Saltar ao contido

Cientifismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cientificismo»)

O cientifismo, coñecido tamén como cientificismo, é a crenza de que todas as ciencias, naturais e sociais, deberían basearse no método científico, tal como se aplica nas ciencias experimentais, xa que considera que esta é a visión do mundo máis fiable ou valiosa para a aprendizaxe humana, con exclusión doutros puntos de vista. Coincide en parte cos postulados do positivismo.

Nun sentido pexorativo, refírese a unha imitación estrita do estilo e os métodos propios das ciencias da natureza, feita no ámbito das ciencias humanas, e especialmente na filosofía, so pena de non seren consideradas como científicas.

Parte do suposto de que non hai un auténtico coñecemento fóra da ciencia e que esta é a única vía para achegarse á verdade. Adoita xurdir das expresións máis extremas do positivismo lóxico, que intentan explicar toda a realidade desde os supostos da ciencia.

Cientifismo é un termo que se cuñou en Francia na segunda metade do século XIX (scientisme) para designar a corrente de pensamento que acepta só as ciencias comprobábeis empiricamente como fonte de explicación de todo o existente.

Deste xeito, o termo aplicouse para describir a visión de que as ciencias formais e naturais teñen primacía sobre outros campos da investigación tales como ciencias sociais ou humanidades.

Ademais do seu significado orixinal, a palabra úsase tamén frecuentemente como un termo pexorativo utilizado en contra das explicacións racionais dadas polas ciencias empíricas, para así tratar de desacreditalas fronte a outros argumentos non científicos, que presentan explicacións filosóficas, relixiosas, míticas, espirituais, humanísticas ou pseudocientíficas.[1][2][3]

Unha descrición máis contemporánea do termo é a ofrecida por Michael Shermer, da "The Skeptics Society" (Sociedade Escéptica), quen se identifica a si mesmo como cientifista, e define o cientifismo como: "unha visión científica do mundo que abarca as explicacións naturais para todos os fenómenos, e evita as especulacións sobrenaturais e paranormais, a cal abraza o empirismo e a razón como os piares xemelgos dunha filosofía da vida apropiada para unha idade da ciencia".[4]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Esta sección e as seguintes parten dos contidos da Gran Enciclopedia Rialp [1], que autorizou, no seu día, o seu uso por Wikipedia, que permitiu agregar contidos e publicalos baixo licenza GFDL. A autorización foi revogada en abril de 2008, así que non se deben engadir máis contidos desta enciclopedia.

En primeiro lugar pódese falar dun cientifismo de carácter metafísico, que sería a tendencia a crer que a ciencia físico-natural resolverá todos os problemas dos que se ocupa a metafísica. Sería, pois, a actitude intelectual de pensar que as ciencias experimentais son capaces de proporcionar ao home un saber completo, resolvéndolle todos os problemas e satisfacendo todos os seus desexos, aínda os máis altamente espirituais.

En relación con este, podemos falar doutro cientifismo de carácter máis metodolóxico, que tende a considerar o método cuantitativo e experimental das ciencias físico-naturais como o único válido en todas as esferas do saber, tamén nas ciencias humanas. O espírito e os métodos destas ciencias deberían ser estendidos, segundo esta mentalidade, a todos os dominios da vida intelectual e moral sen excepción. Este tipo de cientifismo non acepta, por tanto, como coñecemento válido, máis que as adquisicións das ciencias chamadas "positivas" (as ciencias formais e as ciencias naturais), e non recoñece á razón outro papel que o que representa na constitución das ciencias.

Esta actitude ten a súa orixe en parte do empirismo e, despois, de Kant. Kant intentou negar a posibilidade da metafísica como ciencia coa súa teoría do coñecemento, dicindo que este non é capaz de captar a realidade tal como é, senón que consiste só nunha ordenación dos fenómenos sensíbeis por medio das ideas e xuízos a priori que lles aplica o entendemento.

O cientifismo vén a representar un aspecto violento, aínda que superficial, da polémica antimetafísica desenvolvida por algúns a partir de Kant. Neste sentido o cientifismo equivale a positivismo. A tese central de Comte, o seu principal representante, é que só hai un saber auténtico, o das ciencias positivas, as ciencias dos fenómenos. A filosofía, en consecuencia, non sería un saber distinto e independente; reduciríase, para Comte, a unha reflexión sobre as ciencias.

O que caracteriza a mentalidade cientifista, que non hai que confundir coa científica, é a pretensión de obxectivar toda causa, de non coñecer máis que a obxectividade, de integrar o mundo humano no mundo dos obxectos. Dous son fundamentalmente os principios esenciais que están implicados nesta mentalidade:

a) a verdaderia ciencia sería unha especie de mecánica universal, capaz de traducir en termos racionais todos os fenómenos, sen conceder unha posición privilexiada a ningún deles, nin sequera a aqueles que se presentan na escala humana e, por tanto, con caracteres cualitativos, senón reducíndoos todos a ecuacións cuantitativas;
b) o método da ciencia consistiría exclusivamente en ordenar e explicar os feitos segundo a necesidade causal. Aplicación, pois, do determinismo universal ao mundo enteiro, incluíndo ao mundo humano.

Críticas á mentalidade cientifista

[editar | editar a fonte]

Émile Boutrouxobservou,[5] en contra do movemento cientifista, que nunha ciencia concibida deterministicamente non entra o estudo da vida e do pensamento e, por outra parte, a ciencia ten un terreo moito máis amplo que aquel no cal rexe o determinismo. E Henri Bergson [6] fai unha crítica parecida da mentalidade cientifista afirmando: "Nós só lle pedimos á ciencia que seguira sendo científica, que non se envolvera nunha metafísica inconsciente, que se presenta entón aos ignorantes ou aos semidoctos baixo a máscara da ciencia. Durante máis de medio século este cientifismo obstaculizou o camiño da metafísica.

Os que critican a mentalidade cientifista din que esta presenta moitos erros na súa forma de pensar. En xeral, indican os que afectan ao racionalismo de tipo empirista, que sería máis inxenuo e superficial que o racionalismo idealista. En particular, a confusión das diversas clases de coñecemento e dos seus diversos métodos. Ademais, indican que sería evidente que as diversas realidades non poden estudarse cos mesmos métodos; non poden estudarse, por exemplo, do mesmo modo a realidade da liberdade e responsabilidade humanas que os mecanismos de reprodución dos animais. Con iso, o cientifismo tampouco sería capaz de recoñecer o auténtico pluralismo da realidade e das disciplinas correspondentes.

Igualmente, os críticos da mentalidade cientifista, indican que un exemplo deste pensamento estaría presente no que se denomina hoxe en día escepticismo moderno (tamén chamado escepticismo científico). Este feito estaría presente no intento de categorizar como pseudociencias algunhas doutrinas ou crenzas pertencentes ás ciencias sociais debido a que non poden ser probadas ou non se probaron empiricamente até o momento, a diferenza das ciencias formais ou as ciencias naturais (ciencias chamadas positivas).

O físico austríaco Anton Zeilinger afirma:

tamén nas tradicións espirituais vexo un camiño do saber, paralelo ao da ciencia, no que se pode aprender algo sobre o mundo. Ao meu entender, todo conflito entre ciencia e relixión é un malentendido. A discusión sobre evolución e creacionismo é intelectualmente espantosa, tanto polo que defenden os fundamentalistas da relixión, en especial nos Estados Unidos,[7] como tamén, en parte, por culpa dos científicos; ese libro de Richard Dawkins, The God Delusion (O espellismo de Deus), é tan simplificador! Nin a relixión nin as ciencias da natureza poderían probar nunca a existencia de Deus, nin refutala.[8]
A. Zeilinger, Investigación y Ciencia, abril 2008

Sir John Carew Eccles, premio Nobel de Medicina en 1963 e famoso neurocirurxián, escribiu estas palabras:

Unha insidia perniciosa xorde da pretensión dalgúns científicos, incluso eminentes, de que a ciencia proporcionará pronto unha explicación completa de todos os fenómenos do mundo natural e de todas as nosas experiencias subxectivas: non só das percepcións e experiencias acerca da beleza, senón tamén dos nosos pensamentos, imaxinacións, soños, emocións e crenzas [...]. É importante recoñecer que, aínda que un científico poida formular esta pretensión, non actúa entón como científico, senón como un profeta enmascarado de científico. Iso é cientifismo, non ciencia, pero impresiona fortemente ao profano, convencido de que a ciencia subministra a verdade. Polo contrario, o científico non debe pretender que posúe un coñecemento certo de toda a verdade. O máis que podemos facer os científicos é aproximarnos máis de cerca a un entendemento verdadeiro dos fenómenos naturais mediante a eliminación de erros nas nosas hipóteses. É da maior importancia para os científicos que aparezan diante o público como o que realmente son: humildes buscadores da verdade.
J. C. Eccles, La psique humana, 1986.

Críticas do mal uso do termo e descrición do "cientifismo"

[editar | editar a fonte]

A principal crítica realizada en contra do uso do termo cientifismo é a utilización da palabra por parte dos partidarios das pseudociencias e a relixión como escudo non fronte ao cientifismo, senón fronte a aqueles argumentos científicos e desenvolvementos teóricos que lles resultan incómodos e contradín as súas crenzas e dogmas.[9] Desde unha perspectiva relixiosa tratouse de descualificar así os intentos de explicar como fenómenos naturais temas como a bioloxía evolutiva, fenómenos como a moralidade ou o impulso relixioso por autores como Dennett, Crick ou Wolpert.

  1. Ryder, Martin. "Scientism." Encyclopedia of Science Technology and Ethics. 3rd ed. Detroit: MacMillan Reference Books, 2005.
  2. "scientism." The Oxford Dictionary of Philosophy. n.d.
  3. Byrnes, Sholto. "'When it comes to facts, and explanations of facts, science is the only game in town'" New Statesman 10 Apr. 2006.
  4. Shermer, Michael. "The Shamans of Scientism." Scientific American June 2002.
  5. La nature et l'esprit, París 1926
  6. Bergson, Henri: La pensée et le mouvant, 3 ed. 1934, páx. 83
  7. Véxase Deseño intelixente e artigos conexos.
  8. Véxase a sección Limitacións da ciencia no artigo Ciencia.
  9. Byrnes, S. When it comes to facts, and explanations of facts, science is the only game in town. New Statesman, Apr. 10, 2006.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas críticas

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • G. SERMONTI, Il crepuscolo dello scientismo, Milán 1971.
  • É. GILSON, D'Aristote á Darwin et retour, Essai sur quelques constantes de la biophilosophie, París 1971.(Gilson, Étienne (1988). De Aristóteles a Darwin (y vuelta). Eunsa. ISBN 978-84-313-0226-9. )
  • É. GILSON, La unidad de la experiencia filosófica, 2 ed. Madrid 1966, cap. VIII-XI.
  • R. PANIKER, Ontonomía de la ciencia. Sobre el sentido de la ciencia y sus relaciones con la filosofía, Madrid 1961.
  • M. RIAZA, Ciencia moderna y filosofía, Madrid 1954.
  • C. J. ALONSO, La agonía del cientificismo, Pamplona, 1999 ISBN 978-84-313-1712-6
  • O. A. VARSAVSKY, "Ciencia, política y cientificismo", Buenos Aires, 1969