Basmala
A basmala (en árabe, بسملة) é unha fórmula ritual islámica coa que se inician as suras ou capítulos do Corán e que os musulmáns tamén utilizan para iniciar distintos tipos de documentos ou accións, así como motivo ornamental.
A basmala di: بسم الله الرحمن الرحيم bismi-llāhi r-raḥmāni r-raḥīm, que se pode traducir como "No nome de Alá, o Clemente, o Misericordioso".[1] Como todos os contidos do Corán, pronúnciase sempre en árabe, lingua litúrxica do islam. A verba basmala está formada polas catro primeiras consoantes da expresión máis a letra chamada ta marbuta como terminación de xénero feminino. Outra forma de abreviación sería bismillah, simplemente "no nome de Alá".
A basmala encabeza 113 das 114 suras do Corán, aínda que non é considerada como aleya ou versículo salvo no caso da Fatiha, a primeira sura; e a sura da "Formiga" (aleya trinta). Está ausente na sura 9,[1] probablemente porque esta formaba en orixe un todo coa 8 ou porque a azora 9 constitúe unha azora cargada de advertencias. Encabeza ademais en moitos lugares os textos oficiais, as cartas, escríbese na parte superior dos encerados nos centros de ensinanza e incluso pode encontrarse na primeira plana de xornais. Moitos musulmáns pronúnciana ao iniciar diversas accións, completa ou de forma abreviada: bismi llāh, "no nome de Deus".
É tamén a frase máis utilizada na caligrafía árabe ornamental: a maior parte das figuras e composicións realizadas polos calígrafos conteñen a basmala. Estas composicións caligráficas colgan con frecuencia das paredes dos fogares musulmáns ou dos comercios e centros de traballo, nun uso análogo ao que se fai nos países católicos do crucifixo ou outras imaxes.
En numeroloxía, a suma dos valores numéricos asignados ás letras que compoñen a basmala dá como resultado a cifra 786. Por esta razón, nalgúns lugares e especialmente na India e Paquistán, este número substitúe ás veces á basmala. Esta é non obstante unha práctica non recoñecida pola maioría dos musulmáns.
Os árabes utilizan tamén en ocasións a palabra basmala para referirse á fórmula "no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo" (en árabe, باسم الآب والابن والروح القدس bismi l-āb, wa-l-ibn, wa-r-rūḥ al-quds).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Algumas Provas Científicas das Revelações Alcoránicas!". Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2008. Consultado o 28 de marzo de 2009.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Basmala |