Saltar ao contido

Cromoplasto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Interconversións dos distintos tipos de plastos.

Os cromoplastos son un tipo de plastos encargado da síntese e almacenamento de pigmentos. Estes orgánulos, como todos os plastos, son típicos de especies fotosintéticas eucarióticas.

Características

[editar | editar a fonte]

Atópanse cromoplastos, no senso habitual do termo, en órganos coloreados das plantas, como poden ser os froitos e, en moitos casos, os pétalos, e a eles débense as cores distintivas deses órganos, asociadas cunha acumulación masiva neles de pigmentos carotenoides . Pero hai que sinalar que nalgúns casos os pigmentos están acumulados en vacúolos e non en cromoplastos, como pasa cos pigmentos antocianos que lle dan cor a moitas flores.

Os cromoplastos sintetizan e almacenan pigmentos tales como o caroteno laranxa, ou as xantofilas amarelas e varios outros pigmentos; e a súa cor varía dependendo dos pigmentos que contén. O principal papel evolutivo que desempeñan os cromoplastos seguramente é atraer aos animais polinizadores e dispersores de sementes coas cores rechamantes das flores e froitos. Os cromoplastos permiten a acumulación de grandes cantidades de compostos insolubles en auga (carotenoides) en tecidos acuosos da planta.

Nos cloroplastos fotosintéticos os carotenoides tamén existen e úsanse como pigmentos accesorios na captación de luz na fotosíntese (os principais son as clorofilas), xa que incrementan a eficacia na captación de luz nos fotosistemas. O cambio de cor das follas en outono débese á perda das clorofilas verdes que enmascaraban os carotenoides que estaban xa presentes na folla, sen que se sinteticen cantidades importantes de novos carotenoides. Por tanto, o cambio nos pigmentos dos plastos asociados coa senescencia das follas é diferente da conversión activa de pigmentos observada nos cromoplastos de froitos e flores.

Os cromoplastos orixínanse a partir da transformación de cloroplastos, que perden a clorofila e acumulan carotenoides, como sucede durante a maduración de moitos froitos (tomate, laranxa), mais tamén poden orixinarse a partir de proplastidios indiferenciados. Nalgúns casos o cromoplasto pode converterse en cloroplasto, como sucede na parte superior das raíces de cenoria que quedan expostas á luz.

O termo cromoplasto tense usado en ocasións nun senso amplo para designar calquera tipo de plasto pigmentado, o que incluiría no termo tanto aos cromoplastos coma aos cloroplastos, para así distinguilos dos plastos non pigmentados ou incoloros, chamados leucoplastos, como os amiloplastos. Non obstante, o termo cromoplasto é moito máis a miúdo usado nun senso máis estrito como plasto coloreado que non contén clorofila.

Hai catro tipos de cromoplastos clasificados segundo a súa estrutura:

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]