Concilio Cadavérico
O Concilio Cadavérico (tamén denominado o «Xuízo do Cadáver», «Sínodo do Terror» ou «Sínodo do Cadáver»; en latín Synodus Horrenda) é o nome comunmente dado ao xuízo eclesiástico póstumo do Papa Formoso, celebrado na Basílica de San Xoán de Letrán de Roma en xaneiro de 897.[1] O xuízo foi conducido polo papa Estevo VI, que sucedera a Bonifacio VI, cuxo breve pontificado tomara a substitución ao de Formoso. Esteban acusou a Formoso de perxurio e de acceder ao papado ilegalmente. Ao final do xuízo, Formoso foi declarado culpable e o seu papado foi declarado retroactivamente nulo. O Sínodo do Cadáver é lembrado como un dos episodios máis estrafalarios da historia do papado.
Historia
[editar | editar a fonte]O mesmo ano da morte de Formoso, subiu ao trono pontificio Bonifacio VI co apoio de Lamberto de Spoleto, quen volvera a tomar o control de Roma ao caer enfermo Arnulfo de Carintia e verse obrigado a abandonar Italia. Lamberto, xunto á súa nai Agiltrude, impulsou a realización dun xuízo contra o Papa defunto, que non apoiara á familia Spoleto nas súas reivindicacións políticas.[2]
Estevo VI, sucesor de Bonifacio VI (quen morrera ao pouco de ser elixido papa), ordenou, nove meses despois da morte de Formoso, exhumar o seu cadáver e sometelo a xuízo nun concilio que reuniu a tal fin.[2]
En devandito concilio, celebrado baixo a presidencia de Estevo VI, procedeuse a revestir o cadáver de Formoso dos ornamentos papais e sentóuselle nun trono para que escoitase as acusacións. A principal destas foi que sendo bispo dunha diocese, a de Porto, e a abandonou para ocupar como papa a diocese de Roma.[2]
Achado culpable, declarouse inválida a súa elección como papa e anuláronse todas os actos e ordenacións do seu papado. A continuación desposuíuse ao cadáver das súas vestiduras, arrancáronlle da man os tres dedos con que impartía as bendicións papais e os seus restos foron depositados nun lugar secreto, onde permaneceron varios meses até a entronización de Teodoro II, (cuxo pontificado tan só durou 20 días, aínda que a rehabilitación de Formoso iniciouse co papa Romano) cando foron restituídos á Basílica de San Pedro.
O papa Xoán IX convocou dous concilios, un en Rávena e outro en Roma, nos cales se promulgou que toda acusación en tribunais sobre unha persoa morta fose prohibida. Con todo, o papa Serxio III ao acceder o trono no 904, anulou tanto os concilios convocados por Xoán IX e Teodoro II e iniciou un segundo xuízo contra o cadáver, achándoo culpable de novo. Os restos de Formoso foron lanzados entón ao Tíber[2] para que "desaparecesen da face da terra", pero segundo a lenda enredáronse nas redes dun pescador, que o extraeu das augas e o escondeu. Finalizado o pontificado de Serxio III, os restos foron depositados no Vaticano, onde xacen até o día de hoxe.
En 1464 o cardeal Pietro Barbo, ao ser elixido papa, tivo que ser disuadido de levar o nome de Formoso II, para no seu lugar levar o de Paulo II.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Joseph Duhr, “Le concile de Ravenne in 898: la réhabilitation du pape Formose,” Recherches de science religieuse 22 (1932), p. 541 nota 1
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "El Sínodo del Terror: el juicio que celebró un Papa al cadáver de quien fue su antecesor". ABC (en castelán). 15 de maio de 2018. Consultado o 1 de novembro de 2018.