OU-536
OU-536 | |
---|---|
Estrada OU-536 ao seu paso por Castro Caldelas | |
Identificador | |
Tipoloxía | Estrada da Rede Primaria Básica |
Rede | Rede de estradas de Galicia |
Titular da vía | |
Dimensións | |
Lonxitude | 70,22 km |
Formato | 1 carril por sentido |
Localización | |
Inicio | Ourense (leste) |
Fin | OU-636 A Pobra de Trives |
A OU-536[1][2] (na provincia de Ourense), é unha estrada da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia que une as localidades de Ourense e A Pobra de Trives; atravesa os concellos de Ourense, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Maceda, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, A Teixeira, Castro Caldelas, San Xoán de Río e A Pobra de Trives. Ten unha lonxitude de 70,22 quilómetros e iníciase no leste de Ourense e finaliza nun cruzamento coa OU-636 na Pobra de Trives.
Percorrido e características
[editar | editar a fonte]O seu inicio está no campus universitario de Ourense e o cabo nas piscinas municipais da Pobra de Trives.
A Xunta de Galicia iniciou unha redenominación das súas estradas en 2003 seguindo a política de racionalización da nomenclatura dos viarios iniciada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Esta nomenclatura nas estradas nacionais non fora alterada desde 1941, e nas autovías e autoestradas desde 1967.
Historia
[editar | editar a fonte]A OU-536 foi trazada na década de 1850 (Real Orde de 12 de decembro de 1852 que ordena a súa construción), para o que se realizaron numerosas pontes e pasos superiores de arco en cantaría (moi comúns na época), e aproveitando antigas pontes romanas da Vía Nova, como a ponte do Bibei (A Pobra de Trives) e a ponte da Cigarrosa (Petín). Nun principio, a infraestrutura chamábase "estrada de Segunda Orde Ponferrada-Ourense" (como de primeira orde aparece en diversos planos da Xefatura Provincial de Estradas de Ourense, sendo admitida nesta última categoría), e posteriormente, a partir de 1941, foi N-120 (Logroño-Vigo, treito Ponferrada-Ourense). Era o acceso centro a Galicia oficialmente ata a década de 1970 (pois o Plan de Accesos a Galicia de 1970 decidira a construción dun novo acceso central que non contemplaba o trazado entre A Rúa e Ourense pola Pobra de Trives), e vía de comunicación principal entre A Rúa e Ourense ata o ano 1987, cando mudou a nomenclatura, deixando de se-la N-120.
En 1987 foi integrada na Rede de Estradas Autonómicas de Galicia, coa nova denominación de C-536, e pasou a ser a ruta da actual OU-536 unha ruta secundaria e deficitaria con respecto á nova N-120, que discorre a partir de entón polas localidades do sur lugués de Monforte de Lemos e Quiroga.
Obras de acondicionamento
[editar | editar a fonte]En 1965 e en 1966 foron estabilizados algúns terrapléns e desprazada a traza do viario debido a afundimento de muros antigos nos concellos de Castro Caldelas e A Pobra de Trives (p.q.m. 82, zona coñecida como 'curva do espello' sentido Trives); así como ampliada a calzada en numerosos puntos (significativa é a actuación no treito Trives-Larouco). Tamén se procedeu ao pintado de marcas viarias. A OU-536 (N-120) non foi contemplada polo Plan REDIA de 1967, e non se produciu un acondicionamento do trazado en alzado e en planta ata mediada a década dos oitenta, no treito que discorre desde Castro Caldelas ata Esgos como N-120 aínda (daquela estábase construíndo a actual N-120 entre Toral de los Vados e O Barco, e o treito entre A Rúa e Monforte de Lemos estaba operativo como C-533).
No ano 1994 a OU-536 ampliábase a 3 carrís (con inclusión de carril bici, posteriormente suprimido) e acondicionábase xeometricamente ata unha velocidade de proxecto de 80 km/h no treito que discorre desde Ourense ata A Derrasa. En 1996 finalizaban as obras de acondicionamento xeométrico do treito Castro Caldelas-Alto de Cerdeira (realizadas por OTECA S.A.); e en 1997 finalizaban as obras do acondicionamento xeométrico do treito Alto de Cerdeira-A Pobra de Trives, executadas por Arias Hermanos S.A.
É unha estrada que ultimamente tivo melloras de seguridade viaria e sinalización vertical ata a vila de Xunqueira de Espadanedo desde Ourense. O seu trazado é aínda moi sinuoso en numerosos treitos, como o que discorre desde Xunqueira de Espadanedo ata As Casetas do Rodicio (Maceda).
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "CATÁLOGO DE ESTRADAS DA REDE AUTONÓMICA DE ESTRADAS DE GALICIA (RAEGA) -XUÑO 2021-" (PDF). Consultado o xuño de 2021.
- ↑ "Listado RAEGA" (PDF). Consultado o xuño de 2023.