Saltar ao contido

Concesionaria de Líneas Aéreas Subvencionadas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
CLASSA
IATA
-
OACI
-
Indicativo
CLASSA
Fundación1928
Inicio das operacións1929
Fin das operacións1932
Aeroporto principalAeroporto de Xetafe
Aeroporto de Barcelona
Aeroporto de Sevilla

Concesionaria de Liñas Aéreas Subvencionadas, S.A. (CLASSA) foi unha aeroliña española, creada o 13 de maio de 1929 e que realizou o seu primeiro voo o 27 de maio de 1929 entre Xetafe (Madrid) e Sevilla.[1][2]

A aeroliña, que cesou as súas operacións o segundo ano da Segunda República, gañou unha boa reputación por non ter ningún accidente aéreo durante a súa existencia.[3]

Primeiro voo de CLASSA entre a Península Ibérica e as Illas Canarias en 1930 realizado por un Ford Trimotor.

Foi creada a instancias do ditame do Directorio Militar do xeneral Miguel Primo de Rivera para formar un monopolio cunha soa compañía que agrupase todas as existentes por entón en España (Iberia LAE, Unión Aérea Española (U.A.E.), Compañía Española de Aviación, Compañía Española de Tráfico Aéreo (C.E.T.A.) e a compañía de dirixibles Transaérea Colón). Todas elas foron forzadas a achegar as súas rutas e avións á recentemente creada CLASSA, pero retiñan parte do accionariado de CLASSA.

A nova compañía obtivo o contrato do transporte aéreo o 23 de novembro de 1929. CLASSA comezou a operar o 27 de maio de 1929 a liña Madrid-Sevilla da UAE[4]; o 20 de xuño a liña Madrid-Barcelona de Iberia; o 30 de setembro a liña Sevilla-Larache e chegou a un acordo para a explotación conxunta da liña Madrid-Biarritz-París coa Compagnie Générale Aéropostale. A principios de 1931 CLASSA estableceu a conexión aeropostal coas Illas Canarias a través da liña Sevilla-Larache-Casablanca-Agadir-Cabo Juby-As Palmas.

Tras a proclamación da Segunda República Española nacionalizouse a totalidade dos servizos públicos aéreos, suspendéndose o contrato entre CLASSA e o Estado, incautando os bens da compañía e traspasándoos a unha compañía pública de nova creación. O 23 de setembro de 1931, declarouse nulo o contrato entre a CLASSA e o Estado, as liñas aeropostais explotadas por CLASSA pasaron a mans da compañía Liñas Aeropostais Españolas LAPE, que viu recoñecidos os seus dereitos de explotación pola Lei de 8 de abril de 1932. Entre 1932 e 1933, o servizo aéreo de LAPE quedou limitado ás liñas Madrid-Sevilla e Madrid-Barcelona. En marzo de 1934 reiniciouse o servizo con Canarias e en setembro dese mesmo ano abriuse a liña Madrid-Valencia. Un ano despois, en 1935, funcionaron de forma intermitente as liñas Barcelona-Palma de Mallorca, Barcelona-Valencia e Valencia-Palma de Mallorca. A comezos do verán de 1936, a liña das Canarias prolongouse co enlace As Palmas-Tenerife. Todos os accionistas de CLASSA recibiron unha indemnización por iso.

  1. La Aviación Comercial en el Espacio Aéreo Español (1918-1936)
  2. "Histaer - Compañía de Líneas Aéreas Subvencionadas S.A. (C.L.A.S.S.A.)". Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2004. Consultado o 09 de decembro de 2004. 
  3. Primer vuelo comercial a Canarias
  4. 4,0 4,1 "Histaer - Unión Aérea Española (U.A.E.)". Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2004. Consultado o 09 de decembro de 2004. 
  5. "Aviones de Iberia". Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2015. Consultado o 27 de setembro de 2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Utrilla Navarro, Luis; García Cruzado, Marcos (2005). Madrid: Aeropuertos Españoles y Navegación Aérea, S.A., ed. Historia de los Aeropuertos de Madrid (I). ISBN 8496456315.