De remate
De remate | |
---|---|
Autor/a | Héctor Cajaraville Araújo |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galego |
Colección | Narrativa |
Editorial | Edicións Xerais de Galicia |
Data de pub. | 2015 |
Páxinas | 216 páx |
ISBN | ISBN 978-84-9914-931-8 |
Premios |
|
[ editar datos en Wikidata ] |
De remate é unha novela de Héctor Cajaraville Araújo publicada en 2015 por Edicións Xerais de Galicia e galardoada co Premio Xerais nese mesmo ano.
Trama
[editar | editar a fonte]O subtítulo da obra, Escolma dos artigos publicados por Bieito Sanmarful no xornal Loaira (2012-2015) e extractos do seu diario persoal, xa é un avance do que vai ser a novela.
Comeza co ficticio prólogo á 3ª edición desa escolma escrito por Pablo Cardeiro, ex-director do xornal Loaira, onde Bieito Sanmarful publicara máis de novecentos artigos nos tres últimos anos da súa vida. Escrito aos dez anos da morte de Sanmarful, explica que a nai lle entregou o seu portátil, con arquivos de todo tipo, e dos que el acaba seleccionando para publicar vinte e dous dos seus artigos en Loaira mais as anotacións relacionadas con eles (versos, reflexións, correos electrónicos, reportaxes…). Remata o prólogo, datado en 2025, pedíndolle á Real Academia Galega que lle dedique o próximo día das Letras.
A continuación vén o “libro” de Sanmarful: o primeiro artigo, O milagre de santa Rita, conta dunha mariscadora de Taragoña que todos os domingos lle pide a santa Rita -patroa dos imposíbeis- axuda para a súa pobreza. Un día atopa un fardo de cinco quilos na praia e pensando que é droga traza co fillo máis novo de vendela, mais resulta ser cemento. Segundo o fillo hai un narco que mestura fardos de coca e fardos de cemento para camuflar.
Das tres anotacións no diario que seguen, a primeira é anterior á publicación do artigo e conta a anécdota que lle contaron a el e que lle vai servir de base para o artigo.
As outras dúas falan das reaccións: chamada do Servizo de Vixilancia Aduaneira, do Concello de Rianxo, da parroquia… e noticia de que a Garda Civil de Boiro atopou un alixo de sesenta e catro fardos de cocaína coa mesma marca.
O segundo, Euros e Tánatos, relata a aparición dun novo negocio: unha empresa que se encarga de todos os trámites -exhumación, trámites co xulgado, co laboratorio, coa familia legal do defunto…- cando unha persoa quere coñecer os seus verdadeiros pais. A correspondente anotación fala da súa propia relación coa morte, da morte do seu avó materno, de cando coñeceu a este.
Despois dos vinde e dous artigos, a obra finaliza cun epílogo no que figuran dous correos electrónicos (de María e de Miguel) con data anterior á súa morte que quedaron sen contestar, a mensaxe no Twitter anunciando a súa morte e o obituario publicado no xornal polo director.
Narración
[editar | editar a fonte]É unha novela caleidoscópica na que a información se presenta desde perspectivas moi diferentes: Bieito Sanmarful é o redactor de todos os artigos de opinión para o xornal Loaira e tamén da súa autoría son boa parte das anotacións complementarias. Pero hai tamén textos moi diversos: denuncia para a policía, testamento, un poema, entradas de blog, multitude de correos electrónicos de lectores, de María, de Miguel, del mesmo…
Ademais o prólogo (en primeira persoa de plural) e o obituario (en primeira persoa de singular) están redactados polo director do xornal.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Crítica de Mario Regueira en Sermos Galiza, 9 de decembro de 2015
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha da editorial
- Blog de Ed. Xerais
- Booktrailer da obra
- Crítica de Manrique FernándezArquivado 12 de agosto de 2019 en Wayback Machine. (consultada o 10/05/2017)
- Crítica de Xosé M. Eyré (consultada o 10/05/2017)
- Presentación de Anxo González Guerra (consultada o 10/05/2017)
- Crítica de César Lorenzo Gil Arquivado 29 de maio de 2016 en Wayback Machine. (consultada o 10/05/2017)
- Crítica de María Costa (consultada o 10/05/2017)