Saltar ao contido

Auxías

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Auxías na súas cortes (Honoré Daumier, 1842)

Auxías, na mitoloxía grega, foi un rei da Élide, no Peloponeso, fillo de Helios (o Sol) ou de Poseidón. Helios deixoulle grandes rabaños de vacas [1], que estaban protexidas polos deuses, pois eran fértiles, nunca malparían e nunca enfermaban. Formaban parte deste gando os doce touros prateados que estaban consagrados a Helios e que aseguraban a integridade do rabaño defendéndoo das feras salvaxes que intentaran atacalo. Este gando enchía unha corte inmensa, que Auxías nunca se preocupou de limpar e o esterco amoreábase sen que ninguén o retirara, privando ademais de mulime para estercar as terras e provocando a esterilidade do país; isto sen contar co cheiro que se esparexía por todo o Peloponeso.

Heracles, para ser purificado tralo asasinato dos seus fillos, acto cometido ó volverse louco por culpa de Hera, inimiga de Heracles por celos [2], tivo que acometer doce traballos que lle encomendara o seu primo Euristeo. O sexto destes traballos foi limpar as cortes do rei Auxías, cuxo esterco nunca fora limpado [3].

Ademais da dificultade física de retirar semellante cantidade de esterco, Heracles debía facer este traballo nun só día, o que o convertía en tarefa imposible. Deste xeito, Euristeo non só pretendía facer que Heracles fracasara no intento, senón que fracasara dunha forma humillante, nun traballo propio de servos.

Heracles acordara con Auxías un pago por este servizo, sen advertirlle que era por orde de Euristeo. Segundo uns, se o facía nun só día daríalle parte do seu reino; segundo outros, daríalle o décimo do seu gando [4]. Unha vez pactado o prezo, diante do fillo, Fileo, Heracles abriu unha canle no chan das cortes [5] e desviou o curso de dous ríos inmediatos, o Alfeo e o Peneo, facendo pasar a arroiada polo centro, de xeito que a auga arrastrou sen problemas todo o esterco.

Auxías negouse a pagar o acordado porque, dixo, o traballo fixérano todo os deuses do río; ou, segundo Pseudo-Apolodoro, porque se decatou de que llelo mandara Euristeo. Incluso negouse a recoñecer que se comprometera a nada con el. O asunto chegou ante os xuíces, e Heracles chamou como testemuña a Fileo, quen acreditou que si aceptara pagar polo traballo, en contra do que agora dicía o pai. Pero antes de que se ditara sentenza, Auxías expulsou do reino ó fillo e a Heracles.

Heracles, ante Atenea, desviando o curso dos ríos para limpar a corte do rei Auxías (Templo de Zeus en Olimpia)

Heracles tivo que marchar (aínda que posteriormente organizaría unha expedición de castigo contra Auxías) e chegou onda o seu amigo Dexámeno, rei da cidade de Óleno. Este estaba a piques de entregar, pola forza, á súa filla Mnesímaca ó centauro Euritión, e pediulle axuda a Heracles, que matou o centauro cando este ía buscar a noiva [6].

Euristeo tampouco aceptou a validez deste traballo por considerar que ó percibir un salario (ou, cando menos, pedilo) fixérao non estando ó seu servizo. Hixino engade que o axudou Zeus: "Limpiou de esterco a corte do rei Auxías nun só día, a maior parte coa axuda de Xúpiter [7].

Iconografía

[editar | editar a fonte]

Este episodio tampouco aparece representado salvo nos ciclos que recollen os distintos traballos, e apenas aparece na Idade Moderna. Sempre se reflicte o momento no que Heracles cava na aba do monte para desviar o curso dos ríos. Zurbarán pintouno en 1634 na serie de dez cadros que fixo para o Palacio del Buen Retiro (Madrid), hoxe no Museo do Prado: Hércules desvía o curso do río Alfeo (ficha no Museo do Prado).

  1. "O home máis rico da terra en rabaños (Graves, 520).
  2. Heracles era fillo de Zeus, e Hera, a esposa do mesmo deus, perseguía ás súas amantes e ós fillos bastardos que tivera.
  3. Para Pseudo-Apolodoro, tratouse do quinto traballo.
  4. Pseudo-Apolodoro II, 5, 5.
  5. Segundo Graves, coa axuda do seu sobriño Iolao.
  6. Segundo Hixino (Hixino, 31, 11), a filla de Dexámeno era Deianira, coa que finalmente casaría Heracles, pero máis adiante descríbea como filla de Eneo (Hixino, 36, 1), tal como fan as outras fontes.
  7. Hixino: Fábulas mitológicas, 30.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 369.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 519-522.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 30.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, II, 5, 5 [a numeración segue a utilizada neste texto].