A Night at the Opera
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2016.) |
A Night at the Opera | ||||
---|---|---|---|---|
Álbum de Queen | ||||
Publicado | 21 de novembro de 1975 | |||
Gravación | agosto - novembro de 1975 | |||
Duración | 43:10 | |||
Xénero(s) | rock | |||
Selo(s) | EMI (Europa) Parlophone (EEUU) | |||
Produtor | Roy Thomas Baker, Queen | |||
Cronoloxía | ||||
| ||||
Na rede | ||||
[ editar datos en Wikidata ] | ||||
A Night at the Opera (en galego: "Unha noite na ópera") é o cuarto álbum de estudio da banda británica de rock Queen, lanzado o 21 de novembro de 1975 en Europa e o 2 de decembro en América.
Con este álbum, Queen adoptou unha sonoridade diferente comparada cos seus discos anteriores, facendo moito uso dun piano e de moitos outros instrumentos nunca utilizados polo grupo ata entón. Cancións como You're My Best Friend" e Bohemian Rhapsody conseguiron un éxito moi salientable e foron executadas en todos os concertos do grupo desde ese momento. A pesar de que Freddie Mercury, o vocalista, e Brian May, o guitarrista, compuxeron a maioría das letras, o baixista e o batería, John Deacon e Roger Taylor, tamén contribuíron con cancións propias e todos traballaron igualmente no arranxo das melodías. Bohemian Rhapsody" é a canción máis innovadora do disco, dividida en tres partes e sen refrán, que mestura rock e ópera. Todo o instrumental do álbum foi gravado separadamente por cada membro do grupo en diferentes estudios, e a portada foi obra de Freddie Mercury.
Ao pouco do seu lanzamento, A Night at the Opera chegou a alcanzar o número un da UK Albums Chart do Reino Unido, e o cuarto posto na Billboard 200" dos Estados Unidos. Este disco levou a Queen á popularidade mundial e á súa consagración no mundo da música. O álbum tamén foi un éxito de crítica, e apuntouse frecuentemente como un dos mellores discos da música en xeral. Nos anos 70 chegou a vender máis de cinco millóns de copias, un número impresionante para o mercado da época.
Antecedentes e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]En 1975, Queen xa era unha banda de popularidade considerable no Reino Unido e en América, especialmente despois as vendas do disco Sheer Heart Attack. Porén, había moita tensión arredor do grupo por mor da forma en que os trataba a súa discográfica e polo xeito de actuar do seu representante, Norman Sheffield. Por iso o grupo decidiu prescindir del e asumir o control total sobre o seu traballo a partir daquel momento. Axiña decidiu gravar un novo disco para proseguir a súa carreira. Queen tamén rompeu o seu contrato con Trident Studios e asinou coa Swan Song Records coa intermediación de Peter Grant, que se converteu no seu novo representante ao lado de John Reid.
En agosto de 1975, Queen tiña unha gran cantidade de cancións novas dispostas para seren gravadas. Para que cada membro puidese dedicarse máis ao traballo, os catro integrantes decidiron realizar as súas respectivas gravacións en estudios separados, e despois todos se reuniron para finalizar o traballo xuntos en Rockfield Studios. Todo quedou preparado en menos dun mes. Logo do remate das gravacións, os integrantes de grupo tardaron moi poucos días en completar a edición e a masterización do disco. A Night at the Opera custou máis de 200.000 libras esterlinas, e converteuse na época no disco máis caro ata entón.
Gravación
[editar | editar a fonte]Queen usou unha gran variedade de instrumentos para gravar A Night at the Opera e conseguir os estraños sons que imaxinaran para as súas cancións. Freddie Mercury desenvolveu todo o instrumental no seu piano e despois pasoullo a May para conducir o seu traballo, especialmente no caso de Death on Two Legs (Dedicated to...) e de Bohemian Rhapsody". Death on Two Legs posúe unha letra agresiva e May revelou que chegou a se sentir incomodado ao ter de cantar algunhas das súas partes. Para gravar o disco, Mercury usou un piano Bechstein que posteriormente utilizou durante a xira polo Reino Unido. Taylor gravou toda a versión orixinal de I'm in Love With My Car na súa casa.
A gravación de You're My Best Friend xerou unha pequena discordancia entre o grupo, pois para crear o efecto eléctrico que John Deacon quería cumpría o uso dun piano eléctrico Wurlitzer e Mercury rexeitou tocalo, polo que tivo que ser o propio Deacon quen o tocou. May gravou as voces principais de '39 e tocou tamén a guitarra, con Mercury e May cantando en diferentes tons para crear o apoio vocal, incluíndo un ton en falsete de Taylor, que xa usara anteriormente en gravacións antigas como The March of the Black Queen e Father to Son. Sweet Lady foi unha das máis difíciles de gravar para a banda; May tivo que tocar a súa guitarra de xeito máis rápido que o común, e o seu solo utilizouse máis tarde en directo para tocar a versión rápida de We Will Rock You. Aos cincuenta e un segundos de Seaside Rendezvous preséntase o inicio dunha sección vocal sombría que Mercury e Taylor gravaron usando unicamente as súas voces e alterando a mestura; ambos utilizaron as súas voces para imitar unha serie de instrumentos diferentes, de vento e metal. Á fin, a canción presenta unha sección de ritmo máis bailable que Mercury xerou na propia mesa de mesturas batendo dedais cos dedos das súas mans.
The Prophet's Song tamén posúe unha longa sección vocal na que as voces de Mercury, May e Taylor se superpuxeron e se alteraron para crear un efecto psicodélico, semellante á edición vocal feita para Bohemian Rhapsody. Os longos solos que hai nesta canción foron logrados por May gravando o son da súa guitarra en tres pistas diferentes e despois sobrepoñéndoo todo, con algúns segundos de atraso. En Love Of My Life, Mercury fixo todas as voces e tocou un piano clásico, e May tocou unha guitarra acústica, ademais da súa guitarra eléctrica Red Special, dependendo da sección, e tamén engadiu un son de arpa ao final, logo de convencer a Mercury de que era unha boa idea. May cantou todas as voces en Good Company e tamén usou un ukelele hawaiano. God Save the Queen, que pecha o disco, é o himno nacional inglés e está presente no disco como unha peza instrumental que May gravou en 1974, orixinalmente ao piano e logo acondcionado para guitarra, ditando un ritmo propio e creando un rearranxo respecto á melodía orixinal.
Éxito entre o público e a crítica
[editar | editar a fonte]Repercusión comercial
[editar | editar a fonte]O álbum supuxo un éxito inmediato no Reino Unido ao pouco do seu lanzamento e chegou directamente ao cumio das listas dese país, onde se mantivo durante seis semanas non consecutivas. Paralelamente, que o seu sinxelo principal, Bohemian Rhapsody, mantívose no número un das listas durante nove semanas seguidas. Tardou pocu tempo en acadar o disco de platino no Reino Unido, con máis de 300.000 copias vendidas. Mesmo tendo en conta que se lanzou ao mercado só un mes antes do final do ano, converteuse no décimo segundo disco máis vendido do ano no país. Nos Estados Unidos, o disco chegou á cuarta posición da Billboard 200, entanto que Bohemian Rhapsody chegou ao noveno posto da Billboard Hot 100, o que supuxo unha gran sorpresa para a discográfica, que non pensaba que a canción fose unha boa promoción para o disco. En dous meses, o álbum vendeu un millón de copias nese país e gañou o disco de platino. A día de hoxe, as vendas xa superan os tres milóns de unidades. O álbum chegou tamén ao cumio das listaxes de vendas en Australia, os Países Baixos e en Nova Zelandia. Á fin de 1976, o disco vendera máis de cinco millóns de copias en todo o mundo, un número inédito ata entón.
Avaliación da crítica
[editar | editar a fonte]A Night at the Opera tamén supuxo un notable éxito de crítica e é hoxe considerado como un dos maiores clásicos do seu xénero. Stephen Thomas Erlewine, de AllMusic, escribiu que o álbum é un "icónico marco dos anos 70". Kris Nicholson, da revista Rolling Stone, escribiu que o que máis impresiona é a "facilidade coa que Queen pon tantos estilos xuntos e harmonía". En Melody Maker, John Grat describiu o álbum como "moi forte" e recomendou aos oíntes que "o colocasen a todo volume e aproveitasen". Marck Nutts, da BBC, escribiu que Queen demostrou ter un potencial ilimitado con ese disco.
Cancións
[editar | editar a fonte]- 1. Death on Two Legs (Dedicated to...) – 3:43
- 2. Lazing on a Sunday Afternoon – 1:07
- 3. I'm in Love with My Car – 3:05
- 4. You're My Best Friend – 2:52
- 5. '39 – 3:30
- 6. Sweet Lady – 4:03
- 7. Seaside Rendezvous – 2:14
- 8. The Prophet's Song" – 8:20
- 9. Love of My Life – 3:38
- 10. Good Company – 3:23
- 11. Bohemian Rhapsody – 5:54
- 12. God Save the Queen – 1:13
Cadro artístico e técnico
[editar | editar a fonte]Banda
[editar | editar a fonte]- Freddie Mercury: voces, piano e voces de apoio.
- Brian May: guitarra acústica, koto, ukelele, arpa, voces e voces de apoio.
- Roger Taylor: batería, gong, tímpano, pandeiro, voces, efectos de guitarra e voces de apoio.
- John Deacon: baixo, contrabaixo e piano.
Equipo técnixo
[editar | editar a fonte]- Roy Thomas Baker: produción musical.
- Mike Stone: enxeñaría de son.
- Gary Lyons: enxeñaría de son.
- David Costa: dirección de arte.
Este artigo sobre moda é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |
Este artigo sobre música é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |