Emperador Meiji
Mutsuhito coñecido polo seu nome póstumo como Meiji Tennō (明治天皇?), nado en Kyoto o 3 de novembro de 1852 e finado en Toquio o 30 de xullo de 1912, foi o emperador do Xapón número 122º, segundo a orde tradicional de sucesión imperial xaponesa, reinando dende o 3 de febreiro de 1867 ata a súa morte.
Dende a súa morte, estableceuse a tradición de dar o nome da era conxuntamente co seu reinado. Como gobernou no período Meiji, é coñecido como emperador Meiji.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi fillo de Kōmei Tennō e da consorte Nakayama Yoshiko.[1] Cando naceu a finais de 1852, o Xapón era un país illado, preindustrial e feudal, dominado polo shogunato Tokugawa e os daimyō, que controlaban os máis de 250 dominios descentralizados do país. Cando faleceu en 1912, o país experimentara unha revolución política, industrial e social que trouxo como resultado a transformación do Xapón nunha potencia mundial.
Meiji Tennō foi o líder simbólico da restauración Meiji onde o shogunato Tokugawa foi abolido por forzas imperiais nunha breve convulsión interna coñecida como a guerra Boshin.[2] Tras isto, o emperador Meiji proclamou a conversión do Xapón a un goberno democrático de corte occidental. Non obstante, o parlamento xaponés carecía de poderes reais e tampouco os tiña o emperardor, xa que o poder pasou entón de mans dos Tokugawa a unha nova nobreza genrō formada polos daimyō e os samurais que axudaran á restauración. Esta nova oligarquía situou os seus homes nas esferas políticas e militares do novo goberno.
A restauración e a modernización consecuente converteron o Xapón nunha potencia industrial, situándoa por riba doutros estados do Pacífico. Aínda que a función do emperador na restauración é discutida, a súa influencia puido ser importante nas guerras en que o Xapón se viu involucrado a comezos do século XX. Entre as medidas que tomou destácanse ademais o traslado da capital de Kyoto a Toquio,[3] a implantación dun novo sistema de estudos (1872), a institución do senado (genroin, 1875), a inauguración da Asemblea Nacional (1890) e a anexión de Corea (1910). O emperador Meiji tivo unha gran lonxevidade no trono manténdose no poder máis de 40 anos.
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]O emperor Meiji foi interpretado por Toshirō Mifune no filme xaponés The Battle of Port Arthur (coñecido tamén como 203 Kochi), de 1980.[4] Dirixido por Toshio Masuda, o filme mostra o sitio de Port Arthur durante a guerra ruso-xaponesa.
O emperador aparece no filme de 2003 O último samurai, interpretado por Nakamura Shichinosuke II. No filme, o emperador amósase como feble, fácil de manipular, sen ter que afrontar o risco dun golpe de estado. A súa determinación só aparece ao final, cando rompe o tratado cos estadounidenses tras consolidar o seu poder logo da batalla.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Keene 2002, p. 10.
- ↑ Gordon 2009, p. 59.
- ↑ Gordon 2009, p. 68.
- ↑ The Battle of Port Arthur (203 Koshi) en Internet Movie Database
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Emperador Meiji |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jansen, Marius (1961). Sakamoto Ryoma and the Meiji Restoration. Princeton University Press. OCLC 413111
- ____________ (1995). The Emergence of Meiji Japan. Cambridge University Press. ISBN 0521482380/ISBN 9780521482387; ISBN 0521484057/ISBN 9780521484053; OCLC 31515308
- Keene, Donald (2002). Emperor of Japan: Meiji and His World, 1852–1912. Columbia University Press. ISBN 023112340X/ISBN 9780231123402; OCLC 46731178
- Wilson, George M. (1992). Patriots and Redeemers: Motives in the Meiji Restoration. University of Chicago Press. ISBN 0226900916/ISBN 9780226900919; ISBN 0226900924/ISBN 9780226900926; OCLC 23869701
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Predecesor: Osahito |
Emperador do Xapón Mutsuhito 3 de febreiro de 1867 - 30 de xullo de 1912 |
Sucesor: Yoshihito |