Amador Vidal
(2014) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de maio de 1972 (52 anos) Vimianzo, España |
Actividade | |
Ocupación | piloto de rally |
Deporte | rally |
Familia | |
Pai | Ricardo Vidal Rodríguez |
Amador Vidal Cernadas, nado en Pasarela (Calo, Vimianzo) o 22 de maio de 1972 é un piloto de rally e preparador de vehículos galego. Gañou dúas veces o Campionato de España de Rallys de Terra, en 2014 e 2015. É o xefe do equipo de competición AR Vidal, fundado nos anos 70 por seu pai, o expiloto e preparador Ricardo Vidal.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Comezou nos rallys a principios dos anos 90, por influencia de seu pai Ricardo Vidal, piloto e preparador de coches de Vimianzo e cofundador do equipo de competición AR Vidal. En 1990 disputou varias probas do Campionato de Galicia de Rally, dentro da Copa Mabor, categoría na que conseguiu algunha vitoria como a do 18º Rally da Coruña.[1]
Desafío Peugeot (1996-2004)
[editar | editar a fonte]Despois estivo uns anos sen competir ata que en 1996 disputou cun Peugeot 106 Rallye o Campionato de España de Rallys, dentro do Desafío Peugeot, do que rematou en quinto lugar.[2] Mellorou un posto no ano seguinte, quedando cuarto, e gañando ademais o Desafío Peugeot Júnior.[3] Continuou no Desafío Peugeot durante os seguintes anos, quedando 6º en 1998[4] e subcampión en 1999,[5] 2000,[6] 2001,[7] 2002[8] e 2003,[9] correndo dende o 2001 cun Peugeot 206 XS. Co mesmo vehículo e con seu curmán Francis Lema de copiloto (co que corría dende había uns anos), proclamouse finalmente campión do Desafío Peugeot en 2004.[10]
Campionato de España de Rallys de Terra (2005-2015)
[editar | editar a fonte]Ao ano seguinte pasou a competir no Campionato de España de Rallys de Terra, onde logrou no seu primeiro ano varios podios e a súa primeira vitoria absoluta, no Rally da Gudiña-Ourense. Rematou o campionato como gañador do grupo N e terceiro na clasificación absoluta.[11] Na seguinte tempada logrou a vitoria no Rally de Terra de Granada e quedou segundo no Rally de Guijuelo pero unha serie de abandonos fixeron que só puidera acabar o campionato na sétima posición final.[12] Durante os seguintes anos e ata 2011 seguiu competindo con asiduidade no nacional de terra, pero os numerosos problemas mecánicos e abandonos afastárono dos primeiros postos da xeral, a pesar de subir ao podio nalgúns dos rallys, como no Rally de Terra de Cabanas de 2008, onde foi o vencedor. En 2012 e 2013 só disputou tres carreiras sen conseguir chegar á meta en ningunha das tres.
Tras ese período de case inexistente actividade deportiva volveu á competición en 2014. A finais de marzo disputou o Rallysprint de Fafe en Portugal, xunto a pilotos como Sébastien Ogier, Ott Tänak ou Dani Sordo, pero non conseguiu acabar a proba. Uns días despois correu cun Volkswagen Polo N1 o 30º Rally de Noia, quedando en segunda posición, só por detrás de Iván Ares e superando a Ricardo Costa e Víctor Senra. A finais de abril competiu no Rally Concello de Curtis, segunda proba do Campionato de España de Terra, e logrou a vitoria con máis de dous minutos de vantaxe sobre Nil Solans. A vitoria animouno a disputar o resto do campionato, cousa que fixo co mesmo coche, quedando quinto na seguinte proba en Andalucía, vencendo no Bierzo e quedando sétimo en Cervera. Con estes resultados chegou como líder á última proba, o Rally de Terra de Riolobos, pero con só dous puntos de vantaxe sobre o segundo, Jorge del Cid, e cun total de sete pilotos con opcións de gañar o título.[13] Comezou o rally marcando o segundo tempo nos dous primeiros treitos, por detrás de del Cid, e foi o máis rápido nos dous seguintes, colocándose líder. Perdeu a posición de cabeza no quinto treito, pero no seguinte Jorge del Cid saíuse da estrada e perdeu unha roda, polo que tivo que abandonar. A partir de entón Amador Vidal baixou o ritmo para non arriscar e chegar á meta, facéndoo finalmente en segunda posición ao ser superado por Nil Solans no último treito. Con esta segunda posición proclamouse por primeira vez campión de España de Rallys de Terra.[14] Foi o segundo galego en lograr o título, 29 anos despois de que o fixera Guillermo Barreras, e o primeiro piloto en gañar cun Volkswagen, rompendo ademais a hexemonía de Mitsubishi, que gañara o campionato os 9 anos anteriores.[14]
En 2015 correu de novo o campionato nacional co mesmo vehículo, comezando no Rally Terras Altas de Lorca, onde só puido ser 16º, despois de que o seu coche se quedase parado no segundo treito.[15] A segunda cita do calendario foi o Rally de Terra Circuíto de Navarra, onde subiu ao podio en terceira posición, por detrás de Nani Roma e Alexander Villanueva.[16] En abril disputou a terceira proba, o Rally de Terra Concello de Curtis, onde quedou segundo, só por detrás de Karl Kruuda.[17] Con todo, o estoniano non disputaba o campionato polo que a máxima puntuación foi para Vidal. A continuación venceu nas tres seguintes probas, o Rally de Terra do Bierzo, o Rally de Terra de Cervera e o Rally de Terra Norte de Extremadura, proclamándose na última delas, en Plasencia, campión de España por segunda vez, de novo co seu curmán Francis como copiloto e a falta aínda dunha proba.[18]
Competicións esporádicas (2016-actualidade)
[editar | editar a fonte]Dende 2016 deixou de competir de xeito habitual para centrarse no seu traballo como preparador en AR Vidal.[19] Con todo, correu algún rally máis nos seguintes anos: en 2016 quedou cuarto no Rally do Bierzo; en 2017 subiu ao podio no Rally Terra da Auga, en terceira posición; en 2018 fixo a súa primeira incursión en neve, no Rally de Suecia, do Campionato do Mundo, a bordo dun Mitsubishi Lancer Evo X, tendo que abandonar por avaría;[20] e en 2019 correu cun Suzuki Swift Sport o 35º Rally de Noia, tamén con resultado de abandono.[21]
En 2020 correu cun Renault Clio N5 o 51º Rally de Ferrol, segunda proba do nacional de asfalto, pero retirouse tras o primeiro treito.[22]
Familia
[editar | editar a fonte]É fillo do tamén expiloto e preparador de vehículos Ricardo Vidal, irmán do tamén piloto Ricardo Vidal e curmán do copiloto Francis Lema, sendo este último o copiloto co que competiu case toda a súa carreira deportiva.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Arévalo, Fernando (19 de novembro de 1990). "Castrillón aún no se ve campeón gallego de rallies". La Voz de Galicia (en castelán). p. 44.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 1996" (PDF). RFEDA. Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Amador Vidal: “El Suzuki Swift R+ nos exige mucho pero es nuestro producto estrella”" (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 1998" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 1999" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2000" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2001" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2002" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2003" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2004" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2005" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2006" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "Tres pilotos de RMC optan al título absoluto en la última prueba del nacional de tierra" (en castelán). 13 de novembro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2020. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ 14,0 14,1 "Amador Vidal se corona Campeón de España de Tierra" (en castelán). 15 de novembro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2020. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "Nani Roma acaba segundo en el Rally Tierras Altas de Lorca" (en castelán). 1 de marzo de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "CERT: Rally de Navarra 2015. Nani Roma logra la victoria" (en castelán). 30 de marzo de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "El estonio Karl Kruuda no encuentra rival en Curtis" (en castelán). 26 de abril de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "Amador Vidal, campeón de España de Rallyes de Tierra" (en castelán). 4 de outubro de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "Amador Vidal atornilla su regreso al asfalto". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de abril de 2019. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "Prematuro abandono de Amador Vidal en el Rally de Suecia" (en castelán). 17 de febreiro de 2018. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "Víctor Senra gana un duro XXXV Rali de Noia" (en castelán). 6 de abril de 2019. Consultado o 4 de febreiro de 2020.
- ↑ "Comparativa Amador Vidal no Rally de Ferrol". www.atodomotor.com. Consultado o 22 de agosto de 2020.