Antonio Aranda Mata
Nome orixinal | (es) Antonio Aranda |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 13 de novembro de 1888 Leganés, España |
Morte | 8 de febreiro de 1979 (90 anos) Madrid, España |
Capitán Xeneral da III Rexión Militar | |
1 de abril de 1939 – 7 de abril de 1940 – Enrique Cánovas Lacruz (en) → | |
Presidente Real Sociedade Xeográfica | |
8 de xaneiro de 1939 – 8 de febreiro de 1943 ← Luis Rodríguez de Viguri Seoane – Pedro Novo F. Chicarro → | |
Comandante en xefe Corpo de Exército de Galicia | |
24 de outubro de 1937 – 1 de abril de 1939 | |
Capitán Xeneral da VIII Rexión Militar | |
5 de febreiro de 1937 – 10 de outubro de 1937 ← Guillermo Kirkpatrick (en) – Luis Lombarte Serrano (en) → | |
Actividade | |
Ocupación | soldado, militar, oficial, xeógrafo |
Membro de | |
Carreira militar | |
Lealdade | Restauración borbónica en España |
Rango militar | Tenente xeneral |
Conflito | guerra civil española Guerra do Rif Feitos do 6 de outubro |
Premios | |
Antonio Aranda Mata, nado en Leganés o 13 de novembro de 1888[1] e finado en Madrid o 8 de febreiro de 1979, foi un militar español que loitou na Guerra Civil española no bando rebelde, con grao de coronel en 1936 e xeneral en 1937. Destacou no a defensa de Oviedo durante o asedio ao que foi sometida a cidade polas milicias mineiras ao comezo da guerra civil e, posteriormente, cando estivo ao mando do Corpo de Exército de Galicia.
Durante o franquismo foi un coñecido conspirador contra o réxime.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Carreira militar
[editar | editar a fonte]Fillo dun cabo do Exército,[2] ingresou aos trece anos na Academia Militar de Toledo. Especializouse como xeógrafo e enxeñeiro.[3] Participou nas campañas marroquís como capitán de Estado Maior, sendo ascendido a comandante por méritos bélicos. De feito, foi o responsable de moitas das planificacións técnicas do desembarco de Alhucemas en 1925 o que lle valeu unha gran consideración profesional.[2] Daquela, estaba considerado como un dos máis brillantes oficiais do Estado Maior do Exército.[4]
II República
[editar | editar a fonte]Trala proclamación da II República, aínda que tiña fama no exército de masón e liberal[4] fora apartado do servizo activo no exército mais, en 1933, despois da vitoria electoral dos republicanos de Lerroux, cos que Aranda se identificaba, permitiulle retoma-la carreira militar.[2]
En 1934. participou na represión da Revolución asturiana e, a finais de ano, foi nomeado gobernador militar de Oviedo —e con el, de toda Asturias— en substitución do xeneral López-Ochoa.[2] Seguía nesta posición cando o 19 de xullo de 1936 apoiou a sublevación contra a II República, trazando un plan que lle permitiu enganar ás autoridades republicanas o que deu lugar ao Sitio de Oviedo. Malia contar con poucos recursos humanos (algo máis de 2.000 homes) para defender Oviedo si que contaba con abundantes recursos (Payne cita 200 metralladoras e dous millóns de cartuchos),[5] que xunto co seu bo facer na dirección da defensa levou ao mantemento da liña defensiva e a que, trala ruptura do cerco, fose nomeado xeneral de brigada por Franco.[6] Posteriormente, en novembro de 1937, recibiu a Cruz Laureada de San Fernando. A finais dese mesmo ano, foi posto á fronte do recentemente creado Corpo de Exército de Galicia,[7] unidade que mandou ata o final da Guerra civil española e coa que arrebatou á República tanto Valencia como Castelló de la Plana.[8]
Ditadura franquista
[editar | editar a fonte]Rematada a guerra, Aranda foi nomeado comandante da III Rexión Militar, con sede en Valencia.[9] Porén, dende moi cedo comezou a manter unha postura afastada cara a Franco e o seu réxime. Segundo o dito daquela, mantivo malas relacións cos falanxistas —Aranda non quixera contar coa axuda dos falanxistas durante o asedio de Oviedo—. Pola súa banda, dentro da Falanxe tampouco había boa opinión do "heroe de Oviedo" e desexaban que fose relevado do mando.[9]
O 25 de maio de 1939, embarcou en Vigo, con destino a Hamburgo, coincidindo co regreso da Lexión Cóndor á Alemaña nazi, para unha visita de instrución a Berlín e outros centros industriais e militares, xunto con outros mandos españois, regresando a Vigo o 23 de xuño. Ao remate da visita, fixo unhas declaracións no xornal portugués O Diario de Norte, nas que se mostrou partidario de manter boas relacións co Reino Unido, ao tempo que criticou o interese de Italia polas Illas Baleares.[10] As palabras de Aranda non gustaron ao réxime, e a axencia EFE declarou que foran mal interpretadas. A mediados de 1940, foi nomeado director da Escola Superior do Exército de Madrid, o que supoñía destituílo de calquera cargo que implicase o mando das tropas.
En 1943, Aranda foi detido acusado de conspirar contra Franco a favor dunha restauración monárquica, pero a súa condición de heroe na guerra permitiulle ser rapidamente liberado. Segundo documentos desclasificados polo Servizo Secreto británico, no momento en que fora capitán xeneral de Valencia recibira dous millóns de dólares en concepto de suborno do Reino Unido a través do banqueiro Joan March para influír en Franco co obxectivo de que España non participase na guerra da Segunda Guerra Mundial ao lado da Alemaña nazi e, no caso de que non o dese convencido para sublevarse contra o ditador.[8][11][12]
Posteriormente, en 1949, presidiu un comité de coordinación interna con socialistas e libertarios, que se interpretou como unha conspiración para pedir que Franco dimitise e dese paso a unha monarquía constitucional rexida por Xoán de Borbón, o que provocou o seu traslado á reserva como represalia.[13] A pesar diso, continuou a liderar a conspiración monárquica no interior de España durante os primeiros anos 50.
En 1976, trala morte de Franco, o rei Xoán Carlos I concedeu a Aranda o grao de tenente xeral honorífico.[14][13] Morreu en Madrid o 8 de febreiro de 1979[15] e está soterrado no cemiterio de Leganés.
Segundo o historiador Paul Preston:
"Aranda era o máis enérxico e vociferante dos conspiradores. Cando ocupaba o cargo de gobernador militar de Valencia acabou desgustado pola corrupción policial, a represión e as actividades descontroladas dos aguerridos da Falanxe no Ministerio do Interior. (... ) Era notoriamente indiscreto, e o xeneral Franco sabía que estaba en contacto cos británicos, xa que se lle atribuían sentimentos republicanos, e non ocultaba os seus contactos coa oposición de esquerdas antifranquista. Aínda que continuamente se referiu a un golpe de estado inminente, "a súa actividade principal era falar. Ao final, os británicos considerárono un veleta, pouco fiable e sen lóxica".[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rosales, 1978, p. 29
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Payne, 1968, p. 301
- ↑ Romero Salvadó, 2013, p. 52
- ↑ 4,0 4,1 Payne, 1968, p. 266.
- ↑ Payne (1968), p. 302
- ↑ Payne, 1968, p. 346
- ↑ Payne, 1968, p. 349
- ↑ 8,0 8,1 Montaner, Rafael (16 de novembro de 2008). "Churchill sobornó al general Aranda para que encabezara un golpe de Estado contra Franco". levante-emv.com (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2024.
- ↑ 9,0 9,1 Payne, 1968, p. 370
- ↑ Payne (1968), p. 371
- ↑ Palacios Bañuelos (2021)
- ↑ Oppenheimer, Walter (1 de xuño de 2013). "“General Varela (2 millones)”". elpais.com (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2024.
- ↑ 13,0 13,1 Redacción (23 de novembro de 1976). "El Rey asciende al general Aranda". elpais.com (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2024.
- ↑ Fernández, Tomás; Tamaro, Elena (2004). "Antonio Aranda Mata". biografiasyvidas.com (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2024.
- ↑ "EL DÍA 8 EL EXCELENTÍSIMO SEÑOR PRIMER ANIVERSARIO D. ANTONIO ARANDA MATA TENIENTE GENERAL". abc.es (en castelán). 18 de febreiro de 1979. Consultado o 12 de maio de 2024.
- ↑ Preston, Paul (20 de abril de 2008). "Franco y sus generales". elpais.com (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antonio Aranda Mata |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Palacios Bañuelos, Luis (coord.) (2021). Introducción a la historia de España (epub) (en castelán). Editorial Almuzara. ISBN 978-84-18709-18-0.
- Payne, Stanley G. (1968). Los militares y la política en la España contemporánea. Colección: España contemporánea (en castelán). París: Ruedo Ibérico.
- Romero Salvadó, Francisco J. (2013). Historical Dictionary of the Spanish Civil War (en inglés). The Scarecrow Press. ISBN 978-0-8108-5784-1.
- Rosales, Olga (1978). "El último africanista: Antonio Aranda Mata" (PDF). Tiempo de historia (en castelán) IV (43): 28–37. ISSN 0210-7333.