da creación, unha serie de palabras de poder que reaparecerá varias veces ao longo da historia. O Duque morre no mesmo momento en que Uther entra no castelo para ocupar o seu lugar xacendo con Igraine. Aos ollos de Morgana, filla de Igraine, é pois concibido o seu medio irmán Artur. Cando Igraine descobre o engano Merlín aparece en escena lembrando a Uther a promesa de someterse á súa vontade antes de realizar o sortilexio. Merlín marcha ao bosque levando o neno acabado de nacer consigo. Uther corre tras el para recuperalo, mais é vítima dunha emboscada e antes de sucumbir chanta a mítica espada nunha pedra. Só será rei a persoa que consiga extraela algún día de alí.
Anos máis tarde, unha familia de cabaleiros diríxese ao lugar de Escalibor. Celébranse xustas anuais para gañar o dereito a intentar tirar a espada da pedra. Artur, Kay e o seu pai dispóñense a participar. Durante moitos anos ninguén deu reunido forza suficiente para enfrontar o desafío da espada. Kay non atopa a súa no estribo do cabalo e reñe o escudeiro, Artur, por esquecela. O rapaz búscaa sen éxito ata que se topa por casualidade co brillo de Escalibor e arríncaa sen esforzo da pedra para lla ofrecer a Kay. Reina a estupefacción: uns semellan proclamar rei aquel mozo, outros acúsano de fraude obrigándoo a reintroducila na rocha. Artur faino e empúñaa outra vez ante os ollos de todos. O pai de Kay revela a Artur que non é do seu sangue, xa que fora Merlín quen llo entregou para que o criase. Aínda así os nobres divídense e unha importante facción négase a recoñecer un bastardo como monarca. Merlín entra en escena, revela as orixes familiares a Artur e afástase con el ao bosque para inicialo nos misterios: a Terra é o Dragón, o Rei é a súa encarnación temporal, o propio Merlín o guía máxico e Escalibur a espada da soberanía, emanada da mesma Terra.
Xa preparado para reinar, Artur retorna da suspensión temporal na que o sumiu Merlín e asume a loita polo reino. Tras liberar o castelo de Cameliard, onde a princesa Xenevra e o seu pai, partidarios do novo Rei, resisten o asedio do inimigo, Artur compórtase heroicamente e remata por convencer os opositores da realeza da súa estirpe. A paz semella definitivamente conquistada; Artur conta coa axuda de sinalados cabaleiros. Apenas terá que baterse nunha ocasión máis cun nobre que custodia unha pequena ponte e négase a rendela: trátase de Lanzarote do Lago. Artur bátese contra el e ao saberse perdido invoca a maxia da espada, que escacha en dous matando a Lanzarote. Ante a sorpresa de Merlín, que contemplaba o enfrontamento, a Dama do Lago ofrece de novo a espada recomposta e devolve a vida ao que, en adiante, será escudeiro real e paladín de Xenevra.
Chega o tempo da paz. Artur, namorado de Xenevra, casa con ela a pesar de que a futura raíña xa se fascinara na primeira ollada con Lanzarote, algo que non pasa desapercibido a Morgana. A súa medio irmá fórase convertendo nunha bruxa que fai as beiras a Merlín para obter coñecemento. Lanzarote trata de fuxir ao desexo que sente pola muller do seu amado amigo e Rei, e pasa longas temporadas na foresta, onde un día coñece a Perceval, inxenuo mozo sedento de aventura. Cando se reúne a Mesa Redonda en torno á que Artur ordenara construír o castelo de Camelot, as murmuracións sobre a non presenza de Lanzarote son a única nota negativa nun alegre período de prosperidade. Un dos mellores cabaleiros, Galván, incitado por Morgana, acusa a Xenevra de adúltera. A lei cabaleiresca obriga a defender a honra dos dous acusados mediante as armas; por dereito, e xa que Lanzarote se encontra nunha das súas longas penitencias no bosque, o defensor da raíña debería ser o mesmo Artur, o seu esposo, pero a condición de rei impídelle exercer como xuíz e parte. Só o ausente Lanzarote, defensor legal da raíña, pode afrontar a ordalía (o designio divino das leis implica que ha vencer na xusta aquel que loita no bando da vontade de Deus, que é a verdade). Cando amañece no campo da honra e ningún cabaleiro se atreve a desafiar o gran campión, Galván, este reclama compensación, que comporta necesariamente a ruína de Xenevra. Nese momento Perceval ofrécese a defendela, pero o seu inxenuo valor non vai subsidiado polas armas porque aínda non é cabaleiro. Será o propio Artur quen lle conceda in situ ese privilexio, aínda que Perceval carece de experiencia e mesmo de armadura. No último intre aparece un xinete: é o paladín da raíña, ferido de gravidade porque a noite anterior se cravara a si mesmo a espada no transcurso dun pesadelo non por acaso relacionado coa culpa, pois sentía desexo por Xenevra. Os dous sabíanse secretamente rendidos ao amor mutuo, por moito que nunca consumaran a atracción. Lanzarote derrota a Galván e o acusador proclama a berros que a raíña é inocente.
O cabaleiro do Lago xace moribundo durante días. Non sente desexos de vivir. Xenevra esixe a Merlín que o salve mediante calquera recurso e o meigo obedece a súa raíña vinculando ao rescate da morte do valoroso cabaleiro a man desexante de Xenevra sobre o seu ventre. Todo semella ao cabo en calma na Mesa Redonda: o mellor cabaleiro está curado e senta, gozando o tempo de paz, cos seus compañeiros. Pero a semente da decadencia botárase xa. Lanzarote e Xenevra cítanse por fin no bosque, ámanse e xacen espidos. Artur consulta a Merlín. O mago confirma ao Rei que a súa muller e o seu mellor amigo dormen xuntos. Paralelamente, Morgana reprocha a Merlín o fracaso da súa maxia e esíxelle máis coñecemento, insinuando que o merece polo progreso nos seus encantos, que para Merlín non pasan de bruxarías alleas ao dominio do Dragón. No entanto, e mediante enganos, Morgana consegue que o seu vello e cansado guía nas artes do oculto a leve ás entrañas do subsolo, onde se agachan boa parte dos segredos, e pronuncie o conxuro da creación. Así, repetindo as palabras que saen de quen se sabe nos últimos días, logra aprender o conxuro e encerra a Merlín nunha prisión de cristal. A feiticeira volve ao mundo visible. Co aspecto de Xenevra –enganando a Artur igual que Uther se transformara no Duque de Cornualla–, Morgana déitase co seu medio irmán para concibir un fillo, Mordred, no seu plan de vinganza futuro rei de Camelot. A corte súmese na depresión e o reino na na fame, no frío e na miseria. Artur languidece no seu trono, consciente de que aquilo que mantiña a prosperidade do reino e o seu vigor físico e moral son a mesma cousa: o que se perdeu, o Graal.
O rei encarga aos seus cabaleiros que fatiguen o mundo para encontralo. Mordred medra protexido polos conxuros. Morgana fabrica para el unha armadura invisible que arma ningunha construída por man de home logrará traspasar. Un por un, os cabaleiros van fracasando: Perceval é testemuña horrorizada do final de Galván e doutros, incapaces de conter as hostes de Mordred. Perceval mantense así e todo puro de corazón, por iso Morgana o atrae ao seu castelo e intenta seducilo con todo tipo de tentacións terreais: sexo, diñeiro, poder... Pero o inxenuo buscador do Graal resiste. Mordred ordena colgalo polo pescozo nunha árbore, fóra do castelo, xunto con outros cabaleiros cuxo corpo está en descomposición. En plena agonía asáltao a visión da porta aberta dunha fortaleza mística, a que garda o propio Graal, e dunha voz que o interroga sobre o segredo do cáliz. O cabaleiro asústase e foxe da visión, e aínda que salva a vida ao caer da corda ten a certeza de que se mostrara ante as súas mans a salvación do Rei e do reino todo. Fracasou. Mentres, Mordred preséntase no castelo de Artur e reclama a soberanía. O rei respóndelle que non é el quen posúe poder sobre a Terra, senón á inversa. Mordred xura arrebatarlle o reino pola forza das armas.
Vagando por paisaxes baldías, Perceval crúzase cun case irrecoñecible Lanzarote, líder dunha ringleira de suplicantes do perdón divino, que acusa a corte de Camelot e os seus cabaleiros impíos como causantes do abandono de Deus. A horda ataca a Perceval. O cabaleiro, ao bordo da extenuación, acaba afundíndose nas augas dun río e desfacéndose da armadura para evitar o afogamento; é ao alcanzar con abnegación a beira, humildemente vestido, cando as portas do castelo misterioso se abren outra vez. Agora si sabe responder as preguntas: o segredo do Graal é a súa alianza coa Terra e coa persoa que a encarna, o Rei Artur.
Perceval volve á corte co Graal e obriga o rei a beber da copa. Artur revive. De súpeto faise consciente da ameaza do mal e ordena aos guerreiros sobreviventes seguiren o seu rei e cabalgaren baixo o estandarte de Camelot contra as tropas de Mordred. As árbores florecen, unha nova primavera rexorde. Con todo Artur ten medo. No transcurso dun soño aparécelle Merlín, presente como visión para os dormentes cabaleiros, e revélalle que está vivo no alén. Asegúralles que combaterán con nobreza. Outro dos bos sinais será a inesperada recuperación da espada Escalibor que Xenevra, purgando a súa culpa nun mosteiro, escondera e conservara celosamente.
O aspirante a Rei no outro lado do campo de batalla está preocupado: unha néboa mesta comeza a invadir o territorio. A nai, normalmente infalible, aseguráralle que o seu numeroso exército se beneficiaría dun claro horizonte. Mordred encamíñase logo a unha das tendas para consultar a Morgana, alleo ao feito de que a bruxa recibira tamén a visita nocturna da sombra de Merlín. O astuto meigo devolvéralle o engano á antiga discípula e amante, convencéndoa para deixar escapar as enerxías a través do alento: Morgana non cesara de bafexar néboa mentres cría aumentar o seu poder pronunciando durmida o conxuro da creación. Iso provocáralle, aliás, a perda da aparencia de xuventude, conservada mediante meigallo. Mordred non recoñece a súa nai na vella que atopa fronte a el. Horrorizado ante tal posibilidade, esgánaa.
Chega a batalla derradeira. O bando de Artur, consciente da súa inferioridade, desexa caer con honra. O choque é cruento. Durante o fragor aparece Lanzarote brandindo as armas, disposto a cumprir o seu destino como cabaleiro da Mesa Redonda. O seu último alento será para solicitar o perdón de Artur e invocar o nome de Xenevra.
O desenlace final sitúa fronte por fronte o Rei e o seu sinistro fillo. Valéndose de lanza, Mordred traspasa o corpo do pai, que se arrepón e chanta mortalmente Escalibor, a espada non forxada por humanos, no seu rival. Artur agoniza. Chama por Perceval, un dos poucos que continúa vivo, e ordénalle que busque un lago de augas tranquilas e arrebole nel Escalibor. Tras dubidar, Perceval obedece. Ao lanzala ao aire contempla como a espada retorna maxicamente á man da Dama do Lago e some nas profundidades. Cando se dispón a contarlle a Artur que cumpriu o seu designio, o corpo do rei foi xa embarcado. Un misterioso séquito escóltao a mar aberto, na dirección do sol nacente.
Personaxes
[editar | editar a fonte]Agás Nicol Williamson (Merlín), o groso do elenco resultaba na altura (principios dos oitenta) pouco coñecido para o gran público. No entanto, algúns dos actores e das actrices que desfilan por Excalibur acabaron triunfando como estrelas internacionais; foi o caso sobre todo de Helen Mirren (Morgana) e de Liam Neeson (Sir Gawain). Outros protagonistas e secundarios son Nigel Terry (Rei Artur), Nicholas Clay (Lancelot) e Gabriel Byrne (Uther Pendragon). Fillos e fillas do director interviron no filme con papeis menores; é o caso das personaxes de Igraine (a nai de Artur), de Mordred (o fillo de Morgana) ou da Dama do Lago. Para os actores e as actrices irlandesas Excalibur supuxo unha plataforma de lanzamento[10] ao mundo.
- Nigel Terry como Rei Artur
- Helen Mirren como Morgana
- Kay McLaren como Morgana de maior
- Barbara Byrne como Morgana de nena
- Nicholas Clay como Sir Lancelot
- Cherie Lunghi como Xenevra
- Paul Geoffrey como Sir Perceval
- Nicol Williamson como Merlín[7]
- Corin Redgrave como Duque de Cornualla
- Patrick Stewart como Leodegrance
- Keith Buckley como Sir Uryens
- Clive Swift como Sir Héctor
- Liam Neeson como Sir Galván
- Gabriel Byrne como Uther Pendragon
- Robert Addie como Mordred (de adulto)
- Charley Boorman como Mordred de mozo
- Katrine Boorman como Igraine
- Ciarán Hinds como Rei Lot
- Niall O'Brien como Sir Kay
Produción
[editar | editar a fonte]John Boorman pretendera en 1969 adaptar a lenda de Merlín, pero a United Artists rexeitouna[11] e ofreceulle levar á pantalla grande O Señor dos Aneis de J.R.R. Tolkien. Boorman e Rospo Pallenberg traballan no guión, pero a proposta rexéitase por excesivamente cara; retorna así a idea orixinal dun filme artúrico. En 1975 propón á Warner Bros. un guión de máis de catro horas, rexeitado esta vez por longo. Pallenberg axuda a Boorman[12] a acurtar a película e dálle a forma definitiva ao libreto. Irlanda foi o escenario case exclusivo de Excalibur. A maior parte das secuencias rodáronse nos arredores do Condado de Wicklow, onde John Boorman[13] se establecera a principios da década dos 70[14], e aproveitan lugares emblemáticos do patrimonio ambiental e cultural de Irlanda, coma o Parque Nacional de Wicklow ou o Castelo de Cahir. O equipo enteiro dedicou á obra vinte semanas intensivas de rodaxe. Boorman tratou de converter o relativamente cativo[15] orzamento[16] do filme (entre 11 e 12 millóns de dólares da época) en fonte de ingresos para a economía local, contratando persoal da comarca ou do país; entre eles estaría como axudante de guionista o futuro director irlandés Neil Jordan. Circulou entre a crítica especializada[17] que certas frases do filme (di Artur antes da batalla final: “Coa néboa non se ha saber que somos poucos, loitaremos coma antes!”) podían ser lidas en clave de rexouba interna; a escaseza de extras ou a precariedade das armaduras, moitos anos antes da infografía dixital, obrigaron a optimizar recursos nas secuencias de acción.
Banda sonora
[editar | editar a fonte]Ademais da música orixinal do compositor Trevor Jones, algunhas das secuencias de maior forza épica e dramatismo apóianse en pezas clásicas de Richard Wagner (O Anel do Nibelungo, Tristán e Iseu, Parsifal e O crepúsculo dos deuses) e Carl Orff (Carmina Burana).
Significación
[editar | editar a fonte]A constelación de textos -sobre todo medievais- que conforman o Ciclo Artúrico resultou sempre de interese para o cine e para a televisión. En canto ao formato televisivo, só The Mists of Avalon[18], baseada na novela do mesmo nome de Marion Zimmer Bradley, obtivo certo éxito en difusión e nomeamentos a diversos premios. Alén das propostas de vocación minoritaria ou con repercusión apenas en cinematografías nacionais (é o caso de Perceval le Gallois[19] de Éric Rohmer), no cine comercial a historia do Rei Artur é revisitada de cando en cando baixo criterios espectaculares e pouco atentos ás variantes literarias orixinais; desde o clásico de Richard Thorpe Os cabaleiros do rei Artur (1953) ata King Arthur: Legend of the Sword de Guy Ritchie (2017), pasando polo King Arthur de Antoine Fuqua, ningún filme coma Excalibur[20] explorou o mito co mesmo grao de respecto ás fontes e sutileza[21] visual.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ British Board of Film Classification, ed. (1 de abril de 1981). "Excalibur (AA)". Consultado o 12 de novembro de 2016.
- ↑ "Excalibur". American Film Institute. Consultado o 28 de novembro de 2017.
- ↑ "Excalibur". Lumiere Database. Consultado o 28 de novembro de 2017.
- ↑ 4,0 4,1 Doyle, Rónán (27 de xaneiro de 2011). Film Ireland, ed. "Boorman honoured as 'Excalibur' hits 30". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2011. Consultado o 11 de xullo de 2011.
- ↑ 5,0 5,1 "Excalibur". Box Office Mojo. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2014. Consultado o 2014-07-17.
- ↑ Ebert, Roger. Chicago Sun-Times, ed. "Excalibur". Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2012. Consultado o 17 de xullo de 2014.
What a wondrous vision EXCALIBUR is! And what a mess.
- ↑ 7,0 7,1 Canby, Vincent (10 de abril de 1981). "Boorman's 'Excalibur'". The New York Times. Consultado o 17 de xullo de 2014.
Except for the performances of Nicol Williamson... and Helen Mirren... the movie seems to be a beautiful, uninhabited, primeval forest.
- ↑ Variety, ed. (31 de decembro de 1980). "Excalibur". Consultado o 17 de xullo de 2014.
- ↑ "Excalibur". Consultado o 2018-09-25.
- ↑ "IFTA Lifetime Award for John Boorman | The Irish Film & Television Network". www.iftn.ie. Consultado o 2018-09-25.
- ↑ ""Excalibur" (John Boorman, 1981)_- Thesauro Cultural (The Cult.es): Revista de ciencias y humanidades". www.thecult.es (en castelán). Consultado o 2018-09-25.
- ↑ Hoyle, Brian (2012). The cinema of John Boorman. Rowman & Littlefield. p. 143. ISBN 978-0810883956.
- ↑ "Interview with John Boorman". Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2018. Consultado o 5 de outubro de 2018.
- ↑ "Boorman living the Tiger Ireland dream - Independent.ie". Independent.ie (en inglés). Consultado o 2018-09-22.
- ↑ "Interview with John Boorman - Film Ireland" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2018. Consultado o 25-X-2018.
- ↑ "A look at John Boorman's 1981 film, Excalibur". Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2018.
- ↑ "Antigua Vamurta: Excálibur, cine de Boorman.". Antigua Vamurta. 2010-02-19. Consultado o 2018-09-22.
- ↑ "The Mists of Avalon (TV Miniseries) (2001)" (en inglés). Consultado o 2018-10-12.
- ↑ "Perceval". Consultado o 2018-10-12.
- ↑ "Excalibur (1981)" (en castelán). Consultado o 2018-09-23.
- ↑ "El ciclo artúrico en el cine: mito y epos en Excalibur, de John Boorman" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Excalibur na IMDb (en inglés).
- Ficha en BoxOfficeMojo (en inglés)
- Ficha en RottenTomatoes (en inglés)
- Filmes de 1981
- Filmes en lingua inglesa
- Filmes dos Estados Unidos de América
- Filmes dirixidos por John Boorman
- Filmes con banda sonora de Trevor Jones
- Filmes de aventuras dos Estados Unidos de América
- Filmes baseados na lenda artúrica
- Filmes baseados en poemas
- Filmes ambientados na Idade Media
- Filmes ambientados en Inglaterra
- Filmes de Orion Pictures
- Filmes de Warner Bros.
- Filmes sobre feiticería