Boril de Bulgaria
Biografía | |
---|---|
Nacemento | valor descoñecido |
Morte | Despois de 1217 |
15º Tsar de Bulgaria | |
1207 – 1218 ← Kaloyan da Bulgária (pt) – João Asen II da Bulgária (pt) → | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Familia | Dinastia Asen (pt) |
Cónxuxe | Anna (Anisia) |
Pais | Henrith I (?) e Maria (?) |
Irmáns | Strez |
Parentes | Kaloyan da Bulgária, maternal uncle |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Boril (en búlgaro: Борил) reinou como emperador de Bulgaria desde 1207 até 1218. Era o fillo dunha irmá de nome descoñecido do seu predecesor Kaloyan.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ascenso ao trono
[editar | editar a fonte]Non está claro se Boril participou no asasinato de Kaloyan diante dos muros de Tesalónica en 1207, pero os herdeiros do falecido, os seus curmáns Iván Asen e Alexandre, fuxiron do país coa ascensión de Boril ao trono, primeiro a refuxiarse cos cumanos e máis tarde en Galitzia[1]. Boril casou coa viúva de Kaloyan, unha princesa cumana cuxo nome se descoñece pois non se rexistra nos documentos, a menos que fose a Ana (a monxa Anisija) mencionada no Sínodo da Igrexa búlgara.
Continuas rebelións e inestabilidade
[editar | editar a fonte]O intento de Boril de proseguir coa política exterior de Kaloyan resultou errado. Desde o comezo do seu reinado, os membros da súa familia opuxéronselle. O seu irmán Strez, asistido polo gran zupan serbio Stefan Nemanjić, apoderouse da fortaleza de Prosek, desde a cal acometeu campañas en Macedonia. O primo e aristócrata de Boril, Aleixo Slav declarouse independente, e estableceuse na rexión de Pirin, coa cidade de Melnik como capital. Para empeorar a situación, o emperador latino Henrique de Flandres derrotou a Boril en Plovdiv en 1208, a pesar da vitoria obtida na anterior batalla de Boruy[2]. Así, o norte de Tracia e as fortalezas en Ródope caeron en mans latinas[3].
Xa sexa como consecuencia dun conflito militar ou como resultado directo das negociacións de paz, en 1209 a corte outorgoulle a Strez o título de sebastocrátor (un grao inferior ao de déspota), o que fixo del un aliado de Boril até a súa morte en 1214[4]. Mentres tanto, Boril atopou resistencia interna na nova rebelión de catro nobres cumanos acaecida en Vidin en 1211 (ou 1213 segundo algunhas fontes)[5]. Boril non podía enfrontarse a ela pola súa conta e non podía esperar axuda dos serbios ou dos latinos, nin das faccións divididas dos boiardos[6]. A única alternativa para Boril foi solicitar axuda a Hungría. Un exército mandado polo conde Xoaquín de Sibiu esmagou aos rebeldes e apoderouse de Vidin[2]. Boril tivo que ceder a zona de Belgrado ao Reino de Hungría como prezo polo apoio húngaro.
Política relixiosa e alianzas matrimoniais
[editar | editar a fonte]En 1211 Boril convocou un sínodo da Igrexa na capital, Tarnovo, que conmemorou o celebrado en 1111 polo emperador Aleixo I Comneno, e do mesmo xeito, condenou aos bogomilos. Case ao mesmo tempo, Boril preparou o matrimonio da súa fillastra (filla de Kaloyan) Marija (o nome é dubidoso) con Henrique de Flandres, e enviou a Constantinopla á noiva con numerosos agasallos. Pouco despois, Boril pode haberse casado cunha filla de André II de Hungría, pero hai poucas probas desta unión. Proxectouse outro matrimonio en 1214 entre a filla de Boril e o fillo de André II, o futuro Béla IV de Hungría, pero nunca se levou a cabo.
Derrota e falecemento
[editar | editar a fonte]A alianza co Imperio Latino, o Reino de Hungría e o Despotado de Epiro arrastraron a Boril a unha guerra contra Serbia, na que pouco puido facer, especialmente despois do asasinato do seu irmán Strez en 1215. Coa morte de Henrique en 1216 e a partida de André II á Quinta Cruzada, Boril perdeu os seus principais aliados. En 1217 ou 1218 Iván Asen, o seu primo, regresou do exilio e derrotou a Boril, quen se encerrou en Tarnovo. Despois dun cerco duns sete meses (en lugar do «sete anos» das fontes bizantinas), Boril fuxiu da capital, que se entregou a Iván Asen. Boril foi capturado durante a súa fuga, cegado e relegado a un mosteiro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Curta 2006, p. 384.
- ↑ 2,0 2,1 Curta 2006, p. 385.
- ↑ Vásáry 2005, p. 58.
- ↑ Van Antwerp Fine 1987, p. 97.
- ↑ Van Antwerp Fine 1987, pp. 99-100.
- ↑ Vásáry 2005, p. 385.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Van Antwerp Fine, John (1987). The Late Medieval Balkans: A Critical Survey from the Late Twelfth Century to the Ottoman conquest. University of Michigan Press. ISBN 0472082604.
- Curta, Florin (2006). Southeastern Europe in the Middle Ages, 500-1250. Cambridge University Press. ISBN 0521815398.
- Vásáry, István (2005). Cumans and Tatars: Oriental Military in the Pre-Ottoman Balkans, 1185-1365. Cambridge University Press. ISBN 0521837561.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Lista detallada dos líderes búlgaros (en inglés)
- Wikimedia Commons alberga unha categoría multimedia sobre Boril de Bulgaria.