Saltar ao contido

Sílex

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para a editorial madrileña véxase: Sílex Ediciones.
Fragmentos de sílex.

O sílex[1][2] (SiO2), chamado tamén pedernal, é unha variedade criptocristalina (agregados de cristais só observábeis ao microscopio electrónico) do cuarzo que se presenta xeralmente en masas compactas, de cores variadas (cincenta, negra, amarela e outras), de gran dureza (7 na escala de Mohs) e fractura concoide, polo que foi moi usado nas culturas primitivas para a fabricación de ferramentas e trebellos.[3]

Xacementos

[editar | editar a fonte]

Moi abundante, aparece en forma de nódulos ou masas en formacións de xeso ou rochas calcarias, e en certos solos arxilosos, xeralmente debidos a alteracións da creta.

Nódulos de sílex incluídos nun terreo calcario.

A formación do sílex é un fenómeno complexo. Admítese xeralmente que esta rocha se forma a partir de auga de mar ou dos lagos saturada en sílice.

Este fenómeno pode producirse:

  • en clima tropical, en épocas nas que os solos vermellos sufriron unha alteración física e química (meteorización) intensa;
  • por descomposición de exoesqueletos silícicos de organismos mariños tales coma as diatomeas ou certas esponxas;
  • por achegas masivas de sílice pola sedimentación oceánica de cinzas volcánicas no curso de episodios eruptivos violentos.

A sílice precipita entón no leito dos océanos, en forma de aglomerados que forman nódulos, ou enchendo cavidades deixadas na creta (ou outras formas de calcarias) e cristaliza en nódulos.

Semella que algúns obxectos ou organismos puideran contribuír a iniciar a cristalización de certos sílex. Encontráronse, por exemplo, fósiles de esponxas ou de ourizos de mar no núcleo de certos sílex.

Nesta hipótese, o nódulo formaríase —no curso dunha reacción autocatalítica lenta— na epixenesia das calcarias do contorno, é dicir, que as moléculas de carbonato de calcio foron substituídas unha a unha por moléculas de sílice, sen cambiar a estrutura orixinal da rocha; así o sílex crecería a expensas da calcaria. O fenómeno de formación dun nódulo de sílex detense cando os depósitos de calcaria o envolven e o privan da chegada do sílice disolvido na auga.

Usos e aplicacións

[editar | editar a fonte]

O sílex foi utilizado ao longo da prehistoria e da protohistoria para a fabricación de utensilios, (coitelos) e de armas (puntas de frecha e de lanza) debido á súa gran dureza e ao corte incisivo das súas arestas, dada á súa propiedade de fracturarse segundo leis constantes e controlábeis, formando arestas cortantes (fractura concoide).

A percusión dun anaco de sílex é tamén unha das técnicas de produción de fogo: golpeando contra unha rocha rica en ferro ou contra un anaco de aceiro, o sílex produce faíscas susceptíbeis de seren fixadas por certos materiais. Desde o século VIII até o XIX, o sílex utilizouse coma percusor nos mosquetes e fusís.

Esta aplicación continúa até os nosos días, sendo común que se utilice para producir a chispa nos chisqueiros.

Tamén foi moi utilizado na construción, e aínda o é, en Inglaterra e en varias rexións de Francia.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sílex.
  2. "sílex". TERGAL. Arquivado dende o orixinal o 09/05/2018. Consultado o 09/05/2018. 
  3. Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. "Glosario de geología". 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]