Accio
Aparencia
Accio (en grego Aktios, en latín Actium) é un promontorio ao norte de Acarnania (Grecia), na embocadura do Sinus Ambracius (golfo de Arta), ao oeste de Anactorion, fronte ao cal libráronse dúas batallas:
- A primeira no ano -435, na que a frota de Corinto enviada contra Corcira (Corfú) foi completamente destruída. Ese episodio foi unha das causas da Guerra do Peloponeso.[1]
- A segunda, e máis famosa, o 2 de setembro de -31 (723 de Roma), foi unha batalla naval na que Octavio Augusto, cuxa frota estaba baixo o mando de Agripa, venceu á da coalición entre Marco Antonio e a raíña Cleopatra de Exipto. Esa batalla puxo fin á guerra civil de Roma e á República romana.
No promontorio había un templo dedicado a Apolo,[2] onde se facía un festival en honor do deus. Octavio Augusto contruíu na outra banda da costa a cidade chamada Nicópolis Actium (Nicópolis, do grego Niké, a Vitoria), e renovou o festival ou xogos alí instituídos (Ludi Actiaci), transferíndoos a Roma. Estes xogos, que constaban de exercicios ximnásticos, loitas a cabalo e concertos musicais, celebrábanse cada cinco anos.
A vitoria de Actium converteuse no punto de partida dunha época particular, denominada era actíaca (Actiaca Aera).
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Accio |