Catai
Catai ou Cataio[1] ás veces transcrito Katai, é un nome alternativo para China, orixinado da palabra quitai ou khitai [2] (契丹, Qìdān ), nome dun pobo nómade que fundou a dinastía Liao, que dominou a maior parte do norte da China desde 907 até 1125, e que tiña un estado propio (o Khanato de Kara-Khitai) centrado arredor do territorio correspondente ao actual Kirguizistán, durante un século máis.
Orixinalmente "Catai" ou "Cataio" era o nome empregado polos europeos e os asiáticos occidentais e centrais para o norte da China, é dicir, a propia China, onde comezou a civilización chinesa e a etnia Han. O termo estendeuse rapidamente en Europa despois da publicación do libro de Marco Polo que se refería ao sur da China como Manji.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]Unha forma do nome Cathai aparece nun documento uigur maniqueísta de arredor do ano 1000.[4] O nome rapidamente fíxose igualmente coñecido na Asia Central islámica ; cando, en 1026, a corte dos Ghasnevid (en Gasni, no actual Afganistán), foi visitada por enviados do gobernante Liao e foi descrito como un Qata Khan ( Qatā Ḫan ), é dicir, o gobernante de Qaha; Cata ou Quita (Qitā ) aparece tamén nos escritos de Al Biruni e Abu-said Gardezí nas décadas seguintes. O erudito e administrador persa Nizan Almulque (1018–1092) menciona a Quita e a China no seu Libro sobre a Administración do Estado, ao parecer como dous países distintos, [4] (presumibelmente referíndose aos imperios Liao e Songue, respectivamente).
A forma do nome no mundo islámico sobreviviu finalmente á substitución da dinastía Liao Quitai pola dinastía Jin, de orixe jurchem, a principios século XII. Ao describir a caída do Imperio Jin ante os mongois (1234), a historiografía persa describiu o país conquistado como Khitāy ou Djerdaj Khitāy (é dicir, "o Cathay jurchém").[4] Os propios mongois, na súa Historia Secreta (século XIII), falan tanto de Quitals como de Karakital.[4]
Cando os viaxeiros europeos e árabes comezaron a chegar ao Imperio Mongol, describiron o norte da China controlado polos mongois como "Catai" (tamén "Cathay" e varias outras variantes). O nome apareceu nos escritos de Xoán de Plano Carpini (c. 1180 - 1252) (como Kitaia ), Guillerme de Rubruck (c. 1220 - c. 1293) (como Cataya ou Cathaia ).[5] Rashidadim de Hamadan, Ibn Batuta e Marco Polo referíanse ao norte da China como Cathay, mentres que a parte sur do territorio chamábase Mangi, Manzi, Chin ou Sin.[5]
Nalgunhas linguas, especialmente o ruso, Cathay (Китай, Kitai ) aínda é o nome moderno de China.
Progresión etimolóxica
[editar | editar a fonte]Esta é a progresión etimolóxica que sufriu o termo ao ser usado en territorios occidentais:
- Mongol / Mongol clásico : Khyatad (Хятад) / Kitad
- Uigur (China Occidental): خىتاي, Xitay
- Kazako : قىتاي, Қытай, Qıtay
- Tártaro de Kazán ( Rusia Central): Qıtay
- Ruso : Kitay (Китай)
- Búlgaro : Kitay (Китай)
- Latín medieval : Cataya, Kitai
- Castelán : Catay
- Italiano : Catai
- Portugués : Cataio
- Inglés, alemán, holandés, idiomas escandinavos : Cathay
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Catai |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Wittfogel, Karl A. e Chia-Sheng, Feng. History of Chinese Society: Liao (907-1125). en Transactions of the American Philosophical Society (vol. 36, Part 1, 1946). Dispoñible en Google Books.