Saltar ao contido

Bandeira do Brasil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira do Brasil
Bandeira do Brasil
Características
Uso
Proporción7:10
Adopción19 de novembro de 1889
Cores     Verde

     Amarelo      Azul

     Branco

A bandeira do Brasil (coñecida co sobrenome de Auriverde) está formada por un rectángulo verde de proporción 7:10. Sobre este rectángulo, aparece un rombo amarelo, e dentro deste, un círculo azul cunha banda branca contén o lema "Ordem e Progresso" en cor verde, así como 27 estrelas de cor branca.

Dominación colonial

[editar | editar a fonte]

Durante a dominación colonial do Brasil por parte de Portugal utilizáronse diversas bandeiras baseadas nos emblemas da monarquía lusitana. As primeiras bandeiras usadas polos navegantes e exploradores incluían a cruz da Orde de Cristo xunto ao Escudo Real.

En 1645 foi creada a primeira bandeira propiamente brasileira ao crearse o Principado do Brasil. Constaba dunha esfera armilar dourada sobre un campo branco. Esta bandeira foi utilizada ata a fundación do Reino do Brasil como parte do Reino Unido de Portugal, Brasil e Algarve. En 1816, a bandeira do Reino do Brasil constaba da esfera armilar centrada sobre un campo azul.

Independencia

[editar | editar a fonte]

O 7 de setembro de 1822, o Reino do Brasil declarouse independente de Portugal e posteriormente asumiu o título de Imperio do Brasil, título oficial que ostentou o país ata 1888.

A bandeira, base do actual pavillón patrio, constaba dun campo verde que representaba a casa de Braganza do emperador Pedro I cun rombo amarelo que identificaba aos Habsburgo, familia da emperatriz María Leopoldina. Sobre este situábase o Escudo Imperial.

República

[editar | editar a fonte]

A bandeira actual está baseada na antiga bandeira do Imperio do Brasil creada por Jean-Baptiste Debret en 1820. Os cambios foron ideados por un grupo de membros da Igrexa Positivista, composto por Raimundo Teixeira Mendes, Miguel Lemos e Manuel Pereira Reis. O deseño do disco azul foi executado polo pintor Décio Vilares. A bandeira foi adoptada oficialmente polo Decreto 4, o 19 de novembro de 1889 redactado por Benjamin Constant, membro do Goberno Provisional.

Desde a proclamación da República o 15 de novembro ao 19 do mesmo mes usouse outra bandeira que imitaba a dos Estados Unidos de América. As bandeiras actuais dalgúns dos estados do Brasil, como Goiás, Piauí, ou Sergipe, inspíranse neste deseño. O deseño actual, que inclúe un total de 27 estrelas, foi aprobado oficialmente a través do Decreto nº 8.241 promulgado o 12 de maio de 1992.

Bandeira da República Brasileira (15 ao 19 de novembro de 1889)

Simboloxía

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Ordem e Progresso.

A bandeira actual do Brasil remóntase á bandeira do Imperio do Brasil, deseñada en 1822. Os símbolos do devandito emblema representan as familias reais de Braganza e Habsburgo, ás que pertencía o primeiro casal imperial.O disco azul da bandeira actual representa o ceo de Río de Xaneiro a mañá do 15 de novembro de 1889 (data da proclamación da República do Brasil). Móstrase coma se fose visto desde fóra da esfera celeste. Cada unha das 27 estrelas representa os distintos estados e o Distrito Federal. O número de estrelas foi variando ao longo da historia a medida que eran creados novos estados, crecendo desde as 21 orixinais ás 27 actuais.

A estrela que representa o Distrito Federal é Sigma Octantis, cuxa posición a fai visible en todo o país, ao longo de todo o ano. Ademais, debido á súa situación, o resto de estrelas representadas na bandeira parecen rotar ao redor de sigma Octantis. A estrela de Pará está por encima das demais, xa que é un estado que está ao norte da Liña do Ecuador. O lema "Ordem e Progresso" está inspirado no lema do positivismo de Auguste Comte: "L'amour pour principe et l'ordre pour base; lle progrès pour but" ("O amor por principio, a orde por base, o progreso por fin" en francés).

As estrelas

[editar | editar a fonte]
As estrelas da bandeira do Brasil

As constelacións e estrelas representadas na bandeira son:

  1. Procyon (estrela de Canis Minor),
  2. Canis Major (cuxa estrela máis grande é Sirio)
  3. Canopus (estrela máis brillante de Carina)
  4. Spica (estrela máis brillante de Virgo)
  5. Hydra (cuxa estrela máis brillante é Alfard)
  6. Crux (ou Cruz do Sur)
  7. Sigma Octantis (estrela máis próxima ao do polo sur, constelación Octans)
  8. Triangulum Australe
  9. Scorpius (ou Escorpio; cuxa estrela máis grande é Antares).

As estrelas que representan os Estados do Brasil (excepto Sigma Octantis que representa o Distrito Federal) son:

Estado Estrela Constelación Tamaño
Amazonas Alpha Canis Minoris (Procyon) Canis Minor (Can Menor) 1
Mato Grosso Alpha Canis Majoris (Sirius) Canis Major (Can Maior) 1
Amapá Beta Canis Majoris (Mirzam) Canis Major (Can Maior) 3
Rondônia Gamma Canis Majoris (Muliphen) Canis Major (Can Maior)  
Roraima Delta Canis Majoris (Wezen) Canis Major (Can Maior) 2
Tocantins Epsilon Canis Majoris (Adhara) Canis Major (Can Maior) 2
Pará Alpha Virginis (Spica) Virgo 1
Piauí Alpha Scorpii (Antares) Scorpius (Escorpio) 1
Maranhão Beta Scorpii (Graffias) Scorpius (Escorpio) 3
Ceará Epsilon Scorpii Scorpius (Escorpio) 2
Alagoas Theta Scorpii (Sargas) Scorpius (Escorpio) 2
Sergipe Iota Scorpii Scorpius (Escorpio) 3
Paraíba Kappa Scorpii Scorpius (Escorpio) 3
Rio Grande do Norte Lambda Scorpii (Shaula) Scorpius (Escorpio) 2
Pernambuco Mu Scorpii Scorpius (Escorpio) 3
Mato Grosso do Sul Alpha Hydrae (Alphard) Hydra (Hidra Macho) 2
Acre Gamma Hydrae Hydra (Hidra Macho) 3
San Paulo Alpha Crucis (Acrux) Crux (Cruz do Sur) 1
Río de Xaneiro Beta Crucis (Becrux) Crux (Cruz do Sur) 2
Baía Gamma Crucis (Gacrux) Crux (Cruz do Sur) 2
Minas Gerais Delta Crucis Crux (Cruz do Sur) 3
Espírito Santo Epsilon Crucis Crux (Cruz do Sur) 4
Rio Grande do Sul Alpha Trianguli Australe Triangulum Australe (Triángulo) 2
Santa Catarina Beta Trianguli Australe Triangulum Australe (Triángulo) 3
Paraná Gamma Trianguli Australe Triangulum Australe (Triángulo) 3
Goiás Alpha Carinae (Canopus) Carina (Quilla)  
Distrito Federal Sigma Octantis Octans 5

As cores da bandeira non están actualmente especificadas en ningún documento legal. As seguintes son as cores aproximadas:[1]

Verde Amarelo Azul Branco
RGB 0/168/89 255/204/41 62/64/149 255/255/255
Hex 00A859 FFCC29 3E4095 FFFFFF
CMYK 100/0/100/0 0/20/100/0 100/100/0/0 0/0/0/0

Outras bandeiras

[editar | editar a fonte]

Bandeiras gobernamentais

[editar | editar a fonte]

Bandeiras históricas

[editar | editar a fonte]

Bandeiras rexeitadas

[editar | editar a fonte]

Ao longo da historia foron propostas distintas bandeiras para o Brasil, as cales nunca foron adoptadas.[2] Os proxectos proxectos están inspirados polas cores verde e amarela da bandeira imperial, ou pola contra coa combinación do branco, o vermello e o negro, cores que representan os principais grupos da poboación brasileira, o vermello aos nativos, o branco aos colonos europeos e o negro aos africanos.

Bandeiras dos Estados do Brasil

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Estados do Brasil.
  1. "Bandeira Nacional". www.gov.br (en portugués). Consultado o 2020-01-13. 
  2. Projetos de mudança da Bandeira Nacional Brasileira Arquivado 27 de xuño de 2013 en Wayback Machine. BrasilRepública. Consultado o 8 de outubro de 2010. (en portugués).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]