Saltar ao contido

Salvelinus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Salvelinus
Rango fósil: mioceno tardío - actualidade[1]

Salvelinus fontinalis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Protacanthopterygii
Orde: Salmoniformes
Familia: Salmonidae
Subfamilia: Salmoninae
Xénero: Salvelinus
J. Richardson, 1836[2]
Especie tipo
Salvelinus umbla
(Linnaeus, 1758)
Especies
Ver no texto

Salvelinus é un xénero de peixes osteíctios da orde dos salmoniformes, familia dos salmónidos e subfamilia dos salmoninos, que comprende numerosas especies denominadas troitas, moitas delas moi apreciadas na pesca deportiva.

Características

[editar | editar a fonte]

A súa forma é a típica da familia, co corpo alongado, fusiforme e musculoso e deprimido nos flancos; a cabeza é afiada cara ao fociño, e está provista de fortes mandíbulas. A aleta adiposa está presente.

A coloración adoita ser parda prateada, con estrías pardas ou de cor area, e con manchas vermellas, no dorso e nos flancos. O ventre é máis claro. No período reprodutivo a coloración dos machos é máis brillante.

As aletas pectorais, pelvianas, anal e a parte inferior das aletas caudais presentan o bordo abrancazado ou de cor crema.

As escamas adoitan seren pequenas, levando de 115 a 200 ao longo da liña lateral.

As dimensións son variábeis, dependendo da especie, indo desde os 15 cm do Salvelinus lonsdalii aos 150 cm da troita lacustre americana (Salvelinus namaycush).

A maioría das especies poden identificarse a simple vista polas pequenas manchas de cor crema, rosada ou vermella que salfiren o seu corpo escuro.

Distribución, hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Os Savelinus están presentes na parte setentrional do hemisferio boreal.

Prefiren as augas doces frescas e transparentes. Porén, algunhas especies son anádromas.

Certas destas troitas, de moi pequeno tamaño, viven até os 80 m de profundidade nalgúns lagos.

Os Salvelinus son moi sensíbeis aos cambios na calidade da auga, e algunhas especies, como Salvelinus neocomensis e S. profundus, extinguíronse por esta causa.[3]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Son peixes carnívoros depredadoras. Aliméntanse de larvas de insectos, insectos adultos, pequenos crustáceos, vermes, peixes e crías destes últimos.

Debido á calidade da súa carne, moitas especies son moi apreciadas na pesca deportiva, e unhas poucas, como a troita lacustre americana, son obxecto de pesca comercial e da acuicultura. En ocasións, algúns espécimes escapan, converténdose en especies invasoras.

O xénero foi descrito en 1836 polo naturalista escocés John Richardson.[2]

A súa taxonomía, como a de todos os salmónidos, é controvertida. Por exemplo, FishBase, en 2012 recoñecía 51 especies dentro do xénero (inclúense algunhas recentemente extinguidas):[4]

Porén o World Register of Marine Species (2014), só admite estas seis:[2]

  • Salvelinus albus Glubokovsky, 1977
  • Salvelinus confluentus (Suckley, 1859)
  • Salvelinus fontinalis (Mitchill, 1814)
  • Salvelinus levanidovi Chereshnev, Skopets & Gudkov, 1989
  • Salvelinus namaycush (Walbaum, 1792)
  • Salvelinus taranetzi Kaganowsky, 1955

Nota: Para outras clasificacións véxanse as bases de datos indicadas nas ligazóns externas.

  1. Sepkoski (2002)
  2. 2,0 2,1 2,2 Salvelinus Richardson, 1836 no WoRMS.
  3. Red List - Volume 1: Vertebrates (2009) - General assessment for the vertebrate groups Arquivado 23 de xuño de 2013 en Wayback Machine. (en inglés)
  4. Froese, Rainer & Daniel Pauly, eds. (2012): Species of Salvelinus en FishBase.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Lahuerta, F. e Vázquez. F. X. (2000), p. 61.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Eschmeyer, W. N. (ed.) (2014): Catalog of fishes: Genera, Species, References. California Academy of Sciences, department Ichtyology.
  • Esteve, Manu (2005): "Observations of spawnig behaviour in Salmoninae: Salmo, Oncorhynchs and Salvelinus". Reviews in Fish Biology and Fischeries 15: 1-21.
  • Froese, Rainer & Daniel Pauly, eds. (2008): Salmoniformes en FishBase.
  • Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, J. S. (2006): Fishes of the World. 4th ed. Nova York: John Wiley and Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Sepkoski, Jack (2002): "Osteichthyes", en "A compendium of fossil marine animal genera". Bulletin of American Paleontology 364: 560. HTML texto completo Arquivado 23 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al. (Eds.) (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]