A Perfect Circle
Logo da banda | |
Orixe | Os Ánxeles, California, Estados Unidos |
Período | 1999 - 2004 2010 - presente |
Xénero(s) | rock alternativo |
Selo(s) discográfico(s) | Virgin Records |
Membros | Maynard James Keenan Billy Howerdel Matt McJunkins Jeff Friedl James Iha |
Antigos membros | Troy Van Leeuwen Danny Lohner Paz Lenchantin Tim Alexander James Iha Jeordie White Josh Freese |
Na rede | |
http://www.aperfectcircle.com/ | |
A Perfect Circle (a miúdo tamén escrito como APC) é un supergrupo de rock formado nos Ánxeles (California) durante o ano 1999 polo guitarrista Billy Howerdel e o vocalista de Tool Maynard James Keenan. A súa primeira formación tamén incluía a Paz Lenchantin no baixo, a Troy Van Leeuwen na guitarra e a Tim Alexander á batería. A banda entrou nun período de hiato no ano 2004 cando contaba con James Iha (guitarra), Jeordie White (baixo) e Josh Freese (batería) nas súas filas ademais dos dous fundadores do grupo.
A Perfect Circle ten publicados tres álbums: Mer de Noms, Thirteenth Step e eMOTIVe. Tamén editou o CD-DVD aMOTION, que contén 13 vídeos musicais e remesturas de temas creados por Danny Lohner, Robert Del Naja e outros artistas.
Dende o parón do grupo en 2004 os seus membros veñen participando doutros proxectos. Os máis destacables foron o traballo de Keenan no álbum de Tool 10,000 Days, lanzado en 2006, e o de Howerdel fundando o grupo Ashes Divide.
Nunha entrevista a finais do 2008 Keenan anunciou que Howerdel máis el estaban traballando en novo material[1]. Porén, a banda non volvería realmente á actividade ata setembro do ano 2010, cando se anunciou unha xira e a edición de novas composicións, aínda que dende entón o grupo non lanzase ningunha gravación de estudio.
O 19 de novembro de 2013 a banda publicou un álbum de grandes éxitos titulado Three Sixty, que conterá unha nova canción, "By and Down", e o 23 dese mes editarou un box set chamado A Perfect Circle Live: Featuring Stone and Echo.[2] Mentres o grupo continua traballando en material novo dende o seu regreso, hai poucos detalles sobre o seu calandario ou formas de edición.
Biografía
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]A Perfect Circle tomou forma a finais da década dos 90 cando Billy Howerdel, músico de estudio e técnico de guitarras (que traballara con Tool, The Smashing Pumpkins, Nine Inch Nails e Fishbone), gravou demos de cancións incompletas co fin de reunir a persoas interesadas no seu traballo para completalo.
El atopou á baixista/violinista Paz Lenchantin, que facía música para películas e series de ciencia ficción (X-Files, por exemplo), e que xa tocara nalgunhas bandas, entre elas The Martinis, banda do ex-Pixies Joey Santiago.
Máis tarde, Maynard James Keenan, vocalista de Tool, amosouse moi interesado polo traballo de Howerdel, ao que coñecera durante as sesións de gravación do Aenima de Tool. Pero Howerdel abstívose nun principio, xa que Maynard estaba comprometido coa súa banda e Billy dicía que quería unha vocalista feminina para as súas composicións. El realmente non quería que a súa banda soase como Tool. Pero como Tool estaba parado debido a un problema contractual coa súa discográfica, Maynard xuntouse a Howerdel e Paz.
Danny Lohner, baixista de Nine Inch Nails, uniríase ao grupo como guitarrista, e a partir dese intre comezarían a xuntar as pezas do traballo de Howerdel. Pero Lohner non tiña tempo para ser un membro activo no grupo, e cedeu o seu posto a Troy Van Leeuwen, guitarrista de Failure. Tim Alexander (ex-Primus) colaborou como batería nos ensaios, pero só cando Josh Freese (ex-Vandals, Devo e Guns 'n' Roses) non podía estar presente. O grupo asumiu o nome de A Perfect Circle, tocando sets de 7 ou 5 cancións nalgúns concertos benéficos.
Mer de Noms
[editar | editar a fonte]Coa formación estabilizada, A Perfect Circle comezou o proceso de gravación de Mer de Noms, lanzado en 2000 pola Virgin Records. Durante a gravación e despois do lanzamento oficial do álbum, a banda tocou de abreconcertos en varios concertos de Nine Inch Nails.
Con Mer de Noms lanzado, a banda foi conseguindo notoriedade, mesmo coas acusacións de satanismo/ateísmo das súas letras, a súa populariedade medraba en cada presentación, tocando en programas de TV coma o Tonight Show de Jay Leno, o Late Show de David Letterman e o programa de Craig Killborn. A banda non se pronunciaba directamente sobre se tiña unha ideoloxía satanista nas súas letras, e cando foi preguntado sobre o tema "Judith", Maynard só diría: "É unha canción sobre fe cega. Non é exactamente para o deus cristián, e si para calquera tipo de deus."
Rematadas as datas axendadas, A Perfect Circle atópase parado e os seus membros parten para outros proxectos: Maynard volta a Tool para gravar Lateralus; Billy Howerdel fai algunhas presentacións como convidado e produtor/técnico de son de Abandoned Pools, mentres grava algún material só; Troy Van Leeuwen monta The Enemy (onde é o compositor principal), e vai de xira con Queens of the Stone Age como músico de apoio; Josh Freese lanza o seu disco titulado The Notorious One Man Orgy, onde gravou a maioría dos instrumentos; e Paz Lenchantin lanza de maneira independente Yellow my Sky Captain, un recompilatorio de cancións que compuxera dende a adolescencia, e participa en proxectos como a banda do seu irmán (Big Milk), Camerata Tango, Firecrasher (con Melissa auf Der Maur), e ao final, na nova banda de Billy Corgan: Zwan.
Despois dun longo período ocioso, A Perfect Circle decide volver ao estudio en 2003 para rematar as cancións que comezara Billy Howerdel. Pero a banda deixaría de contar con Paz Lenchantin, que ingresara en Zwan sen dar máis explicacións aos antigos compañeiros de banda. Billy e Maynard recrutan entón a Jeordie White, máis coñecido como Twiggy Ramirez (baixista e compositor de Marilyn Manson). En medio desta confusión, Troy Van Leeuwen tampouco pode contribuír efectivamente con A Perfect Circle, sendo ocasionalmente substituído polo seu antecesor, Danny Lohner.
Thirteenth Step e eMOTIVe
[editar | editar a fonte]O segundo e esperadísimo disco de A Perfect Circle, que recibiu o título de Thirteenth Step, apareceu na metade de 2003. Despois do lanzamento do álbum, James Iha, antigo membro de The Smashing Pumpkins, converteuse no novo guitarrista da banda. Nese mesmo ano, o grupo participou no festival Lollapalooza ao lado de bandas coma Audioslave, Queens of the Stone Age e Jane's Addiction.
En 2004 A Perfect Circle decidiu participar na loita contra a reelección do presidente George W. Bush nos Estados Unidos. A banda lanzou eMOTIVe, que é basicamente unha protesta en forma de disco conceptual. O tracklist do álbum contén poucas cancións inéditas, como "Passive" (a versión final de "Vacant", que a banda tocaba na xira de Mer de Noms) e "Counting Bodies Like Sheep to the Rhythm of Our Drums" (esta basicamente é unha versión sampleada de "Pet", do disco anterior). De entre as versións, destacan a de "Imagine", de John Lennon, e "What's So Funny About Peace, Love And Understanding" de Elvis Costello. Con eMOTIVe, A Perfect Circle distánciase dos seus sons máis pesados, engadindo elementos electrónicos que contribúen no lado máis lúgubre da banda. Dúas semanas despois do lanzamento de eMOTIVe, a banda presentou o DVD aMOTION, que contén todos os videoclips do grupo, acompañado dun CD de son con mesturas.
Hiato
[editar | editar a fonte]A banda permaneceu inactiva despois de tocar o seu último concero o 13 de xuño do 2004 en Denver, Colorado. Keenan centrou o seu traballo no seguinte álbum de Tool, 10,000 Days, mentres que Howerdel iniciou un proxecto paralelo con Josh Freese, chamado Ashes Divide. O resto dos membros uníronse a distintos proxectos de xira e de gravación.[3][4] Ademais Keenan editou o seu primeiro álbum co seu proxecto Puscifer o 30 de outubro do 2007, V is for Vagina. O resto da banda tamén tomou diferentes camiños. Freese encargouse novamente da batería de Nine Inch Nails. White volveu a reunirse con Marilyn Manson na guitarra co seu seudónimo Twiggy Ramirez, e Iha comezou a traballar nun novo disco en solitario, despois de que houbese rumores sobre a posibilidade de que este se reunise novamente con The Smashing Pumpkins no 2007.
Regreso
[editar | editar a fonte]O 9 de decembro do 2008 blabbermouth.net publicou que Keenan anunciara que el e Howerdel estiveran compoñendo novos temas para A Perfect Circle.[5] Porén, Keenan tamén dixo que a banda non tiña plans para facer unha xira ou gravar un novo álbum e a banda estivo oficialmente en hiato ata mediados de 2010.[6] O punto de inflexión foi unha inesperada colaboración entre Keenan e Howerdel; Keenan tiña programado tocar unha versión de "Bohemian Rhapsody" con Brian May no mes de xuño na E3 2010, pero May tivo que cancelar a actuación a última hora.[7] Necesitando un guitarrista, e sabendo que Howerdel estaba na zona, Keenan falou con el e Howerdel tocou a guitarra na canción.[7] A pesar de ter pouco tempo para prepararse a actuación foi un éxito, e posteriormente ámbolos dous sentíronse máis obrigados a tocar xuntos novamente.[8]
O 3 de agosto do 2010 Howerdel puxo na súa conta de Twitter "The APC dust is shaking off!" (o po de APC estase sacudindo). Posteriormente, Josh Freese posteou vía Facebook "I'm happy to report that A Perfect Circle is waking up from it's 6 year slumber...and we're going to be 'doing stuff' soon" (estou contento de anunciar que A Perfect Circle está espertando do seu letargo de seis anos... e dirixímonos a facer cousas cedo). O Twitter oficial da banda posteou entón unha actualización dicindo "Go tell Aunt Rosie... The old grey goose is dead not" (vai dicirlle a tía Rosie... o vello ganso gris non está morto), con ligazóns as contas de Twitter de Billy Howerdel, Josh Freese, a banda de Troy Van Leeuwen Sweethead, Matt McJunkins, Danny Lohner, Paz Lenchantin e Maynard James Keenan. Un tweet posterior tamén ligaba con James Iha. Todos eles foran membros ou colaboradores da banda no pasado coa excepción de McJunkins, que fora membro de xira na outra banda de Howerdel, Ashes Divide, e do proxecto de Keenan Puscifer.
O 13 de setembro a banda anunciou datas de xira nas cales tiñan a intención de tocar enteiros os seus tres álbums, tocando un disco cada noite. Tamén anunciaron que a banda estaría formada por Maynard James Keenan, Billy Howerdel, Josh Freese, Matt McJunkins e James Iha.
O día 27 de outubro a banda realizou a súa primeira aparición en televisión dende a súa reunión no programa Jimmy Kimmel Live!, realizando un pequeno concerto. A interpretación de "Weak and Powerless" e "Imagine" serían emitidas[9]. O grupo tamén actuou en Last Call with Carson Daly o 12 de novembro, con Keenan como un dos convidados do programa.
A Perfect Circle continuou xirando en 2011. A finais de marzo anunciouse a través da súa páxina unha xira por Norteamérica con concertos en 24 cidades. A banda actuou no Rock on the Range Festival de Columbus, Ohio o 22 de maio[10], no Boonstock Music Festival de Edmonton, Alberta o 2 de xullo[11], no Edgefest de Toronto o 9 de xullo, e no Bluesfest de Otava o 10 de xullo de 2011. Tamén tocaron no Kanrocksas Music Festival en Kansas City o 6 de agosto e no Lollapalooza en Chicago nese mesmo mes. Freese non estivo coa banda nesa xira debido a un conflito de datas con Weezer e Jeff Friedl, batería de Ashes Divide, ocupou o seu lugar.
Keenan e Howerdel continuaron facendo alusión á gravación de nocva música, pero seguiron dicindo que o proceso era lento, a loxística dos cartos e a dispoñibilidade facíano difícil, e que un álbum completo aínda era improbable, favorecendo o lanzamento de sinxelos no seu lugar. Só unha nova canción, "By and Down", foi interpretada nos concertos.[12] A finais de ano Keenan revelou que ningún material estaba lista para publicar, e que no 2012 tanto el como Howerdel regresarían aos seus outros proxectos, Puscifer e Ashes Divide.[13] A banda estivo inactiva no transcurso de 2012, realizando só un concerto en decembro.[14] Antes do concerto, no mes de outubro, Freese anunciou que deixaría a banda, sendo substituído por Friedl.[15][16]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Mer de Noms | 2000 | Virgin Records |
Thirteenth Step | 2003 | Virgin Records |
eMOTIVe | 2003 | Virgin Records |
Eat the Elephant | 2018 | BMG Rights Management |
EPs
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Deep Cuts | 2009 | Virgin Records |
DVDs e outros
[editar | editar a fonte]Sinxelos
[editar | editar a fonte]- "Judith" (2000)
- "3 Libras" (2000)
- "The Hollow" (2001)
- "Weak and Powerless" (2003)
- "The Outsider" (2003)
- "Blue" (2004)
- "Imagine" (2004)
- "Passive" (2005)
Membros
[editar | editar a fonte]Membros actuais
[editar | editar a fonte]- Maynard James Keenan: voz.
- Billy Howerdel: guitarra e voz.
- James Iha: guitarra.
- Jeordie White (Twiggy Ramirez): baixo.
- Josh Freese: batería.
Antigos membros
[editar | editar a fonte]- Troy Van Leeuwen: guitarra e voz.
- Danny Lohner: guitarra.
- Paz Lenchantin: baixo e violín.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ["New Music From A Perfect Circle On The Way?". blabbermouth.net (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 15 de marzo de 2013. blabbermouth.net - New Music From A Perfect Circle On The Way?(en inglés)]
- ↑ "Rolling Stone - Maynard James Keenan Knows Where to Score a Good Wig". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2013. Consultado o 03 de outubro de 2013.
- ↑ Blabbermouth (2005-01-25). "A PERFECT CIRCLE's JOSH FREESE Drumming For STING". BLABBERMOUTH.NET. Consultado o 2019-12-30.
- ↑ Archive-Jon-Wiederhorn. "A Perfect Circle Prepare For Hibernation". MTV News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2020. Consultado o 2019-12-30.
- ↑ "New Music From A Perfect Circle On The Way?". Blabbermouth. Archived from the original on 11 de outubro de 2011. Consultado o 17 de setembro de 2018.
- ↑ Blabbermouth (2010-06-18). "A PERFECT CIRCLE Is Coming Around Again". BLABBERMOUTH.NET. Consultado o 2019-12-30.
- ↑ 7,0 7,1 "Maynard James Keenan: Going Postal". Revolver (en inglés). 2013-03-01. Consultado o 2019-12-30.
- ↑ "Maynard James Keenan, Billy Howerdel on A Perfect Circle's Return to a "Doomed" World". Revolver (en inglés). 2018-04-04. Consultado o 2019-12-30.
- ↑ ["A Perfect Circle Performs On Jimmy Kimmel Live!". blabbermouth.net (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 15 de marzo de 2013. blabbermouth.net - A Perfect Circle Performs On Jimmy Kimmel Live! (en inglés)]
- ↑ "Cartel do Rock on the Range Festival 2011". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2011. Consultado o 15 de xullo de 2011.
- ↑ "Cartel do Boonstock Music Festival". Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2011. Consultado o 06 de xullo de 2011.
- ↑ "A Perfect Circle Unveils New Song, 'By & Down,' for Summer Tour". Billboard. Consultado o 2019-12-30.
- ↑ Wiederhorn, Jon. "Maynard James Keenan Talks Puscifer, A Perfect Circle and the Latest on Tool". Loudwire (en inglés). Consultado o 2019-12-30.
- ↑ Blabbermouth (2012-09-10). "A PERFECT CIRCLE To Play One-Off Show In Las Vegas". BLABBERMOUTH.NET. Consultado o 2019-12-30.
- ↑ "Drummer Josh Freese Exits A Perfect Circle". Theprp.com (en inglés). 2012-10-02. Consultado o 2019-12-30.
- ↑ Blabbermouth (2012-10-02). "Drummer JOSH FREESE Quits A PERFECT CIRCLE". BLABBERMOUTH.NET. Consultado o 2019-12-30.